Con só 8 quilómetros, a unión directa en Olmedo (Valladolid) da liña Galicia-Madrid coa que se dirixe ao norte da Península facilitará as viaxes transversais
O Ministerio de Transportes anunciou este xoves a adxudicación, a través de Adif, das obras do denominado bypass de Olmedo, un pequeno treito nesa localidade de Valladolid que facilitará todos os movementos directos posibles entre a liña de alta velocidade Galicia-Madrid e a Madrid-Valladolid, e desde ela co resto do norte peninsular. A obra, de só 8,2 quilómetros e que custará 40 millóns de euros, contribuirá así a superar o deseño radial das liñas de alta velocidade.
O bypass de Olmedo non só permitirá que trens de alta velocidade de Galicia que agora só teñen como destino fóra do país as cidades de Zamora, Segovia ou Madrid poidan tamén dirixirse a Valladolid, León ou Asturias. Tamén facilitará as viaxes transversais de servizos como os Alvia cara a Euskadi ou Catalunya evitando que teñan que facer manobras para enlazar entre a liña que vai a Madrid e a que comunica co norte da Península.
O enlace foi planificado en 2005 e un primeiro proxecto foi iniciado en 2012 pero despois paralizouse. Retomada a súa redacción en 2022, agora adxudícanse as obras da plataforma e nun posterior contrato encargarase o montaxe de vía e os sistemas de electrificación e sinalización. De momento o ministerio non facilitou prazos de execución nin de posta en servizo.

O Ministerio de Transportes salienta a importancia do enlace para as comunicacións transversais na Península e lembra que hai agora dous anos tamén se puxo en servizo un novo túnel para a alta velocidade polo centro de Madrid que facilitou as conexións directas entre os trens do noroeste e os do Levante.