O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, non ten constancia de que a Comisión Europea abrise un expediente contra a institución pola compra de depuradoras de auga destinadas a Mariña norueguesa e que finalmente están instaladas en distintos pobos da provincia de Ourense sen ningún uso, como publicou Praza Pública o pasado mes.
Pola contra Baltar Blanco si confirmou que estaba aberta unha investigación por parte do organismo comunitario “aínda que non hai ningunha novidade con relación a investigación trala visita dos funcionarios o pasado febreiro”. Segundo o presidente da Deputación, os técnicos “viñeron verificar determinados aspectos administrativos” e dende a institución déronselle todas as explicacións xa que “o expediente está aberto a todo o mundo”.
O presidente ourensán manifestou: “trátase dunha resposta a unha eurodeputada española dos Verdes” e engadiu que remitiu un burofax á Comisión para informar de que “existe por parte dun determinado grupo político interese en menoscabar a imaxe da provincia”
Baltar, con ironía e facendo uso da súa habilidade dialéctica, responsabilizou a eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, de facer público uns feitos “que non son noticia”. O presidente ourensán manifestou: “trátase dunha resposta a unha eurodeputada española dos Verdes” e engadiu que remitiu un burofax á Comisión para informar de que “existe por parte dun determinado grupo político interese en menoscabar a imaxe da provincia”. Nese documento pídese unha explicación sobre a investigación “porque non temos constancia de ser expedientados e cando se abre un expediente hai que determinar por que se incoa e sobre que se incoa”.
Aínda que no período no que se puxeron en marcha as depuradoras o actual delegado territorial da Xunta en Ourense (e cabeza visible dos fieis a Feijoo en Ourense), Rogelio Martínez, era o número dous de Baltar Pumar, o actual titular da Deputación sinalou, en referencia ás posibles responsabilidades de Martínez, que “non teño información sobre ese asunto”. Sobre unha posible dimisión ou cese de Martínez, por estar acusado formalmente polo uso fraudulento de fondos europeos cando era alcalde de Arnoia, engadiu que “a dimisión é unha cuestión de tipo persoal”.
En todo caso fontes do PP de Ourense, consultadas por Praza Pública, dan por sentado que a caída de Rogelio Martínez é unha cuestión de tempo e que o presidente da Xunta ten que preparar o seu relevo
En todo caso fontes do PP de Ourense, consultadas por Praza Pública, dan por sentado que a caída de Rogelio Martínez é unha cuestión de tempo e que o presidente da Xunta ten que preparar o seu relevo. A pesar de que no plano formal as relacións son correctas, as ausencias do delegado de Feijóo en actos organizados pola Deputación son constantes. Este mesmo mércores non estivo na presentación da Feira do Viño do Ribeiro a pesar de que a Xunta é unha das entidades organizadoras do evento.
Baltar tampouco se esqueceu do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen o martes manifestara que “cada un ten que asumir a súa responsabilidade”. O titular da Deputación glosou ao mandatario galego para sinalar que “esa frase pode ser asumida por calquera cidadán e engadiu que non se refería ao tema das depuradoras senón tamén a asuntos tramitados polo anterior goberno socialista do Estado”. Con quen non falou Baltar Blanco é co seu pai, Baltar Pumar, porque “neste momento hai outro equipo de goberno e outra administración e non teño porque falar deste tema”.
Os 6,2 millóns de euros investidos no proxecto Estacións para recuperar vellos apeadeiros, seguen sen aclararse. Os propios responsables do Inorde admiten que determinados proxectos están sen concluír
Investigación en curso
O uso dos fondos comunitarios por parte da Deputación de Ourense empeza a pasar factura aos actuais xestores do organismo provincial. A ofensiva da oposición socialista e nacionalista tanto no pleno da Deputación coma no Parlamento Europeo, provoca que o PP ourensán teña que estar xustificándose continuamente sobre os investimentos realizados.
De feito, os 6,2 millóns de euros investidos no proxecto Estacións para recuperar vellos apeadeiros, seguen sen aclararse. Os propios responsables do Inorde (Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico) emiten mensaxes responsabilizando os socialistas da demora na execución dos plans e admiten que determinados proxectos están sen concluír.
O máis relevante é o de Baños de Molgas, xestionado pola Fundación Moncho Borrajo, que aínda está en proceso de constitución. O artista galego recolleu fondos por todo o Estado para pór en marcha unha fundación para nenos superdotados e con problemas pero de momento no apeadeiro só hai traxes, recordos e a colección privada de pintura do cómico.
O mesmo ocorre coas depuradoras sufragadas con 13,5 millóns de euros e que están sen utilizar polo custe de mantemento. Tal como publicou Praza, e recoñecen algún dos alcaldes consultados, é imposible para as arcas municipais pagar 8.000 euros ao mes en electricidade.