Cantas persoas desempregadas caben nun polideportivo?

Feijóo e a cúpula do PPdeG, celebrando a vitoria electoral de 2009 © PPdeG

A pregunta pode semellar extravagante. Pero o certo é que esta formulación estivo sobre a mesa durante a campaña electoral galega de 2009, que hai este domingo seis anos culminaba coas eleccións que lle deron a maioría absoluta ao PPdeG de Alberto Núñez Feijóo. No fragor daquela dura carreira cara ás urnas irromperon unhas nada favorables cifras de paro rexistrado que os conservadores guindaron contra a coalición de PSdeG e BNG e, moi especialmente, contra Emilio Pérez Touriño. Cadrando cun dos actos centrais dos socialistas o xefe de campaña do PP e actual vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, deu en medir as persoas desempregadas non en milleiros, senón en pavillóns polideportivos.

O 21 de febreiro, en plena campaña, Touriño aumentou levemente o ritmo da súa notablemente relaxada campaña para celebrar un mitin nas Travesas de Vigo xunto a José Luis Rodríguez Zapatero. Alí o daquela presidente do Goberno de España animou a votar polo PSdeG e, sobre todo, a non permitir que a abstención lle facilitase a vitoria aos de Feijóo e Rajoy. Case inmediatamente despois do remate daquel acto electoral, ao que asistiran unhas 6.000 persoas, Rueda saíu á palestra coa calculadora contra Touriño, ao que alcumou como "virrei" por "derrochar" os "recursos pagados con impostos dos contribuíntes" para pagar os "seus excesos" mentres "o número de parados medra sen cesar".

Rueda aseguraba daquela que os parados do bipartito "poderían encher 50 pavillóns deportivos"

Segundo aqueles cálculos do número dous de Feijóo "os máis de 200.000 parados galegos contabilizados polas estatísticas oficiais" e "os máis de 90.000 desempregados" que, afirmaba, estaba a "ocultar" a Enquisa de Poboación Activa, "poderían encher 50 pavillóns deportivos como o que acolleu o acto electoral convocado por Touriño e Zapatero en Vigo". O dato dispoñible a aquelas alturas de ano indicaba que había en Galicia 201.316 persoas anotadas no Servizo Público e Emprego, que equivalerían a 33 veces as asistentes ao mitin en cuestión ou a 57 veces e media a capacidade do pavillón vigués das Travesas, se se teñen en conta só os asentos e non a pista, inzada de cadeiras naquela ocasión.

O desemprego nos anos seguintes

Neste contexto foi no que se produciu o cambio de Goberno tras unha campaña na que, ao contrario do que se asentou no imaxinario popular e político, Feijóo nunca chegou a prometer que acabaría co paro en 45 días. Promesas e ataques á marxe, o certo é que o desemprego, que xa se desbocara co Goberno de coalición na Xunta, continuou a subir durante a media década seguinte, mesmo cando os socialistas foron desaloxados tamén do Goberno de España e de boa parte dos concellos. As cifras do paro rexistrado ás que se aferraba Rueda naquelas declaracións electorais eran 56.000 máis, ata superar as 267.000, cando se celebraron as seguintes eleccións galegas, en outubro de 2012. Este indicador seguiu subindo e tocou teito a comezos de 2013, con máis de 292.000 inscricións, e o dato máis recente aínda rolda as 260.000.

Dende inicios da segunda lexislatura consecutiva co PP no poder produciuse ademais un fenómeno inverso ao que Rueda amosaba naquelas declaracións. Factores como o efecto desánimo ou a baixada da taxa de cobertura das prestacións por desemprego, entre outros, fan que a Enquisa de Poboación Activa (EPA) amose uns niveis de desemprego máis altos que o paro rexistrado, que mide unicamente as inscricións como demandante de emprego. Cando o bipartito accedeu á Xunta a EPA indicaba que había en Galicia unhas 130.000 persoas no paro e cando abandonou o poder, unhas 160.000. A cifra era de 277.000 cando Feijóo gañou por segunda vez e o dato máis recente, o do cuarto trimestre de 2014, rolda as 264.000 persoas sen traballo.

As cifras de poboación activa son agora máis semellantes ás do fin do mandato de Fraga que ás do inicio do de Feijóo

Alén de que na actualidade cumprirían máis pavillóns polideportivos para acoller a todas as persoas sen traballo a EPA amosa tamén outro dos factores máis preocupantes do agora minguante mercado laboral galego: a redución da poboación ocupada, a que ten traballo, e tamén do conxunto da poboación activa, isto é, a suma da que traballa e da que está a procurar traballo no país. No remate do Goberno Fraga había 1,12 millóns de persoas traballando e no comezo do mandato de Feijóo, xa coa crise iniciada, 1,16 millóns. Cando se celebraron as eleccións de 2012 a EPA indicaba 1,03 millóns de persoas ocupadas e a finais de 2014, un millón.

Estes datos, unidos aos de afiliacións á Seguridade Social, ratifican un panorama de forte destrución de emprego nos últimos anos ao que se engade outra circunstancia a ter en conta, como é a emigración. Así, as cifras de poboación activa de finais de 2014, 1,26 millóns de persoas, son máis semellantes ás de mediados de 2005, cando o bipartito comezou a gobernar (1,25 millóns de persoas), que ás do inicio do primeiro goberno de Feijóo, cando a poboación activa galega estaba formada por 1,31 millóns de persoas.

Mitin de Zapatero e Touriño ao que se refería Rueda © Vieiros

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.