A Xustiza investiga cobros irregulares a usuarias dos Servizos Sociais do Concello de Noia

Casa do Concello de Noia CC-BY-SA Luis Miguel Bugallo Sánchez

A Xustiza investiga supostos cobros irregulares a mulleres vulnerables nun departamento de Servizos Sociais do Concello de Noia. As pescudas que se levan a cabo apuntan a que un asesor xurídico que traballa no Centro de Información á Muller (CIM) reclamou e cobrou cartos a varias persoas pola realización de diferentes trámites e a prestación de servizos xurídicos ao acudiren a reclamar axuda. 

A Xustiza investiga os supostos cobros irregulares a mulleres vulnerables por parte dun traballador dos Servizos Sociais do Concello de Noia

A xuíza dos xulgados da vila noiesa encargada do caso leva xa días chamando a declarar a varias das afectadas por un caso polo que se abriu un expediente no Concello de Noia, que foi investigado tamén por un axente instrutor da Deputación da Coruña e que acabou na Fiscalía, que viu indicios de delito e decidiu trasladar o caso aos xulgados, tal e como confirmaron a Praza.gal fontes do Ministerio Fiscal e da propia administración local. 

As primeiras investigacións remóntanse a xaneiro de 2019, cando varias mulleres presentaran queixas no rexistro municipal polos cobros irregulares, o que levou a apertura dun expediente por parte do Concello que, logo das pescudas levadas a cabo pola Deputación, decidiu poñer en mans de Fiscalía un asunto que incluía graves acusacións e claros indicios de delito. 

Sede do Centro de Información á Muller (CIM) en Noia © Concello de Noia

O CIM, segundo aclara o propio Concello, é "un servizo gratuíto destinado a atender as demandas das mulleres do municipio, proporcionando asesoramento xurídico, atención psicolóxica e outras, que resolve as dúbidas de xeito personalizado e confidencial". En canto aos servizos de avogacía, inclúe axuda en separacións, divorcios, custodias, denuncias de malos tratos ou solicitudes de xustiza gratuíta, entre outras. 

As denuncias de varias usuarias provocaron a apertura dun expediente no Concello e a investigación da Fiscalía, que trasladou o caso aos xulgados

Pero foron, como mínimo, dez as mulleres que denunciaron cobros irregulares por servizos que son de balde, segundo o informe que elaborou a Deputación da Coruña do proceder dun asesor xurídico que continúa a traballar no Concello, aínda que non xa no CIM, e que, segundo denuncian fontes municipais, volveu reclamar cartos a unha persoa vulnerable que acudiu a demandar axuda e que volveu presentar unha queixa no rexistro municipal. 

Ante os xulgados compareceron xa para prestar declaración arredor dunha ducia de persoas. Contaron cadanseu caso, como os que unha das afectadas relata a Praza.gal. "A min pediume cartos por levar a cabo un papeleo que era só copiar dun libro, e chegoume a dicir que non tiña dereito a un avogado de oficio", explica a muller, que acusa o asesor de aproveitarse "da ignorancia ou da situación de necesidade da xente". 

O traballador investigado tería, presuntamente, reclamado e cobrado cartos a mulleres vulnerables: "Aprovéitase da desesperación e necesidade"

"Con todo, acabei denunciando o caso xa non porque me cobrase irregularmente por facer unha xestión, senón porque non facía o seu traballo, incumpría o prometido e acababa prexudicando a miña xestión", explica quen recoñece que tivo que pedir a un familiar os cartos que o asesor do Concello lle pediu "por adiantado". 

O modus operandi era semellante en todos os casos denunciados, de persoas vulnerables, vítimas de violencia de xénero, con problemas económicos ou en risco de exclusión social. "Aprovéitase da xente, da súa desesperación e necesidade", contan fontes municipais. "Facía de ponte entre as persoas usuarias dos Servizos Sociais e un avogado as máis das veces... A uns pedíalles 50 euros, a outros 100, 200... Dependendo do trámite", engade unha fonte coñecedora das denuncias. 

Segue a traballar no Concello

"O problema xurdiu cando, ademais de reclamar cartos, empezou a non cumprir cos trámites dos que dicía encargarse. Nun só día chegaron a entrar ata catro escritos de queixa no rexistro municipal", insisten as mesmas fontes, que relatan outro exemplo do ocorrido. "Asesorou unha muller nun divorcio, cobroulle 100 euros, desapareceu, non colleu o teléfono e acabou implicando outro avogado polo medio", explica. 

Algunhas das persoas afectadas pregúntanse como é posible que a persoa denunciada e investigada continúe traballando no Concello, máis aínda cando hai sospeitas de que volveu ofrecer realizar trámites a cambio dunha cantidade de diñeiro. Consultada a administración local, esta redacción agarda aínda unha resposta. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.