O PP promete matrículas universitarias gratis tras negarse sempre que as pediron BNG e PSdeG

Referencias á gratuidade das taxas na primeira matrícula universitaria en iniciativas parlamentarias do BNG e do PSdeG, sobre unha imaxe dun exame nunha aula da Universidade de Vigo CC-BY-NC-SA Montaxe: Praza.gal | Foto: UVigo

A precampaña das eleccións galegas do 18F colle velocidade. As formacións políticas xa rexistraron as súas candidaturas e multiplican os seus actos tanto en clave interna como para intensificar o contacto co electorado cara a uns comicios que, cadaquén dende o seu enfoque, son interpretados coma os máis transcendentais e abertos dende, cando menos, os que no ano 2009 supuxeron a fin do Goberno de coalición de socialistas e nacionalistas e o retorno dos populares á presidencia, daquela con Alberto Núñez Feijóo.

BNG e PSdeG incluíron a gratuidade de matrículas universitarias en cadanseus programas electorais en 2020 e defendérona en diversas iniciativas no Parlamento e campañas públicas

O daquela xefe de campaña e agora cabeza de cartel do PP, Alfonso Rueda, celebrou este pasado martes un acto de partido en Vigo cos conselleiros e conselleiras na súa condición de integrantes das listas da formación conservadora e concretou unha das súas primeiras promesas. Se ten votos dabondo no novo Parlamento para volver ser investido presidente, asegurou, vai "implantar a gratuidade da primeira matrícula universitaria para todos os alumnos de grao". Galicia, afirma, "consolidaríase" así como "unha terra de igualdade de oportunidades".

Iniciativas parlamentarias de BNG e PSdeG a prol da gratuidade das taxas universitarias e referencia á medida en cadanseus programas electorais en 2020 CC-BY-NC-SA Praza.gal

Dáse a circunstancia de que esta proposta, eximir de taxas ás primeiras matrículas universitarias, vén sendo unha reclamación recorrente das formacións que actualmente exercen a oposición no Parlamento, BNG e PSdeG. Sempre bateron coa resposta negativa ou o voto contrario do PP cando a formularon. 

Durante a lexislatura que agora remata, as peticións do Bloque e dos socialistas para eximir de taxas a primeira matrícula universitaria volveron bater co "non" do PP. Rueda promete agora implantala porque "consolidaría" Galicia como "unha terra de igualdade de oportunidades"

Tanto nacionalistas como socialistas incluíron esta promesa nos seus programas electorais para as eleccións galegas de 2020. Figuraba na páxina 117 do programa do Bloque e na páxina 8 do programa socialista. Con redaccións semellantes, formulaban o horizonte de aplicala gradualmente durante os catro anos do mandato. En consonancia, as dúas converteron en iniciativas parlamentarias durante a lexislatura, seguindo o ronsel, nalgún caso, de propostas que xa formularan en lexislaturas previas.

Así, por exemplo, no debate de política xeral de 2021 a proposta de resolución número 12 do BNG instaba a "reducir progresivamente as taxas universitarias até a súa gratuidade". No mesmo sentido, en abril de 2023 os nacionalistas rexistraron unha proposición non de lei na que reclamaban un plan extraordinario de bolsas de estudo e "iniciar os trámites para que a primeira matrícula nas universidade públicas galegas sexa gratuíta no vindeiro curso académico a través dunha partida específica para tal fin con cargo aos orzamentos da Xunta que evite a perda de ingresos das universidades". 

Rueda e o resto de membros do actual Consello da Xunta, nun acto do PP este 16 de xaneiro en Vigo CC-BY-SA PPdeG

Os populares non asumiron esta petición do Bloque, que plasmaba deste xeito unha das liñas do plan anticrise que presentara a súa portavoz nacional, Ana Pontón, en marzo do mesmo ano. Nun acto en Ourense, Pontón concretara a defensa da "primeira matrícula universitaria gratuíta" xa no curso 23-24.

O PP rexeitou a gratuidade das primeiras matrículas universitarias con argumentos como que sería "sacar cartos públicos de servizos de xente que necesita e metelos para pagarlle unhas taxas á xente que non o necesita" ou que, en todo caso, tería que financialas o Estado

Tamén foron varias as ocasións nas que o PSdeG formulou esta proposta na pasada lexislatura e mais na que agora remata. Así, por exemplo, xa en abril de 2019 a daquela deputada Concepción Burgo lamentou que o PP non asumir a súa proposición non de lei para "establecer a primeira matrícula universitaria en todos os títulos de grao" das universidades públicas galegas. 

A proposta socialista recibira o apoio do Bloque -e tamén de En Marea, que na daquela formaba parte do Parlamento- pero non saíu adiante polo "non" do PP, que a través do deputado Martín Fernández Prado indicara que a rexeitaban porque implicaba "sacar cartos públicos de servizos de xente que necesita e metelos para pagarlle unhas taxas á xente que non o necesita", unha "política demagóxica" que o PP non asumía porque prefería, indicaba, "mellorar as bolsas" e manter as taxas conxeladas. En todo caso, agregaba, quen debera asumir unha medida como a da gratuidade sería o Estado.

Na actual lexislatura, e xa con Rueda como presidente, o PSdeG reiterou a petición, igualmente sen éxito. Así, por exemplo, no inicio do actual curso académico o voceiro parlamentario socialista, Luis Álvarez, criticou ao actual presidente durante unha sesión de control "que o PP se negue a pagar aos alumnos e alumnas a primeira matrícula universitaria" nun contexto no que os conservadores reiteraron a recorrente conxelación das taxas universitarias en Galicia e o seu menor custo en comparación con outras comunidades autónomas. Na mesma liña, as Xuventudes Socialistas desenvolveron unha campaña coa mesma reivindicación a finais do pasado 2023, cadrando coa presentación de emendas aos Orzamentos da Xunta no mesmo sentido, igualmente bloqueadas polo PP.

Este pasado martes, Rueda defendeu que a gratuidade da primeira matrícula universitaria supón crear "novas oportunidades para a xente nova, para que poidan chegar a onde desexen sexa cal sexa a súa orixe". É, proclama, unha mostra do "sentidiño" dos plans do PP se recunca na Xunta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.