O 26 de xullo de 2016 o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, amosou a súa contrariedade con todas as forzas políticas diferentes da súa. A razón era que todas elas organizaran actos políticos o 25 de xullo, dende a habitual manifestación do BNG no centro de Santiago ata a tradicional ofrenda do PSdeG a Castelao, pasando aquel ano pola intervención de Xosé Manuel Beiras no nome de Anova ou as celebracións de Compromiso por Galicia, entre outras. Aquel ano o PP optara por organizar un acto de seu tres días antes en Padrón.
No ano 2017 os populares trasladaron a súa celebración ao 21 de xullo en Vilalba, onde homenaxearan a Manuel Fraga en torno ao busto que o lembraba como ministro da Gobernación, aproveitando tamén para atribuír ansia de "confrontación" ao resto de organización. Neste 2018 o PPdeG xa non celebra acto ningún ligado ao Día Nacional de Galicia. A explicación ofrecida polo partido é que a asistencia, o pasado día 23, ao funeral na memoria do ex-presidente Gerardo Fernández Albor na Catedral de Santiago, promovido pola Xunta, xa é en si mesma unha homenaxe "galeguista".
A axenda política do 25 de xullo volve ter Santiago como epicentro, aínda que tamén inclúe actos noutras localidades como Rianxo, Mugardos ou Sarria
Sexa como for, todas as forzas políticas agás os populares si celebran o Día Nacional. O Bloque regresa ás rúas compostelás no 50º aniversario da primeira ocasión en que o nacionalismo galego apostou por conmemorar o Día da Patria en clave mobilizadora. O PSdeG acude a Rianxo tendo por primeira vez un 25 de xullo á fronte a Gonzalo Caballero, quen estará acompañado ante o busto de Castelao polo ex-presidente Emilio Pérez Touriño. En Marea, pola súa banda, volve elixir o parque compostelán de Vista Alegre para os seus actos do 25 de xullo, se ben algunhas das forzas que a impulsaron volven convocar actos de seu; é o caso de Anova -tamén en Compostela- ou de EU e Podemos, que acuden a Mugardos e Sarria. Tamén outras organizacións como Compromiso por Galicia ou a independentista Causa Galiza teñen citas políticas nesta xornada. Velaquí o mapa coa axenda política do Día Nacional.