As vítimas de Angrois lamentan que Ana Pastor concorra ás xerais tras "traballar para ocultar" as causas do sinistro

As vítimas de Angrois reclaman unha comisión de investigación ante o Congreso dos Deputados Dominio Público Plataforma Víctimas Alvia 04155

A confirmación de que Ana Pastor encabezará a lista do PP por Pontevedra ás vindeiras eleccións xerais indigna as vítimas de Angrois. A plataforma de afectados polo sinistro ferroviario lamenta que a actual presidenta do Congreso, e ex-ministra de Fomento, volva concorrer aos comicios logo de “ter sido a persoa que máis traballou desde as institucións públicos para tratar de ocultar as verdadeiras causas dunha traxedia que acabou coa vida de 80 persoas e deixou máis de 140 feridos”. 

“En calquera democracia que se prece, unha persoa co seu currículo non só non se presentaría ás eleccións xerais, senón que marcharía, pedindo antes perdón por toda a dor xerada”

Así de contundente se amosa a plataforma logo de coñecerse os cabezas de lista dos populares, que inclúen a Ana Pastor, á que acusan de “prometer, tanto en privado como en sede parlamentaria, unha investigación técnica independente e plena colaboración coa xustiza” para acabar por “mentir a vítimas e cidadanía”.

“En calquera democracia que se prece, unha persoa co seu currículo non só non se presentaría ás eleccións xerais, senón que o que faría é marchar á súa casa, pedindo antes perdón por toda a dor xerada”, din. 

Pablo Casado, xunto a Ana Pastor © PP

Así, a asociación de vítimas lembra que diferentes autos xudiciais sinalaron a “falta de colaboración coa xustiza” e que tiveron que pasar catro anos para que Adif e Renfe entregasen documentación clave. “Altos cargos, baixo o seu mando, negábanse a declarar. Non cesou a ninguén; é máis, premiou algúns dos responsables”, denuncian. 

Ademais, acusan a Ana Pastor de, sendo ministra de Fomento, “presionar a UE tratando de ocultar un informe clave sobre a traxedia”, algo que “conseguiu durante uns meses”. 

As vítimas cren que “para Ana Pastor e o seu equipo os negocios eran máis importantes que buscar a verdade e depurar responsabilidades”

“Grazas á nosa loita, finalmente conseguimos o demoledor informe da Unión Europea que desmontaba a verdade oficial que, con Ana Pastor á cabeza, quixeron impoñer”, insiste a asociación de vítimas, que advirte que ese relato centrábase en asegurar “que se fixo unha investigación independente, que o maquinista era o único responsable e que o accidente non era de Alta Velocidade”. 

As vítimas cren que “para Ana Pastor e o seu equipo os negocios eran máis importantes que buscar a verdade e depurar responsabilidades” e lembran que durante a súa etapa como ministra de Fomento desconectouse o sistema de seguridade ERTMS porque xeraba atrasos “sen previamente realizar unha avaliación do risco’, tal e como sinala o auto do xuíz”. 

As vítimas lembran os procedementos de infracción abertos a España por parte da UE por incumprimentos de normativa de seguridade e a auditoría encargada por Ana Pastor que daba como “resultado que se cumpriran as normas”. 

A ex-ministra de Fomento, Ana Pastor, presidenta do Congreso, na súa comparecencia na comisión sobre Angrois na Cámara Dominio Público Congreso dos Deputados

Para a plataforma, Pastor “opúxose sempre a crear unha comisión de investigación” e lembra, con todo, que na súa comparecencia nesa comisión finalmente creada no Congreso transmitiulles o seu “afecto e solidariedade”. Logo de lograr que se crease, as vítimas pediron en diferentes ocasións á presidenta co Congreso que desbloquease esa investigación e non “engadise máis dor” pola tardanza en impulsala de vez. Tras a reunión mantida con ela, e despois de dous anos de espera, amosaron a súa decepción

Logo, na súa intervención, tanto a presidenta da Cámara como o ex-ministro José Blanco desvinculáronse de calquera decisión sobre a seguridade en Angrois e a agora candidata do PP asegurara que “xamais” deu “unha soa instrución para que non se dera toda a información que tivesen” ás autoridades xudiciais.

Pedro Puy cre que "é difícil atopar unha mellor cabeza de lista para o PP de Pontevedra que Ana Pastor" e "non comparte" a opinión das vítimas

Ante estas acusacións, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, defendeu a Pastor porque, segundo el, "é difícil atopar unha mellor cabeza de lista para o Partido Popular na provincia de Pontevedra".

Para Pedro Puy, as vítimas e as asociacións que as representan "teñen dereito a dicir calquera cousa que estimen conveniente" e "todas as forzas políticas teñen que tratalas con respecto". Pero, no entanto, lembrou que Pastor compareceu na comisión de investigación no Congreso e alí "tivo ocasión de dar resposta a todo o que lle preguntaron", polo que asegurou que "non comparte a opinión" da plataforma.

As listas do PP en Galicia

Ana Pastor será a única cabeza de lista que repetirá las listas provinciais do PP ás eleccións xerais. A fonda renovación levada a cabo por Pablo Casado non afecta a presidenta do Congreso, que se mantén en primeira liña malia o xiro aínda máis á dereita dado polo novo líder dos populares.

A lista na Coruña será encabezada por Marta González, actual vicesecretaria de Comunicación do PP a nivel estatal e unha das figuras destacadas e relevantes da cúpula deste novo Partido Popular. En Ourense, será a deputada Ana Belén Vázquez a número un, logo de ocupar o terceiro posto nos anteriores comicios, mentres que en Lugo será Jaime de Olano quen se sitúa á fronte da listaxe. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.