A folga do profesorado en Galicia, convocada por CIG-Ensino xunto ao STEG e co apoio da CUT, comezou este martes e desenvolverase durante toda esta xornada e a de mañá mércores. Co obxectivo de "recuperar dereitos" e abrir unha negociación para "melloras laborais reais", o sindicato maioritario no ensino chama a secundar un paro de dous días ante o que consideran "inmobilismo" da Consellería de Educación, que poucas horas antes de que se iniciasen as mobilizacións anunciou que a Xunta prevé convocar unhas 1.500 prazas de docentes no vindeiro ano.
Román Rodríguez, conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, anunciou en comisión no Parlamento a convocatoria prevista desta nova oferta de emprego público, cuxa cifra exacta se determinará así que se coñeza o número definitivo de xubilacións. Con todo, asegurou que "se cubrirán de novo o 120 das prazas autorizadas polo Goberno do Estado".
Román Rodríguez anuncia a convocatoria dunhas 1.500 prazas de profesorado no vindeiro ano e presume dun cadro de persoal "estable e con récord"
Fronte ás críticas dos sindicatos convocantes da folga, que advirten da falta de recursos e profesorado, da baixada "moi lenta" das ratios prometida e pactada con outras centrais ou da escaseza de recursos para a atención á diversidade, Rodríguez gabouse dun cadro de persoal docente "estable e con récord malia o contexto de diminución do alumnado".
Tamén celebrou a "baixada progresiva de ratios" ou o incremento en case 44 millóns de euros do orzamento da Consellería de Educación, entre críticas da oposición, que o acusou de "mentir máis que fala" e de non facer "autocrítica".
Foi só horas antes de que comezase unha folga —que rexeitan CCOO, UGT e ANPE— que virá acompañada tamén de mobilizacións: primeiro este martes na sede da Xunta en San Caetano, cunha cadea humana, e mañá mércores nas catro capitais de provincia. Os paros de martes e mércores atinxen a todo o ensino medio desde Infantil até Bacharelato, ademais de FP e ensinanzas de réxime especial. E á folga está convocados máis de 30.000 docentes, con incidencia en máis de 374.000 estudantes, preto de 400.000 incluíndo as ensinanzas especiais.
Un cento de equipos directivos apoia a folga "como un acto de dignidade e compromiso co alumnado, as familias e a sociedade galega"
Ao apoio á folga de CIG-Ensino e STEG dado pola CUT uniuse tamén Anpas Galegas ou o sindicato estudantil Erguer, así como perto dun cento de equipos directivos de diferentes centros de Galicia. Nun comunicado, defenden a educación pública como "un dos piares fundamentais da nosa sociedade" e advirten de que "precisa recursos, estabilidade e recoñecemento para garantir un servizo digno e de calidade". Ademais, din ser coñecedores "de primeira man" da "crecente sobrecarga administrativa, a falta de medios humanos e materiais, e a precarización das condicións de traballo do profesorado e do persoal non docente".
"Esta situación repercute directamente na atención ao alumnado, na innovación pedagóxica e na equidade educativa, valores que deben ser irrenunciables nun sistema público", din, para asegurar que a folga non é corporativa porque "a defensa da educación pública non é unha opción: é unha responsabilidade colectiva". "Apoiamos esta folga como un acto de dignidade e compromiso co noso alumnado, coas familias e coa sociedade galega", aseguran.