Ana Pontón eloxia por "coherente" a chegada ao BNG de Alexandra Fernández, que avanza máis incorporacións

Alexandra Fernández e Ana Pontón, este 3 de marzo en Vigo CC-BY-NC-SA BNG

O Consello Nacional do BNG ratificou o pasado sábado as catro candidaturas da formación para as eleccións do 5 de abril, listaxes que incorporan, no seu terceiro posto por Pontevedra a Alexandra Fernández, ex-deputada de En Marea no Congreso e antiga integrante de Anova. Este martes, Fernández compartiu en Vigo o seu primeiro acto público coa candidata do Bloque á Presidencia, Ana Pontón, e ambas auguraron que a súa non será a última incorporación.

A ex-deputada de En Marea afirma que o seu achegamento ao Bloque parte da "comprensión" de que "a alianza coas forzas estatais estaba esgotada"

Secundada por rostros visibles de formacións soberanistas que nos últimos anos se achegaran ao espazo das mareas, xa fose a nivel local ou galego, Fernández explica que o seu achegamento ao BNG parte da "comprensión" de que "a alianza coas forzas estatais estaba esgotada dende o momento en que obrigaba a facer renuncias en cuestións básicas para o noso país". "Ábrese un novo tempo que pasa por fortalecer o espazo soberanista", resume.

Pontón, na presentación das cabezas de cartel do BNG ás eleccións do 5A CC-BY-NC-SA BNG

Para Pontón, a chegada da ex-deputada a un posto que, a priori, lle dá posibilidades de sentar no vindeiro Parlamento, é a mellor mostra da "vontade de sumar" da actual dirección do Bloque, pero tamén da "coherencia" de Alexandra Fernández. A súa, especifica a candidata, é "unha incorporación que non parte só dunha reflexión persoal, senón colectiva" que "fai que estea máis cerca o cambio galego" o vindeiro 5A.

A candidata do BNG ven en Alexandra Fernández unha referencia máis para a "xente cansa da crítica sen alternativa": "Se algo temos no Bloque, é unha alternativa de futuro para este país", asegura

A xuízo da líder do Bloque, Fernández pasa a ser unha referencia máis para a "xente cansa da crítica sen alternativa" nun contexto no que "se algo tempos" na formación nacionalista, é "unha alternativa de futuro para este país". "Nunca tanta xente me parou pola rúa para dicirme que este é o momento", asegura.

Con este pano de fondo, Alexandra Fernández non desbota novas incorporacións ao BNG ou apostas por "organizarse" en torno ao "soberanismo" por parte de persoas noutrora na contorna das mareas. "Queremos sumar" e facelo "na única organización que ten un proxecto alternativo" tamén "pensando a longo prazo", asegura.

Así e todo, Fernández desbota movementos inmediatos. "Vimos dunha etapa na que as cousas se fixeron con moitas présas" e agora, afirma, cómpren "ritmos máis sosegados". Agora mesmo "o que está en xogo é a gran transformación que precisa este país" a través dun eventual cambio de Goberno tras as eleccións do 5A, advirte. As decisións en clave orgánica, de chegar, virán despois, conclúe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.