As tres vías para liderar Podemos en Galicia

Breogán Riobóo, Ángela Rodríguez e Carmen Santos © En Marea / Un mar de xente

Tres son os candidatos que aspiran á secretaría xeral de Podemos-Galicia. Breogán Riobóo, aínda máximo dirixente pero sen atribucións logo de que unha vaga de renuncias provocara a designación dunha xestora e o anuncio de primarias, intentará continuar nun posto ao que chegou hai pouco máis dun ano. O seu enfrontamento cos deputados da formación morada en En Marea derivou nunha crise interna que intenta arranxarse cun proceso ao que se presenta, precisamente, a parlamentaria Ángela Rodríguez, que lidera unha lista na que tamén se atopa Antón Gómez-Reino, compañeiro seu na Cámara Baixa. A outra aspirante é Carmen Santos, politóloga e funcionaria do CSIC, que xa fora a candidata máis votada nas primeiras primarias de Podemos en Galicia. O veredito, o vindeiro 12 de abril, cando queden renovados os órganos dirección, o comité de garantías e o consello cidadán autonómico. 

En Marea acadou uns resultados históricos nas eleccións xerais, pero Podemos-Galicia está a dar impresión de división interna e mesmo conflito xusto despois de participar nunha coalición que tivo tal éxito. 

Breogán Riobóo: A realidade é que non había tal conflito ata que unha serie de persoas tomaron unhas decisións. O único que fixen eu foi falar claramente de cales eran os tres escenarios posibles de cara a unhas autonómicas pero nunca mostrei predilección ningunha, senón a vontade de debater conxuntamente en Podemos. Non sei a que veu ese balbordo, pero houbo quen non aceptou unha decisión democrática dentro do Consello Cidadán Galego cando se ratifican por maioría absoluta os cambios que eu propoño... E logo dimitiron. Terán que responder eles porque eu só fixen o que se estaba pedindo en Podemos-Galicia. 

Riobóo: "En Podemos-Galicia non había conflito ata que unha serie de persoas non aceptaron unha decisión democrática"

Ángela Rodríguez: Non hai que analizalo de forma negativa, senón como unha confrontación política ante unha lectura dos resultados que non foi a mesma. Nós pensamos que o resultado de En Marea foi histórico pero temos que reflexionar sobre o que nos gustou máis ou menos do proceso electoral. Non coincidir na análise foi o que nos fixo confrontar politicamente, pero non o debemos ver como un enfrontamento persoal porque para nada é o caso. 

Carmen Santos: En Podemos estamos moi satisfeitos co resultado de En Marea e moi orgullosos desa aposta pola unidade e pola confluencia. O malestar foi polo proceso, porque quen o xestionou non fixo partícipes aos demais del. En xeral, en Podemos estamos satisfeitos co resultado obtido, pero houbo eivas. 

Falouse de erros e eivas na campaña e mesmo de infrarrepresentación de Podemos. Coinciden nestas críticas?

BR: Nos primeiros cinco días de campaña electoral non se deixou participar ao secretario xeral de Podemos-Galicia e esa foi unha decisión da coordinadora de En Marea e por iso creo que houbo unha infrarrepresentación. Non foi algo persoal, senón que a organización, en moitos sitios, sentiu isto e moitos o dixeron. Dicilo non é un problema. Recoñecer os erros é o primeiro paso para camiñar mellor. 

AR: En Marea é un espazo que ten que ser e que pretendeu ser algo máis que unha suma de siglas. Non considero que ningunha das organizacións estivese sobre ou infrarrepresentada porque se pretendeu facer un espazo que fose máis aló das siglas dos partidos. Hai quen pretende facer metafísica demoscópica con isto e calcular que votos foron para unha organización ou outra pero non debemos facer esa análise. Os erros foron máis en clave interna e o que estamos intentando é mellorar as cousas, como a comunicación interna, a transparencia e o control democrático, por iso damos a voz aos inscritos de Podemos para que se expresen. O éxito de En Marea foi innegable e a análise dos erros débese facer máis en clave interna. 

Ángela Rodríguez: "O éxito de En Marea foi innegable e a análise dos erros débese facer máis en clave interna"

CS: Durante a campaña non se fixo partícipes aos demais. En Podemos, sobre todo, non se souberon os termos nos que se acordaron as cousas nin se puido facer unha campaña na que a nosa formación fose visible. Ademais, non se puideron votar os candidatos en primarias e se ratificaron uns postos que xa estaban acordados. Esa foi a gran crítica e, ao mesmo tempo, a grande eiva de En Marea. 

Todos parecen apostar pola confluencia tamén no futuro aínda que serán as bases de Podemos as que deberán decidir. 

BR: Estou convencidísimo de que cando nos consultemos decidiremos ir en confluencia, pero nunha confluencia que garanta a participación, a democracia, a igualdade e a transparencia, que non foron cuestións garantidas 100% en En Marea e non son eu o único que o di. A aposta de Podemos é consultar á militancia e é o que temos que facer. A aposta que se fixo naquela foi para unhas eleccións concretas, así que se hai outras xerais ou nas autonómicas, hai que consultar aos inscritos. A confluencia é necesaria pero non só iso, senón ter un proxecto cohesionado. Calquera proceso de confluencia debe ter un obxectivo final e non pode ser só botar a Feijóo, senón sentar as bases de que facer nun goberno alternativo. Iso é o que hai que empezar a construír para telo claro despois. 

AR: A acumulación de forzas é a folla de ruta a seguir, o que non quita que teñamos que repensar en que claves se dá. Primeiro porque xuridicamente a coalición de En Marea serve para as xerais pero temos que pensar como nos volvemos inscribir para calquera outra ocasión e, por suposto, facer unha consulta aos inscritos de Podemos en Galicia para saber que opción é a que consideran mellor. 

Carmen Santos: "A sensibilidade en Podemos-Galicia é a de dar continuidade á confluencia, que foi ratificada por 400.000 galegos"

CS: Forma parte dos nosos principios básicos que os inscritos decidan e participen nestes procesos, pero iso non quita que a sensibilidade en Podemos-Galicia sexa a de dar continuidade a algo que 400.000 galegos ratificaron co seu voto. Nótase na sociedade que a fórmula foi exitosa e á xente non lle interesan as dinámicas internas, senón que as persoas se centren en arranxar os seus problemas. Niso deben centrarse os deputados de En Marea, formacion que tamén terá que mellorar de cara aos procesos que veñan de aquí en diante. 

Xurdiron tamén críticas sobre o suposto apoio da dirección estatal á renovación en Podemos-Galicia e a unha candidata en particular.

BR: O que se dá aquí é unha manobra calculada coa conivencia da dirección estatal e dos tres cargos públicos de Podemos a través de En Marea. Non respectan unha decisión política e democrática e iso fai que se disolva o Consello Cidadán Galego, polo que se retira a lexitimidade da dirección galega. Iso é contraditorio con pedir un grupo parlamentario galego e logo formar parte dunha manobra para retirar o poder de decisión a Podemos-Galicia. Somos unha organización de implantación estatal pero plurinacional, así que é de recibo que as decisións se tomen aquí e non desde fóra. Este é un dos fundamentos do ADN de Podemos pero o aprobado ten que respectarse. 

Riobóo: "Houbo unha manobra calculada coa conivencia da dirección estatal e dos tres cargos públicos de Podemos en En Marea"

AR: Non hai candidatos oficialistas nin oficiais na medida na que a executiva estatal se mantén neutral a este proceso de primarias. É evidente que eu comparto xunto con Tone [Antón Gómez-Reino] e co resto de parlamentarios un labor máis achegado á xente que traballa no Congreso e pode parecer que temos unha relación diferente, pero non é iso. O noso traballo facémolo coa cabeza en Galicia e coa prioridade na cidadanía. Non hai nada máis. O resto son fantasías. 

Carmen Santos: "Ángela Rodríguez comparte a maneira de entender o partido de Errejón e eu estou máis na liña de Iglesias ou Bescansa"

CS: Hai unha persoa que tivo un acto con Íñigo Errejón, co que ten certa afinidade estratéxica ou política porque comparte unha maneira de entender o partido, a estratexia máis relacionada co márketing ou cunhas estruturas de partido de menos base cidadá. Se cadra hai outras persoas que estamos máis na liña de Pablo Iglesias, de Irene Montero ou de Carolina Bescansa, pero iso non quere dicir que uns estean máis apoiados que outros. Como ben dixo Ángela Rodríguez, ela non é a candidata de Errejón senón que ten unha certa sintonía como podo ter eu con Carolina Bescansa ou con Pablo Iglesias. Non hai ningunha candidatura oficial. 

Nas últimas semanas creouse polémica arredor da defensa do dereito de autodeterminación. Foi máis unha estratexia externa ou é un tema de conflito en Podemos-Galicia?

BR: O dereito a decidir é importante e necesario, pero é obvio que non é unha prioridade para a sociedade galega como o pode ser en Catalunya. O camiño a seguir é avanzar en protexer e recuperar dereitos sociais que a cidadanía percibe que están máis en risco ca nunca. Isto debe ser a prioridade de calquera forza que quere representar o cambio a día de hoxe en Galicia e debe estar por diante da autodeterminación, pero agora, porque nun futuro as prioridades poden cambiar. O que é claro é que é unha cuestión que se está a utilizar porque foron e son moitos os partidos que defenden o dereito a decidir e mesmo o PSC propuxo unha consulta. A cuestión é entender cales son as prioridades no momento determinado sen perder a perspectiva do futuro e de anceios maiores. 

AR: É un tema que se utiliza por parte do PSOE para non falar das cuestións que tocan. Non creo que sexa unha batalla que nos preocupe a nós senón aos partidos que queren levar a cabo unha gran coalición. Mentres nós estamos pensando se nos poñemos de acordo en falar de autodeterminación ou dereito a decidir, hai quen non quere derrogar a Lomce nin o artigo 135. É un debate que ten que ver coas diferentes culturas políticas que hai en En Marea. Galicia é unha nación de forma evidente, ninguén o discute, e a prioridade é a cidadanía galega e os seus problemas. Isto é En Marea. O resto, manobras dos tres partidos que queren formar unha gran coalición e non falar do que verdadeiramente importa. 

Ángela Rodríguez: "Galicia é unha nación de forma evidente, ninguén o discute, e a prioridade é a cidadanía galega e os seus problemas. Isto é En Marea"

CS: Certos medios poñen o acento nunha reclamación que é implícita dentro de En Marea porque, ademais, vai dentro do ADN dunha formación fraterna como é Anova. Nós respectamos a súa sensibilidade pero non temos como prioridade acadar o dereito de autodeterminación, aínda que en Podemos esteamos a favor do dereito a decidir, que non implica dicir si ou non á independencia. Galicia é Galicia e Catalunya é Catalunya e temos outra realidade diferente, pero iso non implica que a nós nos pareza mal que haxa quen teña esa reclamación como máis ou menos prioritaria. 

Cal é a súa opinión sobre o proceso de investidura, as negociacións? Que esperan das próximas semanas?

BR: Creo que Pedro Sánchez se está a equivocar ao insistir no seu pacto con Ciudadanos. A cidadanía non necesita continuar coas políticas económicas que nos trouxeron ata aquí. Sería moi positivo un goberno de cambio porque que non siga gobernando o PP vai ser positivo. En calquera caso, que haxa unhas novas eleccións non nos debería asustar. O que si demanda a cidadanía é que os partidos cheguemos a puntos de encontro, pero en base a cuestións programáticas. 

Riobóo: "A cidadanía demanda que os partidos cheguen a puntos de encontro, pero non nos deberían asustar outras eleccións"

AR: Temos unha obriga e unha responsabilidade histórica para escoitar o que se dixo o 20D. Para os votantes socialistas de corazón sería unha gran decepción que non chegásemos a un pacto porque si hai unha parte do PSOE que está disposta a virar á esquerda e aceptar que os número si que dan para facer políticas destinadas a unha maioría social. Isto é o que me gustaría que pasase porque sería un primeiro paso para un cambio que non se dará en meses, xa que nos xogamos unha década para un país e un Estado diferente. 

CS: Desexaría que o PSOE lembre a súa sensiblidade obreira e socialista e aos seus votantes de corazón e de esquerda, que están moi esquecidos. Oxalá poidamos facer un goberno de cambio, progresista e de esquerdas de verdade. Ciudadanos ten un programa neoliberal e o PSOE debe decidirse e deixar de buscar escusas para xustificar un pacto con Ciudadanos, condicionado polo IBEX-35. Deben ser valentes e lembrar de onde veñen e non ceder ás presións do capital. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.