Así foron as 'políticas sociais' de Rey Varela en Ferrol

Toma de posesión de José Manuel Rey Varela, este luns © Xunta

A designación de José Manuel Rey Varela como novo responsable das políticas sociais no Goberno galego foi unha máis entre as sorpresas coas que o presidente da Xunta quixo este domingo dar un golpe de timón na xestión do seu executivo. A decisión de darlle unha pátina social á súa xestión, a dous meses dos comicios xerais e a un ano das eleccións ao Parlamento galego, é unha continuación do 'xiro social' que o PP quixo dar o pasado mes de xuño tralos malos resultados dos populares nas municipais. Porén, non deixa de resultar curioso o ascenso experimentado por Rey Varela, que xa hai dúas semanas foi escollido para dirixir a campaña electoral do PPdeG para as eleccións do 20D.

A política social no Concello de Ferrol entre 2011 e 2015 foi moi criticada

Este ascenso chega poucos meses de que Rey Varela perdera o goberno da cidade departamental. Ademais, a súa xestión viuse salpicada polo escándalo de Emafesa, unha vez que se comprobou que a empresa mixta non realizara os traballos de saneamento polos que viña cobrando unha elevada taxa aos veciños, unha taxa aprobada en solitario polo PP e que agora será devolta.

Unha vez que se coñeceu o nomeamento do ex rexedor como conselleiro de Política Social, dende as forzas da oposición fíxose fincapé, ademais, na criticada xestión levada a cabo polo Goberno ferrolán nesta área na anterior lexislatura. Unha política, que coma a doutros concellos e administracións gobernados polo PP, estivo caracterizada polo recorte de financiamento e medios humanos, nuns anos de especial necesidade de medidas sociais de loita contra a pobreza e a exclusión.

En Ferrol, en concreto, dende as forzas que nestes anos ocuparon a oposición municipal, criticouse unha política social “insuficiente”, baseada “máis na caridade ca no estado do benestar” e que deixou de lado a colaboración con entidades como Lazos ou Aspaneps, que estaban a realizar un labor que non tiña o seu equivalente nas institucións públicas. Así mesmo, durante o Goberno municipal do novo conselleiro de Política Social suprimíronse a Oficina de Dependencia, a Oficina de Inclusión Social, a Oficina de Inmigración, a Oficina de Menores, a Oficina de Voluntariado ou o Banco de Tempo.

Este mesmo luns o actual rexedor da cidade, Jorge Suárez, cualificou o nomeamento de Rey Varela como "un drama para a política social en Galicia"

Este mesmo luns o actual rexedor da cidade, Jorge Suárez, cualificou o nomeamento de Rey Varela como "un drama para a política social en Galicia", destacando que "o responsable do abafamento de practicamente todas as entidades sociais de Ferrol vai ser agora responsable desa materia a nivel de todo o país". En opinión da tenente de alcalde, Beatriz Sestayo, Rey Varela "representa os valores do PP" e "foi súbdito de Feijoo na cidade". Sestayo, actual responsable de Benestar, criticara o pasado ano a situación na que se atopaban varias instalacións municipais dedicadas a labores de servizos sociais, coma a Casa Solidaria ou a Casa da Xuventude.

 

Polémicas

A actual responsable de Benestar, Beatriz Sestayo, criticou o pasado ano situación na que se atopaban varias instalacións municipais dedicadas a labores de servizos sociais, coma a Casa Solidaria ou a Casa da Xuventude

Na xestión realizada en políticas sociais polo Goberno de Rey Varela en Ferrol houbo ademais algúns episodios especialmente polémicos. O pasado verán foron moi comentadas as declaracións da concelleira de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro, que asegurou que "en Ferrol ningún neno pasa fame", cualificando de "demagoxia" o afirmar o contrario. As súas declaracións foron respondidas polo Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG), que sinalou que lle parecían “cando menos irresponsable” este tipo de afirmacións xa que, “un cargo político de primeira orde non ten que crear ou pensar, senón afirmar, xa que ten na súa man datos estatísticos e capacidade como para saber se no seu concello existen este tipo de situacións”.

O COTSG lembrou que Ferrol é a cidade galega con maior taxa de risco de pobreza, co ingreso medio mensual por fogar máis baixo, coa maior taxa de paro e os maiores recortes en prestacións. "Esta concelleira non está en contacto cos traballadores e coas traballadoras sociais, que día si e día tamén alertan do crecemento de nenos con deficiencias nutricionais, tamén e moi especialmente na súa cidade”, subliñou a entidade.

A responsable de políticas sociais en Ferrol xustificou así mesmo que o Concello delegara en entidades privadas como Cáritas as súas responsabilidades no ámbito dos servizos sociais, o que tamén xerou as críticas do COTSG: "Facer descansar a responsabilidade do combate da pobreza en asociacións do terceiro sector é eludir claramente responsabilidades e obviar que quen ten que implementar políticas, desenvolver proxectos e dispoñer de fondos para o combate da pobreza son as administracións públicas".

A responsable de Benestar de Ferrol xustificou que o Concello delegara en entidades privadas como Cáritas as súas responsabilidades no ámbito dos servizos sociais

Está por ver aínda se o departamento que dirixirá Rey Varela terá tamén competencias en políticas de igualdade. En calquera caso, a xestión realizada polo seu Goberno en Ferrol entre 2011 e 2015 estivo tamén inzada de críticas e polémicas. Por exemplo, na xestión levada a cabo na Casa da Muller, cuxa actividade quedou desnaturalizada, convertida nunha especie de centro sociocultural con actividades para homes e mulleres, perdendo a súa función orixinal de punto de encontro de mulleres e de loita contra a violencia de xénero. De igual xeito, foi moi sinalada a celebración organizada polo Concello co gallo do Día contra a violencia de xénero -o 25 de novembro de 2013-, na que a responsable de Igualdade, Verónica Casal, repartiu galletas nunha bolsiña rematada cun lazo rosa e acompañadas da mensaxe “Son doce, non sexas violent@”.

Toma de posesión de José Manuel Rey Varela, este luns © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.