Angrois terá á fin autobús cinco anos despois de ver o AVE pasar

Concentración das vítimas do Alvia no centro do barrio de Angrois, a onde á fin chegará o transporte público CC-BY-SA Praza Pública

O AVE pasa polo barrio compostelán de Angrois desde a inauguración da liña Ourense-Santiago o 10 de decembro de 2011. Porén, non será ata dentro duns meses que a veciñanza desta zona da periferia da capital de Galicia poida á fin contar con transporte público, co seu longamente reclamado autobús urbano. Entre mentres, o 24 de xullo de 2013 un Alvia descarrilou ás portas das súas casas deixando 80 mortos e 144 feridos. Os veciños de Angrois botáronse ás vías para axudar e convertéronse nese momento en heroes polo peor dos prexuízos que levan sufrido nun barrio acosado desde hai anos polas infraestruturas sen poder beneficiarse ata o de agora do transporte público.

O barrio compostelán no que en 2013 descarrilou o Alvia, acosado polas infraestruturas, acadará nuns meses a súa vella reivindicación de contar cunha parada de transporte público

Nos anos 50 Angrois era atravesado pola primeira liña ferroviaria Ourense-Santiago. Nos 80 esta era cruzada de xeito transversal pola autoestrada AP-9 no seu treito de circunvalación de Santiago. Na primeira década deste século viron como a liña única do ferrocarril convencional se triplicaba para dar cabida ao seu lado á vía dobre do novo AVE Ourense-Santiago, coméndose boa parte do espazo público no que o barrio celebraba as súas festas, alí onde acabou estrelado o Alvia. E agora aínda están a sufrir as obras en marcha de ampliación da AP-9.

Para cando en 2013 os veciños de Angrois se converteron en heroes, xa levaban anos reclamando ao Concello a modificación dalgunha das liñas de autobús urbano para non ter que desprazarse a pé entre 600 e mil metros ata algunha das paradas máis próximas. Ao converterse en heroes, distintas administracións comezaron a concederlles o que viñan pedindo (un simple parque infantil, que aínda así tardaron tres anos en lograr) e mesmo o que nin se lles ocorrera (unha pista polideportiva e unha área de descanso para os peregrinos do camiño da Ruta da Plata a Santiago que por alí pasa). Pero o transporte público tivo que seguir agardando.

Aínda está pendente de definirse a modalidade do autobús, se será a través da extensión dalgunha liña regular ou a través da nova modalidade de transporte a demanda

O barrio, en partes aldea, ten rúas estreitas, pero ese non é un problema para os autobuses do transporte escolar que si chegan ata o seu centro. A dificultade para o transporte urbano era económica, segundo se lles viña argumentando aos veciños ata o de agora desde o Concello. Porén, o próximo mes de febreiro a actual concesión de transporte urbano chega ao seu remate e o actual goberno local, de Compostela Aberta, está reformulando as liñas de todo o termo municipal antes de volver a sacar a concurso o servizo. Nese proceso, esta semana o concelleiro responsable da área, Jorge Duarte, reuniuse cos veciños de Angrois e avanzoulles que á fin terán transporte público. Aínda está pendente de definirse a modalidade do mesmo, se será a través da extensión dalgunha liña de transporte regular ou a través dunha nova modalidade de transporte a demanda, que acuda cando os veciños o soliciten. Pero Angrois deixará de ver pasar pola porta o transporte público sen poder subirse nel.

Parque infantil que os veciños de Angrois viñan reclamando desde hai anos CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.