As sondaxes manteñen o PP galego e consolidan En Marea como segunda forza

Dominio Público CRTVG

Consolídase o 'sorpasso' en Galicia e estréase no Estado, que tería máis próximo un goberno pola esquerda, cando menos aritmeticamente. É o panorama que debuxan a sondaxe a pé de urna elaborada por Sigma Dos para as televisións públicas -RTVE e as canles autonómicas-. Segundo estes inquéritos Unidos Podemos e PSOE estarían en condicións de conformaren unha maioría de esquerdas e en Galicia, o PP manteríase en 10 escanos mentres que En Marea podería sumar un aos que lograra en decembro.

O inquérito augura que Unidos Podemos e as confluencias ficará por diante do PSOE e que un pacto entre ambos roldaría a absoluta

Este inquérito augura unha lixeira caída en escanos do PP, que seguiría como primeira forza pero con entre dous e seis escanos menos que en decembro. A principal novidade sería o segundo posto de Unidos Podemos e as súas confluencias, que segundo a enquisa se situaría nun intervalo de entre 91 e 95 escanos. Estaría deste xeito por diante do PSOE, que cedería de 5 a 8 escanos a respecto do 20D. Ambas forzas, nun eventual pacto, poderían chegar a superar a barreira dos 175 escanos que outorgan a maioría absoluta na Cámara Baixa. 

Ciudadanos perdería entre 10 e 14 escanos, pero mantería o da Coruña

Ademais do PSOE o gran damnificado da noite electoral sería Ciudadanos. Despois de estrearse no Congreso hai seis meses con 40 escanos, Sigma Dos deixa o partido de Albert Rivera con entre 10 e 14 escanos menos.

A suma dos dous grandes bloques coa media de escanos, segundo a enquisa das canles públicas

Fonte: TVE/Forta | gráfico: eldiario.es

O PP baixaría un chisco, pero mantería representación

En Galicia o reparto de escanos no Congreso sería semellante ao de decembro. O PP non lograría recuperar ningún dos cinco escanos perdidos o 20D e manteríase como primeira forza con 10. En Marea, di o estudo a pé de urna, consolidaría a súa segunda posición e estaría en condicións de obter un terceiro escano pola Coruña en detrimento do PSdeG, igualando así a representación dos populares. Así as cousas, os socialistas terían 5 ou 6 escanos e Ciudadanos mantería o seu único representante pola Coruña. O BNG, atendendo ao inquérito, seguiría sen representación.

Estes resultados, segundo o inquérito, serían o resultado dunha lixeira baixada en apoio cidadán por parte do PP, do 37,12% ao 36,92%. En Marea subiría unhas sete décimas, ata o 25,7% dos votos válidos, e o PSdeG tamén incrementaría lixeiramente o seu voto global en Galicia, ata o 22,12% fronte ao 21,33% de decembro. Ciudanos estaría, segundo a sondaxe, no 8,12 -un punto menos- e o BNG, no 3,6%, un punto por baixo de hai seis meses.

En Galicia a primeira avaliación destes inquéritos chegaba dende o PP, cuxo secretario xeral, Miguel Tellado, coida que sería "unha mala noticia" que Unidos Podemos ficase por diante do PSOE e equiparou, como durante a campaña, un posible pacto sen a primeira forza en votos con "non respectar" o resultado electoral. Dende En Marea o seu número tres pola Coruña, Xaime Subiela, coida que estes resultados consolidarían a coalición como "alternativa ao PP" en Galicia, mentres que no PSdeG Pilar Cancela agarda "gañarlles as enquisas" e poder contribuír, con seis escanos, a un "goberno do cambio" en España.

 

Dominio Público CRTVG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.