Adif e Xunta publicitan obras complementarias ás portas da chegada do AVE, 20 anos despois da primeira pedra e 12 do Pacto do Obradoiro

Feijóo visitando a nova estación de buses de Ourense, en servizo desde febreiro, levantada xunto á do tren para facilitar a intermodalidade CC-BY-SA Xunta de Galicia

Feijóo visita o remate da terminal de bus de Ourense en servizo desde febreiro á vez que Adif pon en servizo o aparcamento e urbanización desa zona intermodal e a nova estación de Seabra

Co AVE entre Galicia e a Meseta pendente do que determinen as probas de seguridade para que poida entrar en servizo este mesmo ano, Adif e Xunta están a ultimar diversas actuacións paralelas. Chegan xusto no 20 aniversario da colocación da primeira pedra do AVE galego, o 21 de xullo de 2001, e no 12 aniversario do Pacto do Obradoiro para o impulso dos treitos fundamentais da obra que o 21 de xullo de 2009 asinaron o presidente Feijóo e o daquela ministro socialista José Blanco e que a Xunta deu por roto en canto o non se puideron cumprir os prazos da variante de Taboadela, último treito no que tampouco o PP moveu unha pedra cando gobernou.

Reurbanización da praza fronte á estación de tren de Ourense, baixo a que vén de facerse un aparcamento subterráneo, e, ao fondo, acaroada, a nova estación de autobús da cidade para facilitar a intermodalidade © Adif

Este luns Adif abriu ao público a reurbanización da praza situada fronte á estación de tren de Ourense, baixo a que vén de rematar a construción dun aparcamento subterráneo. E ao carón da estación de tren, este martes o presidente Feijóo visitou o remate das obras da nova estación de autobús da cidade, trasladada alí para facilitar a intermodalidade, como tamén se vén de facer hai dous meses en Santiago e como xa ocorría en Pontevedra e Ferrol, coas súas terminais acaroadas. 

Os servizos de bus xa se trasladaran á nova estación de Ourense o pasado febreiro para iniciar a demolición da vella, pero é agora cando a Xunta dá por rematada a nova coa visita de Feijóo. Na súa intervención, o presidente reclamou que Adif constrúa unha nova estación de tren.

Este xoves entra en servizo a nova estación de alta velocidade de Seabra, planificada aproveitando as necesidades técnicas e de seguridade da liña

Ademais, Adif tamén pon en servizo este xoves a nova estación de alta velocidade de Seabra, situada a varios quilómetros da antiga. Unha estación que se planificou aproveitando as necesidades técnicas e de seguridade das liñas de alta velocidade para dotar tamén de servizos a esa zona da fronteira entre Zamora e Ourense así como á zona portuguesa de Bragança. 

Estación de alta velocidade de Seabra planificada aproveitando as necesidades técnicas e de seguridade da liña © Ministerio de Transportes

Á espera dos novos servizos que se habiliten cando se poñan en servizo nos próximos meses os treitos pendentes da liña de alta velocidade entre esa zona e Ourense e comece a funcionar o AVE, de momento teñen parada na nova estación de Seabra catro trens Alvia diarios en cada sentido entre Galicia e Madrid, mentres que a vella estación queda para os servizos rexionais, cada vez menores.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.