Ana Miranda carga contra o "bipartidismo harmónico" de PP e PSOE

Ana Miranda e Xavier Vence, en Monforte CC-BY-SA BNG

Ana Miranda, candidata do BNG ás eleccións europeas, marcou distancia co PSOE e cargou contra o ex ministro de Fomento e candidato socialista, José Blanco, por "presumir de lucensismo" tras "deixar fóra Lugo e Monforte" do tren de alta velocidade. "Noutro tempo, Monforte era a capital do tren", dixo nun mitin nesta localidade, onde lamentou a súa "perda continua de servizos ferroviarios".

Miranda cargou contra José Blanco por "presumir de lucensismo" e "deixar fóra Lugo e Monforte" do tren de alta velocidade

"Os poucos trens que hai aquí tardan tres horas e custan 17 euros", insistiu Miranda, que cre que "non é de recibo" que entre Lugo e Ourense, "a tan só cen quilómetros, se tarde máis que de Madrid a Valencia ou de París a Bruxelas, separadas pro 350 quilómetros". A candidata nacionalista acusou a José Blanco de "esquecerse de Lugo e de Monforte cando deseñou a modernización de liñas ferroviarias en Galicia", pero tamén contra a súa sucesora á fronte de Fomento, "a popular e galeguísima Ana Pastor" por "non remedialo".

En definitiva, Miranda asegura que á hora de "defender os intereses galegos, tanto monta, monta tanto, Arias Cañete como José Blanco". "Para o bipartidismo harmónico españolista, Galicia e os intereses dos galegos, sempre poden esperar", insistiu, tras reivindicar que para o BNG "Galicia é o primeiro, tal e como demostrou en Europa todos estes anos defendendo un transporte público, eficiente, rápido e moderno que vertebre o seu territorio".

"Á hora de defender os intereses galegos, tanto monta, monta tanto, Arias Cañete como José Blanco", di a candidata do BNG

Na súa intervención, Ana Miranda tamén asegurou que "a troika en Galicia chámase Feijóo", porque "representa os recortes de servizos públicos, de educación, de sanidade, das pensións, de salarios". "Feijóo e o PP son a troika en Galicia, os executores dunha política que causa emigración, paro, pobreza, exclusión social e mesmo fame", dixo.

Ademais, a candidata nacionalista, que tamén se reuniu con representantes da plataforma SOS Sanidade Pública de Monforte, defendeu a continuidade do hospital da zona "con todos os servizos sanitarios que merece a comarca de Lemos". Sobre isto, afirmou que "nos intentos de recortar servizos no Hospital de Monforte de Lemos ven as consecuencias das políticas da troika que en Galicia aplica Feijóo e no Estado Rajoy".

Por outra banda, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, chamou a atención sobre o "abandono agrario", do que culpou á UE, que fomenta o "peche de explotacións galegas en lugar de deixalas producir". "Hai que rebelarse o día 25 votando ao Bloque para parar a troika e gañarlle a batalla a estes políticos mentireiros", proclamou Vence antes de acusar a Arias Cañete de "defender os grandes terratenientes como a duquesa de Alba ou á súa propia familia, pero non os pequenos agricultores galegos".

Ana Miranda e Xavier Vence, en Monforte CC-BY-SA BNG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.