Así logrou o PP o primeiro triunfo de Podemos no Parlamento galego

Pablo Iglesias e Alberto Núñez Feijóo © Marta Jara / Xunta

Un dos primeiros triunfos de Podemos na súa curta vida como partido político é o das palabras. A formación impulsada e liderada por Pablo Iglesias e encabezada en Galicia dende o pasado febreiro por Breogán Riobóo conseguiu premer a tecla dialéctica e deu agrupado a todos os seus opoñentes nun único termo: a “casta”. Refírense así ás persoas, partidos, empresas ou organizacións que sustentan a “vella política” e ás que, insisten, cómpre desaloxar das institucións. Alén do grao de acordo ou desacordo con Podemos e os seus plans o certo é que o termo popularizado -que non creado, nin de lonxe- por Iglesias e os seus afíns está xa instalado no imaxinario político, tamén nas Cámaras nas que, cando menos de momento, non teñen representación. Este é o caso do Parlamento de Galicia, onde o uso do concepto tivo un, a priori, inesperado aliado: o PP.

En rigor, o certo é que a primeira alusión ao termo “casta” na Cámara galega nos últimos anos non procedeu da bancada popular, senón da de AGE e en setembro de 2013, antes de que Podemos existise. Daquela a vicevoceira de Alternativa, Yolanda Díaz, -que, como é sabido, tivo entre os seus colaboradores a Iglesias- instaba a Alberto Núñez Feijóo a aclarar o presunto “financiamento ilegal” do PP, do que tamén, acusaba, eran “vítimas” as empresas “honestas” que “non teñen a sorte de formar parte desa casta privilexiada de empresas que financia irregularmente o PP”.

A primeira alusión ao termo “casta” foi de Yolanda Díaz en 2013, cando Podemos aínda non existía

Tras aquela primeira mención non se produciu outra ata novembro do pasado 2014 cando, obviamente, Podemos xa existía e xa gozaba do éxito colleitado nas eleccións europeas e dunhas boas expectativas electorais. Despois dun debate de política xeral sobre o que os de Iglesias, dun xeito ou doutro, conseguiron estar a pairar, a Alberto Núñez Feijóo tocáballe de novo responder a unha pregunta de Yolanda Díaz, nese caso sobre a Operación Zeta. Na súa quenda para retrucar Feijóo esixiulle a Díaz que aclarase “a quen queren enganar” cando fala “e bipartidismo”. “Ou é que agora queren fichar a aqueles que din que o Partido Socialista tamén son casta? Se os do Partido Socialista tamén son casta, vostedes levan moito tempo sendo casta”. Primeira vitoria de Podemos no Pazo do Hórreo sen sequera ter que atravesar as súas portas.

Feijóo acusou a AGE de “ser casta”

Despois da primeira colaboración dos populares a través de Feijóo chegou a segunda, este martes, a través do seu voceiro, Pedro Puy. Sobre a mesa estaba o debate de toma en consideración a proposición de lei “de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá”, incluída polo presidente no seu paquete de “impulso democrático” -que xa excedeu o prazo prometido de 50 días- e que consiste, esencialmente, en que ademais das xa existentes ILP a cidadanía que o desexe poida formular proposicións non de lei ao goberno e mais preguntas á Xunta sempre e cando estean avalados por un dos grupos parlamentarios, o que vén formalizar unha posibilidade que xa existe na actualidade.

“Co seu voto negativo están demostrando que son o peor da casta política”, espetoulle Puy á oposición

Dende todos os grupos da oposición desbotouse a posibilidade de apoiar a proposición conservadora por considerala un “paripé”, un “exercicio de propaganda” ou  meros “fogos de artificio” para asociar a “transparencia” ao PP e á figura de Feijóo en vésperas electorais. Puy interpretou este agardado rexeitamento sentenciando que a PSdeG, AGE e BNG “lles molesta que traiamos esta proposta” malia estaren os conservadores “dispostos a aceptar emendas”. “Co seu voto negativo están demostrando que son o peor da casta política que non quere que a cidadanía veña a esta Cámara”, concluíu o popular. Segundo triunfo e cero desgaste para Podemos no Parlamento de Galicia.

Seguir lendo en Propósito de emenda, o espazo de crónica política no Obradoiro de Praza Pública

Pablo Iglesias e Alberto Núñez Feijóo © Marta Jara / Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.