As vítimas de Angrois piden unha reunión con Sánchez e acusan o seu Goberno de ignoralas igual que o PP

Concentración no Obradoiro das vítimas de Angrois no sexto aniversario do accidente CC-BY-SA Praza Pública

A plataforma Víctimas Alvia 04155, que agrupa a maioría de vítimas e familiares do accidente de Angrois, enviou este luns unha carta ao presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, para solicitarlle unha reunión. Fano, segundo explican, fartos de ser ignorados e logo de máis de dous meses sen resposta por parte do xefe do Executivo e de moitos máis de silencio desde Fomento, a cuxo ministro, José Luis Ábalos, acusan de “terxiversar” as súas demandas. 

As vítimas recriminan a Sánchez que non contestase ás súas demandas de xuntanza malia terse reunido con 150 organizacións durante o mes de agosto

Na mañá deste luns, as vítimas solicitaron por escrito unha xuntanza logo de varias semanas de espera xa que, como lembran, foi o pasado 24 de xullo, ao cumprirse seis anos do sinsitro, cando reclamaron a xuntanza a través de varios medios de comunicacións. 

“Polo de agora non obtivemos ningún tipo de resposta malia que durante as últimas semanas tivemos coñecemento dos contactos que mantivo con diferentes representantes da sociedade civil”, lembran. “En concreto, viuse con máis de 150 organizacións en 24 reunións ao longo do mes de agosto”, dinlle a Sánchez as vítimas, advertíndolle de que o seu colectivo non foi incluído neses encontros.

Saída da estación de Santiago da manifestación das vítimas de Angrois no sexto aniversario do accidente CC-BY-SA Praza Pública

“Vostede podería pensar que primeiro nos reunamos co ministro de Fomento en funcións, o señor Ábalos”, recoñecen as vítimas, que a continuación explican que “hai dúas razóns de peso para non facelo”. A primeira, din nun comunicado, que o ministro, malia “ter dito publicamente que ás vítimas hai que recibilas as veces que faga falta”, non lles contesta “a ningunha das peticións de reunión”. Ademais, engaden, “terxiversa as nosas reivindicacións”. 

A plataforma acusa a Ábalos de ignoralos, de "terxiversar" as súas demandas e "comportarse como os anteriores ministros do PP"

A segunda razón, din as vítimas, “e a máis importante” é que o iministro “estase comportando do mesmo xeito que fixeron os anteriores ministros populares: Ana Pastor, Íñigo de la Serna e Rafael Catalá”. “Todos nos ningunearon, e non só a nós senón tamén á UE, que en reiteradas ocasións esixiu que se leve a cabo unha investigación independente sobre a traxedia de Angrois”. 

Para as vítimas, resulta “difícil entender” que o PSOE, “en máis de 100 concellos que representan máis de 16 millóns de cidadáns”, votou a favor dunha moción esixindo que se cree unha investigación técnica independente. “Logo cando está no Goberno négase a creala”, advirten. 

"É extremadamente grave"

“Parécenos extremadamente grave e di moi pouco das nosas institucións que aínda non se puxera en marcha” esta investigación técnica independente, di a plataforma, que lembra o “durísimo informe” da UE que concluíu que o Executivo “non cumpriu coa obriga de investigar a traxedia”, ademais de poñer en evidencia a falta de independencia e validez da investigación realizada pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) “ao non analizar as causas raíz, precisamente as que afectan a Fomento, Renfe e Adif”. 

“Tivemos que ir a Europa para ser tratados como verdadeiros cidadáns e tivemos que loitar moito para desmontar a verdade oficial”, advirten as vítimas, que remata asegurando que, “como parece que os ministros de Fomento non teñen competencias no asunto”, diríxiense directamente a Pedro Sánchez. “Esperemos que poida sacar un oco na súa axenda, nos reciba e se comprometa a crear a comisión técnica independente, tal e como reclama Europa”, rematan. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.