A Xustiza e o pau das europeas apréndenlle a dimitir ao PP galego

Prado anuncia a súa dimisión como voceira do PPdeG © PPdeG

Un xuízo, unha condena por prevaricación e unha caída histórica nas urnas. Foron as tres chaves que en menos dúas semanas serviron para abrir no PP galego a porta das dimisións, as mesmas que a oposición viña reclamando dende había meses e para as que os conservadores, cando menos en público, non atopaban motivos dabondo. O primeiro en facelo foi o concelleiros de Deportes compostelán, tras un ano imputado na Pokémon e cando sumou unha nova querela, seguírono os edís condenados por pretender pagarlle o avogado sen cumprir a legalidade, continuou outra concelleira incausada pola presunta trama corrupta e este mércores culminou Paula Prado, voceira dos populares en Galicia e, polo tanto, número tres do partido que encabeza Alberto Núñez Feijóo.

Nas últimas horas de ausencia do presidente da Xunta -Feijóo regresa este mércores dunha viaxe ao Xapón que durou case unha semana- Prado convocou á prensa para, tres meses despois da súa última comparecencia pública, anunciar a súa renuncia ao posto no partido, pero non ao seu escano no Parlamento de Galicia. A que fora considerada como aspirante natural á Alcaldía da capital de Galicia marcha porque as súas intervencións ante os xornalistas xa "non servían para transmitir a mensaxe do PP", toda vez que as preguntas se centraban sistematicamente nas revelacións do sumario da Pokémon que a vinculan cunha factura presuntamente "inchada" e con supostos enchufes.

A xuíza di que as actuacións de Prado "poderían ser constitutivas de infracción penal"

"Nunca xamais participei nese contrato, inchei ningunha factura nin manipulei ningún expediente", asegura, nun contexto no que a súa situación "procesual" non mudou. Segue sendo testemuña, cando menos de momento, aínda que a xuíza Pilar de Lara crease unha peza separada sobre ela ao considerar que as súas operacións como concelleira en Santiago "poderían ser constitutivas de infracción penal". A xuízo de Prado todas estas revelacións teñen unha "dubidosa relevancia" e son, unicamente, "extractos" da súa "vida privada". "Non contemplo, en ningún caso, a posibilidade de que me imputen", agrega.

Prado coida que a Pokémon "non afecta en absoluto" ao seu posto no Parlamento e por iso o conservará

Nestas circunstancias cabe preguntarse por que se produce agora esta dimisión. Ela, asegura, puxo o seu cargo á disposición de Feijóo e de Alfonso Rueda xa no mes de febreiro e os seus xefes de filas responderon con palabras de "apoio". Agora abandona a portavocía de maneira "irrevogable" porque "o partido está experimentando cambios noutros niveis" e cre axeitado que as eleccións municipais de 2015 sexan afrontadas por "un equipo novo". "Son días de saídas" e, "dez días despois das eleccións europeas" é un "bo momento" para o relevo no seu cargo orgánico pero non así no institucional. "Son unha deputada moi traballadora" e por iso vai seguir no Pazo do Hórreo. "Unha cousa é o labor de comunicación e outra, a de lexisladora". Ao seu xuízo, as súas eventuais implicacións na Pokémon "non afectan en absoluto" ao seu posto parlamentario.

HABERÁ AMPLIACIÓN

Prado anuncia a súa dimisión como voceira do PPdeG © PPdeG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.