BNG e PSdeG denuncian varios casos de 'carretaxe' de anciáns

Imaxe na que, segundo o PSdeG-PSOE unha anciá é acompañada a votar por militante do PP © PSdeG-PSOE

O PSdeG-PSOE denunciou, nas primeiras horas desta xornada electoral, un posible caso de carretaxe de votos de persoas de idade avanzada en Pontedeume, do que acusan directamente ao Partido Popular. Os socialistas resposabilizan a formación conservadora de prácticas “irregulares e caciquís” e afirman que dende a apertura das urnas militantes populares veñen realizando “carretaxe de votos” dende o asilo da localidade ata o colexio electoral, situado a escasos 100 metros da residencia.

Os socialistas documentaron con fotografías e videos varias destas “carretaxes”,  nos que os anciáns do asilo acuden a votar, “acompañados e supervisados” por monxas e por militantes do PP eumés, entre eles -sinalan- a esposa do número 2 do PP local e actual tenente de alcalde, Javier Crespo.

O PSdeG-PSOE de Pontedeume denuncia o “xogo sucio” do PP eumés e afirma que presentará a correspondente denuncia ante a Xunta Electoral por se estes feitos fosen constitutivos de delito.

Tamén se denunciaron algúns episodios na provincia de Ourense, como no Carballiño, onde o PSdeG tamén acusou o PP de repartir propaganda en plena xornada electoral, ou en Nogueira de Ramuín e en Rairo, onde os socialistas sinalan que militantes populares acompañaron anciáns a votar. Na cidade de Lugo tamén se apuntaron dous casos máis de carretaxe.

Pero as denuncias de carretaxe non chegaron só de parte dos socialistas, senón tamén do BNG, concretamente do seu candidato á alcaldía en Vimianzo. O actual rexedor, Manuel Antelo, denunciou a "carretaxe" de xente "vulnerable socialmente" por parte da formación Independientes por Vimianzo. Tería sido o tío da candidata deste partido quen trasladou varias persoas no seu coche, polo que o Bloque deu parte á Garda Civil, que se trasladou ao colexio electoral para "controlar" a situación. "É unha vergoña; son prácticas que non se deben permitir", asegurou o alcalde. 

Tamén houbo denuncias de carretaxe en Vimianzo, O Carballiño, Nogueira de Ramuín, Rairo ou Lugo

O secretario xeral dos socialistas, José Ramón Gómez Besteiro, lamentou xa que se volvan producir estes episodios de "carretaxe", en alusión ao caso denunciado en Pontedeume. Asegura que é unha práctica que "denigra a todos".

Un home foi detido en Cambre por intentar votar dúas veces

Ademais, un mozo foi detido en Cambre por intentar votar dúas veces nunha mesma mesa electoral. Foi no colexio electoral da Barcala, cando o home empregou o seu DNI para exercer o dereito ao voto e máis tarde o dun amigo. Ao se decataren no centro, pechouse a mesa e deuse aviso á Garda Civil, que detivo esta persoa. 

 

A mancha da carretaxe

En cada convocatoria electoral reprodúcense as acusacións de carretaxe de votos, sobre todo de persoas maiores, realizadas por algún partido político no seu favor. Nesta campaña, de feito, foron moi comentados os casos de Amoeiro, onde anciáns eran presionados por membros da candidatura popular e persoas afins para tramitar o voto por correo, e Riotorto, onde o PP foi denunciado por "carrexar" anciáns con demencia para votar por correo. 

Pero, por desgraza non son os únicos episodios. No día das eleccións autonómicas de 2012, un dirixente do PP local, José Luis Iravedra e varios militantes máis empurraron cadeiras de rodas de anciáns coas súas facultades mermadas ata un céntrico colexio electoral. Foi denunciado ante a xustiza e conseguiu rachar -algo- o silencio sobre estas prácticas. Nesas mesmas eleccións, denunciáronse outros casos semellantes. Como o das monxas dun asilo de Cambados que levaban os anciáns a votar mentres elas mesmas cargaban coas papeletas. Igual tería ocorrido nunha residencia de Rairo, en Ourense, cando segundo denunciou AGE se carretaba "xente con alzheimer avanzado". Ou trinta persoas trasladadas dunha residencia do Carballiño, tal e como denunciara o PSdeG. O "viño e empanada" que repartían os populares xunto a un local electoral en Teo foi outro dos casos denunciados, un clásico habitual en numerosas localidades.

Por outra banda, o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, limitou a "pequenas incidencias" os únicos problemas rexistrados durante a xornada electoral no país como a falta de papeletas ou a substitución por "indisposición" dalgúns titulares de mesas electorais polos seus suplentes. A estes feitos, sumouse a pintada aparecida nun colexio electoral de Baiona ou as dúas detencións rexistradas, a de Cambre e a de Monforte, onde unha muller se negou a ser presidenta da mesa electoral. 

Imaxe na que, segundo o PSdeG-PSOE unha anciá é acompañada a votar por militante do PP © PSdeG-PSOE
Imaxe na que, segundo o PSdeG-PSOE unha anciá é acompañada a votar por militante do PP © PSdeG-PSOE
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.