Besteiro inclúe os másters no compromiso do PSdeG de facer gratuíta a primeira matrícula universitaria

Gómez Besteiro, na reunión cos reitores das tres universidades públicas galegas CC-BY-SA PSdeG

O candidato socialista á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, comprometeuse este venres a completar a educación gratuíta a todos os niveis, coa incorporación da primeira matrícula dos masters e das materias de grao

Besteiro fixo esta promesa no que foi o seu primeiro acto de campaña, celebrado na Cidade das TIC da Coruña, onde mantivo unha xuntanza cos reitores das universidades públicas galegas: o da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; o da de Santiago, Antonio López; e o da Coruña, Ricardo Cao. 

Ademais, asegurou que o seu goberno contará cunha consellería integrada de Universidades, Ciencia e Innovación.

Besteiro, ante a prensa, no acto na Cidade das TIC da Coruña CC-BY-SA PSdeG

Besteiro asegura que a proposta de gratuidade da primeira matrícula nos graos e nos másters é "realista e viable" e calcula un custo de 22 millóns de euros

O candidato do PSdeG advertiu dunha proposta "realista e viable" para garantirlles ao Sistema Universitario de Galicia os fondos necesarios para implantar ese primeiro master para o alumnado e que tería un custo de arredor de 4 millóns, o que se sma aos 18 millóns que suporía a primeira matrícula do grato tamén de balde. En total, 22 millóns de euros. 

Así, explicou que para que a gratuidade das matrículas non afecte ao financiamento universitario, o custo da medida non será utilizada para o cálculo da porcentaxe do PIB do financiamento público universitaria, demais de defender unha modificación no modelo de xestión dos fondos cara a unha práctica xestión "áxil, eficiente e efectiva" dos recursos dispoñibles.

Besteiro defendeu así esa primeira matrícula universitaria gratuíta logo de que o candidato do PP, Alfonso Rueda, tamén o prometese hai quince días e logo, como lembrou Besteiro, de que os populares votasen sempre en conta cando PSdeG —e tamén BNG— o pedían no Parlamento. A última vez, lembrou, no Debate de Estado da Autonomía. 

Besteiro lembra que a Deputación de Lugo xa aplicou no campus lucense a gratuidade da primeira matrícula e que o PP sempre se opuxo á proposta malia prometela agora

Ademais, Besteiro lembrou que esta medida xa foi aplicada desde a Deputación de Lugo no campus lucense. "É bo que Rueda copie agora esta medida socialista", dixo, tras prometer tamén modificar a regulación dos ensinos universitarios oficiais de grao e máster universitario, cun novo decreto consensuado coas universidades e derrogando o actual.

Deste xeito, fixaría as condicións de implantación, mantemento e oferta dos títulos nos diferentes campus, incrementando a responsabilidade e a autonomía das universidades sobre a súa oferta académica.

Gómez Besteiro, na reunión cos reitores das tres universidades públicas galegas CC-BY-SA PSdeG

Por outra banda, Besteiro apostou por impulsar os itinerarios de docencia dual tamén nos graos e másters universitarios, concretamente os que están relacionados cos sectores produtivos, simplificando a súa tramitación e xestión, e incrementando a participación das empresas. Este modelo só se aplica neste momento en Enxeñaría Eléctrica no Campus Industrial de Ferrol e o próximo curso empezará en Enxeñaría da Automoción no Campus de Vigo.

Na reunión, tamén defendeu reclamar a transferencia a Galicia da xestión das bolsas universitarias, así como incrementar as axudas para a realización dos programas de especialización. Ademais, explicou que o obxectivo é aliviar as familias galegas dun gasto que en moitas ocasións queda fóra do seu alcance.

No acto, anunciou que o seu goberno contará cunha consellería integrada de Universidades, Ciencia e Innovación, así como unha axencia que agrupe os investimentos en innovación e promoción económica.

Por último, comprometeuse a acordar unha nova Lei de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación no primeiro ano de mandato e a impulsar un Pacto Galego pola Ciencia e a Innovación, co obxectivo de incrementar o investimento en I+D+i, incorporar a carreira científica e un plan de captación de talento.

CC-BY-SA PSdeG

Lara Méndez apela ao voto feminino

Mentres, nun mitin en Palas de Rei, a candidata socialista por Lugo e vicesecretaria xeral do PSdeG, Lara Méndez, apelou ao voto feminino: “Fronte ás tres caravanas electorais do PP, o cambio chegará coa mobilización de centenares de caravanas de mulleres galegas”. 

Méndez asegurou que Alfonso Rueda non dubidaría en “usarnos como moedas de cambio” se necesitase gobernar coa ultradereita e destacou o "valor da empatía e da proximidade" de José Ramón Besteiro cos problemas reais dos cidadáns xa que procede do municipalismo, fronte ao resto de candidatos “que se xestaron só entre os sillóns do Parlamento ou de San Caetano”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.