Vítimas de Angrois piden a Pedro Sánchez nas rúas de Santiago que poña fin a “seis anos de tomaduras de pelo”

Saída da estación de Santiago da manifestación das vítimas de Angrois no sexto aniversario do accidente CC-BY-SA Praza Pública

Feridos e familiares dos 80 falecidos manifestáronse novamente entre a estación de tren á que non chegou o Alvia en 2013 e a praza do Obradoiro

“Como parece que os ministros de Fomento non teñen competencias neste asunto, agora imos ao presidente tras seis anos de tomaduras de pelo”. Así reclamaron este mércores polas rúas de Santiago vítimas do accidente de Angrois, no seu sexto aniversario, unha implicación persoal do presidente Pedro Sánchez para que España realice a investigación técnica independente do sinistro que reclama a UE e o Goberno non obstaculice a investigación penal que seis anos despois aínda non rematou.

Co aniversario do accidente coincidindo co debate de investidura, a plataforma de vítimas reclama a Pedro Sánchez que non poña trabas á investigación xudicial e impulse a análise técnica independente do sinistro que vén reclamando a UE desde hai anos

O aniversario chega con esa causa xudicial pendente de que a Audiencia Provincial da Coruña decida se valida a proposta do xuíz instrutor, avalada polo fiscal, de xulgar como responsables en igual grao do accidente non só ao maquinista do tren, Francisco José Garzón, imputado desde o primeiro momento, senón tamén ao daquela director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, por non avaliar como obrigaba a normativa o risco previsible dun erro humano que existía naquela curva e implantar medidas para palialo ou evitalo. Ese cuestionamento da versión oficial de que o único responsable fora o maquinista xa foi secundado neste tempo por seis xuíces, un fiscal e unha axencia europea.

Este ano, co aniversario do accidente coincidindo co debate de investidura, a plataforma de vítimas reclama a atención de Pedro Sánchez, ao que piden unha reunión ao máis alto nivel tras recibir só boas palabras de todos os ministros de Fomento desde que ocorreu o accidente (os populares Ana Pastor, Rafael Catalá e Íñigo de la Serna e o socialista José Luis Ábalos) ao tempo que Adif e Renfe, empresas públicas dependentes deles, obstaculizaban as investigacións

Na reunión con Sánchez, que os afectados tamén pediron sen éxito no seu momento a Mariano Rajoy, queren reclamar ao socialista, ademais de que non poña trabas á investigación xudicial, que España realice de vez a investigación técnica independente que vén esixindo a Unión Europea desde hai tres anos e que sucesivos ministros de Fomento argumentaron non poder encargar por non poñer en dúbida precisamente a independencia dos investigadores, que se veñen negando a facelo.

Xunto ás vítimas, como en anos anteriores, representantes de BNG, Ciudadanos, En Marea, Anova, Podemos ou Esquerda Unida, os principais partidos excepto PP e PSOE

Esas e outras reivindicacións, enmarcadas no lema da pancarta que encabezou a súa marcha, “esiximos verdade, xustiza e responsabilidades políticas: PP, PSOE, Adif e Renfe”, foron paseadas este mércores polas rúas de Santiago desde a estación de tren ata a Praza do Obradoiro. Xunto ás vítimas, como en anos anteriores, representantes de BNG, Ciudadanos, En Marea, Anova, Podemos ou Esquerda Unida, os principais partidos excepto PP e PSOE (os socialistas só participaron no cuarto aniversario, en 2017).

Este ano aos habituais carteis coas caras do ex-ministro socialista José Blanco, Pastor ou Cortabitarte sumáronse varios con fotografías de Sánchez. E un cántico:  "Non están esquecidos, están moi presentes: investigación independente", que os afectados repetiron recorrentemente, entre o silencio que se ía facendo ao seu paso polas rúas de Santiago, ata a súa chegada ao Obradoiro, onde ademais de ler un manifesto coas anteditas reivindicacións diversos afectados e familiares de falecidos lembraron o sufrido hai agora seis anos no accidente e durante este tempo.

Vítimas chegando a Angrois para os actos de lembranza da tarde do sexto aniversario CC-BY-SA Praza Pública

Actos de lembranza na curva de Angrois

Música, lectura de poemas e lembranzas dos falecidos protagonizaron pola tarde os actos das vítimas na propia curva de Angrois, no que descarrilou o Alvia hai seis anos ás 20.41 horas

Xa pola tarde, e despois dunha misa celebrada na veciña colexiata do Sar, os afectados desprazáronse ata a curva de Angrois. Alí, con música, lectura de poemas e lembranzas aos falecidos, concentráronse ata as 20.41 horas, o momento en que descarrilou o tren. Seis anos despois, o Alvia Madrid-Ferol equivalente a aquel que non completou a súa viaxe hai tempo que adiantou os seus horarios para entrar na estación de Santiago ás 20.26 horas. Así que na curva, á hora do accidente, os actos remataron, como veñen facéndoo nos últimos anos, cun gran silencio final. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.