BNG, Anova, EU e CxG apostan por frontes amplas nas xerais pero difiren en fórmula e actores

Coordinadora nacional de Anova en Teo © Anova

Tocou facer balance. As direccións de BNG, Anova, Compromiso por Galicia e EU reuníronse este domingo en cadanseu cónclave para analizar os resultados das eleccións municipais do pasado domingo. Máis aló da avaliación particular de cada partido, todos eles destacaron na necesidade de sumar e apostar pola confluencia entre forzas de cara ás vindeiras xerais, pero difiren respecto da fórmula e mesmo dos actores

BNG, Anova, EU, CxG coinciden en acumular forzas de cara ás xerais pero difiren na fórmula e nos actores

Así, mentres o coportavoz nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, centra o modelo de liderado cidadá e acumulación de forzas de diversa tradición das mareas no ideal e a súa formación fala dunha "Fronte Democrática e Popular" a nivel estatal, Xavier Vence alude a unha "gran convocatoria por Galiza" para acadar unha "gran representación nacionalista" que dea voz ao país no Congreso. CxG, pola súa banda, aprobou unha resolución na que aposta por unha "plataforma cidadá galega" que "garanta que Galicia teña voz propia no novo escenario político que se abre no Estado”. Ademais, Esquerda Unida insiste na "unidade popular" e global para derrotar o PP. 

O BNG aposta por unha "gran convocatoria por Galiza" para "unha gran representación nacionalista" e CxG quere unha "plataforma cidadá galega"

Anova, tal e como aclarou Beiras, aposta por "redimensionar" as mareas, algo que a formación promoverá, co obxectivo de "cambialo todo". "A unidade popular, a rebelión cívica, a creba democrática e a apertura dun novo proceso constituínte de múltiples dimensións, no que a nosa nación poida decidir, resumen o proxecto estratéxico polo que pula Anova", di a formación, que destaca na súa resolución que debe ser "sempre baixo o prisma de que o motor principal está na cidadanía e que as organizacións políticas deben actuar como motores auxiliares". Por iso, "exhorta a cidadanía activa" a que "abra un proceso de interlocución entre todos e todas para catapultar toda esa forza expresada nas municipais no combate nunhas eleccións ás Cortes que abran un novo proceso constituínte". 

Para a formación que lidera Beiras, a fronte debe ser a nivel estatal xuntando "a esquerda social e política do Estado" para "trasladar unitariamente ás institucións un programa de ruptura no social", pero sempre que se "parta do recoñecemento dos pobos galego, catalán e vasco e do seu dereito a decidir". 

Anova aposta por unha fronte que xunte "a esquerda social e política do Estado" sempre que recoñeza o pobo galego e o seu dereito a decidir

No BNG, e logo do Consello Nacional e preguntado pola forma de concorrencia ás xerais, Vence salientou que será precisamente no seo das asembleas abertas onde se produza ese debate “tendo en conta que o obxectivo é acadar unha gran representación nacionalista no Congreso para que Galiza como nación estea presente, con grupo parlamentario propio”.

A denominación e a fórmula de concorrencia concreta, segundo aclara o BNG, xurdirá dese debate nas asembleas abertas para, "a partir de aí, trasladar ao resto da cidadanía e das forzas políticas que queiran participar nunha gran convocatoria por Galiza para ter unha representación potente no Congreso e, con todos eles, consensuar a fórmula e a marca concreta para esa concorrencia”.

Pola súa banda, Yolanda Díaz, coordinadora de EU, reivindicou as mareas e advertiu do "tsunami contra Núñez Feijóo e a Moncloa". A tamén vicevoceira de AGE apostou pola unidade popular porque "ningunha organización política soa pode protagonizar ese cambio" e insistiu na unión "desde abaixo, desde a esquerda, coa cidadanía como motor de cambio" para conformar a "Marea Galega". 

En canto a Compromiso por Galicia, o seu Consello Político Nacional aprobou, co 62,5% dos votos, a súa aposta por "unha plataforma cidadá galega" de cara aos comicios xerais para que "sirva para propiciar un cambio político, institucional, económico e social" e "garantir que Galicia teña voz propia no novo escenario político que se abre no Estado”. 

Ás chamadas á acumulación de forzas e á confluencia únese tamén a ambigüidade de Podemos, que deixou clara a súa intención de participar coa súa marca e as súas siglas ás eleccións xerais e se converter no "paraugas" que xunte a todos os actores "polo cambio", pero que abriu tamén a posibilidade a unha fronte máis ampla, sen condicións e sen o seu liderado para unhas futuras eleccións autonómicas galegas polas "particularidades" do "ecosistema político galego". 

Mitin do BNG en Ourense CC-BY-NC-SA BNG
Xuntanza do consello político nacional de CxG © CxG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.