A Xunta volve aprobar 12 anos despois o estudo ambiental da autovía Santiago-A Estrada, que xa non chegará á Estrada

Alfonso Rueda e o alcalde da Estrada, o popular José López Campos, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

Continuación da AG-59 entre Compostela e Teo inaugurada en 2008, a anterior autorización caducou tras paralizar Feijóo actuacións pola crise de hai unha década e o novo proxecto xa non enlazará coa circunvalación da Estrada, tamén demorada polo ministerio

O 25 de outubro de 2010 a Xunta publicou no Diario Oficial de Galicia a declaración de impacto ambiental da Autovía AG-59 entre Santiago e A Estrada. Este martes 9 de agosto de 2022, case doce anos máis tarde e despois de que a anterior autorización caducase, a Xunta volveu publicar o mesmo trámite, pero desta volta a autovía á Estrada xa non rematará na Estrada senón 4,5 quilómetros antes do previsto. Será cando o Goberno galego se decida a continuar unha infraestrutura que hoxe conta con 6,5 quilómetros rematados, entre Santiago e o lugar da Ramallosa, en Teo, e cuxo seguinte treito, que ía ter 12 quilómetros, paralizou pola crise de hai unha década e agora retoma recortado a só 7,5 quilometros.

Inauguración do treito Santiago-A Ramallosa da AG-59, o 21 de novembro de 2008 © Concello de Santiago

Hai case catorce anos, o 21 de novembro de 2008, o daquela presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e o alcalde de Teo, Martiño Noriega, inauguraban o que o Goberno galego denominaba “primeiro treito” da autovía AG-59 Santiago-A Estrada, ata A Ramallosa, en Teo, de 6 quilómetros. Cando menos dun ano máis tarde Feijóo chegou á Xunta a continuación da autovía ata A Estrada, ao longo doutros 12 quilómetros máis, quedou aparcada pola crise, aínda que neste tempo a Xunta evitou dala por cancelada argumentando sucesivamente diversos trámites e modificacións. 

Durante este tempo caducou o estudo ambiental co que xa contaba a infraestrutura, así que a Xunta tivo que iniciar un novo, pero xa non o fixo sobre a totalidade dos 12 quilómetros previstos inicialmente senón sobre un proxecto recortado a 7,5, ata que a autovía enlaza coa estrada PO-841. O seguinte treito, de 4,5 quilómetros ata a futura circunvalación da Estrada, xa non figura nos plans do Goberno galego. 

Trazado orixinal da AG-59 Santiago-A Estrada CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Estado leva tres décadas estudando trazados para a circunvalación da Estrada, tamén sen expectativas de que sexa unha realidade a curto ou medio prazo

Pero tampouco a circunvalación da Estrada, competencia estatal ao ser unha alternativa á N-640 que atravesa a vila, acaba de arrancar. Esa infraestrutura leva tres décadas en estudo sen expectativas de que sexa unha realidade a curto ou medio prazo. De feito, hai tres anos o Ministerio para a Transición Ecolóxica reiniciou tamén a súa avaliación ambiental despois de que o Ministerio de Transportes propuxese unha nova modificación no seu trazado cun túnel para reducir a afección da infraestrutura a un castro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.