As sentenzas contra o urbanismo coruñés das últimas décadas supoñen xa máis de 40 millóns ao Concello

Edificio Conde de Fenosa, na Coruña © Concello da Coruña

Só entre 2015 e 2017, o Concello da Coruña tivo que dedicar máis de 7,2 millóns de euros a pagamentos derivados de malas prácticas urbanísticas de anteriores gobernos municipais. Son, a inmensa maioría, cartos de indemnizacións a propietarios ordenados por sentenzas xudiciais contra a administración local pola mala praxe de anteriores mandatarios. 

“Supón moito diñeiro cada ano”, lamentan fontes do goberno local que, advirten, aínda non ten contabilizado o gasto que en 2018 supuxeron esas indemnizacións xa constantes desde hai anos por diversas desfeitas urbanísticas que seguen a agromar. 

Só entre 2015 e 2017, o Concello da Coruña tivo que dedicar máis de 7,2 millóns de euros a indemnizacións derivadas de malas prácticas urbanísticas de anteriores gobernos municipais

Agora, e ademais desa cantidade xa destinada en exercicios pasados, o Concello comproba como terá que afrontar nun futuro inmediato máis indemnizacións e moito maiores por mor dun cuestionado urbanismo, principalmente na etapa de Francisco Vázquez, que é emendado nos tribunais cando, en moitos casos, a solución xa non é posible. Case 20 millóns de euros por dous ditames aos que se engaden outros 25 millóns xa sentenciados antes e os que quedan por vir froito de varias licenzas e construcións ilegais con consecuencias por fixar. Máis de 40 millóns de euros en total por accións urbanísticas levadas a cabo desde mediados dos 90 e até hai tan só algúns anos.

Vista do Castro de Elviña e a súa contorna © Google

As últimas malas noticias chegaron a María Pita ao se confirmar o rexeitamento do Tribunal Supremo ao recurso municipal interposto por discrepancias coa valoración das 134 parcelas expropiadas na contorna do Castro de Elviña hai vinte anos. O ditame supón o pagamento en indemnizacións de 14,5 millóns á veciñanza, á que lle dá a razón un ditame sobre as expropiacións nunha zona que abrangue uns 240.000 metros cadrados. Daquela, e logo dunha xunta de valoración, o Concello pagoulles 12 euros por metro cadrado. O tribunal considerou que o valor marcado foi escaso e elevouno a 50 euros por metro cadrado, o que unido aos xuros dos últimos anos elevou a factura para o Consistorio a máis de 14 millóns. 

O Supremo rexeitou o recurso do Concello e obrígao a pagar 14,5 millóns á veciñanza expropiada na contorna do Catro de Elviña; na Agra de Santo Amaro, foron 2 os que tivo que abonar

É o único caso que non implicou unha operación inmobiliaria e que, ademais e polo tipo de conflito, poderá pagarse fraccionado. A maioría do resto dos casos deriváronse das dubidosas prácticas urbanísticas dun goberno municipal do PSOE encabezado por Francisco Vázquez como alcalde e levadas a cabo desde mediados dos 90 e ata hai unha década, entre que remataba o plan xeral impulsado a principios dos 80 e o novo aprobado en 1998. 

É o caso relacionado coa Agra de Santo Amaro, un terreo achegado á Torre de Hércules. Os propietarios de terreos nesta zona acumulan uns 2 millóns en indemnizacións do Concello derivadas de sentenzas xudiciais logo de que fosen expropiados a cambio de edificabilidade xunto ao faro. Logo de que este fose declarado Patrimonio da Humanidade, aquel proxecto urbanístico decaeu e as inmobiliarias reclamaron ante a xustiza, que ordenou que fosen indemnizadas logo de que se incumprisen uns acordos de 1993 e 2006. 

Terreos da Agra de San Amaro, na Coruña © Google

Máis grave para as arcas municipais foi o caso Someso, que suma 23 millóns de euros en indemnizacións pagadas tamén a propietarios expropiados para construír unha estrada e un campo de fútbol para o Relámpago de Elviña. Pero aquela zona recualificouse para construír pisos, tendo entre un dos principais promotores o ex-presidente da Confederación Galega de Empresarios, Antonio Fontenla. Un informe municipal apuntara a Francisco Vázquez como responsable directo dun pelotazo urbanístico e advertira tamén dunhas perdas patrimoniais de case 20 millóns de euros máis. 

Houbo outro caso que puido ser aínda moito peor, con case o triplo de indemnización, segundo os cálculos dos tribunais. É o caso do edificio Conde de Fenosa. O pasado mes de febreiro, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) validou o acordo alcanzado entre as partes na mediación intraxudicial impulsada polo Concello para dar solución ao preito pola licenza e construción ilegal do inmoble. A ameaza dunha derruba e, sobre todo do seu custo, que comprometería longo tempo o futuro económico da administración local, pairou sempre sobre o Concello, que terá que asumir de inmediato o pago duns 3 millóns de euros, pero non dos 60 millóns que tería suposto demoler todas as obras ilegais realizadas naquel inmoble desde 1997, aínda que a maioría do gasto sería para compensar os donos dos locais comerciais e vivendas afectadas.

O Concello da Coruña xa iniciou o proceso administrativo de investigación para determinar as responsabilidades de funcionarios e autoridades ao outorgar esta licenza ilegal. 

Gasolineira no aparcadoiro do centro comercial Carrefour, na Coruña © Google

Non foi a única. Na zona de San Roque de Fóra, a poucos metros do estadio de Riazor, foi anulada a licenza dun edificio por non axustarse á legalidade, tal e como confirmou unha sentenza do TSXG que ordena a súa derruba. Os propietarios dos 16 pisos presentaron recursos para evitar a demolición pero foron desestimados e o goberno municipal presentou un proxecto que implicaría tirar o 40% do inmoble ou mesmo a súa totalidade. Queda por ver como se soluciona e o custo que lle supón á administración local. 

O TSXG anulou as licenzas urbanísticas e ordenou a demolición dun edificio en San Roque de Fóra e dunha gasolineira nos terreos dun centro comercial

Tamén está por ver o que suporá para o Concello unha nova sentenza, desta vez por unha licenza outorgada ilegalmente durante o goberno de Carlos Negreira (PP). O Tribunal Supremo vén de rexeitar admitir a trámite o recurso presentado por Carrefour contra o ditame do TSXG que declarou ilegal aquela licenza municipal para a gasolineira que o hipermercado montou no seu centro de Alfonso Molina e que obriga a demoler a estación de servizo. 

Segundo a sentenza, a gasolineira é unha nova construción, cando alí só se permitían rehabilitacións, e incumpre varias normativas de seguridade en caso de incendio, ademais de ter tanques de combustible que non están situados a unha distancia mínima co resto de edificacións da zona. A complexidade das obras e a perigosidade dos materiais a mover fan temer ao Concello un importante contratempo. Outro máis. 

Ademais, e fóra do ámbito urbanístico, o Concello lembra que "existen outros procedementos que causaron graves prexuízos ao erario público", como o da planta de Nostián. Neste caso, a administración local estivo pagando de forma anual 3,3 millóns de euros por un desequilibrio económico que o xulgado desestimou en 2018. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.