Castelao aguántao todo

Sartego de Castelao en Bonaval CC-BY Certo Xornal

Que teñen en común Ricardo Carvalho Calero con Eulogio Gómez Franqueira? Que pode unir a Ánxel Fole, Valentín Paz Andrade ou Isidro Parga Pondal con José Manuel Castelao Bragaña, Jose Luis Méndez e Julio Fernández Gayoso? E a María Casares con Manuel Jove ou Manuela López Besteiro? Todas estas persoas tan evidentemente dispares teñen, cando menos, un trazo en común: todas elas forman parte da nómina de 213 homes -a maioría- e mulleres que recibiron a Medalla Castelao, a segunda distinción máis importante das outorgadas pola Xunta de Galicia, dende que o Goberno galego as creou a través dun decreto no ano 1984. No trixésimo aniversario da súa creación unirase a esa lista a filla do ex presidente da Xunta e ata agora eurodeputada Carmen Fraga.

Os criterios para a concesión do galardón que leva o nome do político e artista de Rianxo son tan amplos que a súa concreción depende, en boa medida, do sentido común ou intereses do Goberno de quenda. Non en van, o seu obxectivo é "distinguir aqueles galegso e galegas autores dunha obra merecente do recoñecemento do seu pobo en calquera faceta da actividade humana". Nesta liña, durante os primeiros anos colgaron a Medalla representantes do ámbito da cultura e do galeguismo como Antón Fraguas, Xaquín Lorenzo, Francisco Fernández del Riego, Manuel Beiras ou Bibiano Fernández Osorio-Tafall, entre outros.

A chegada de Manuel Fraga á Xunta disparou, como aconteceu coas Medallas de Galicia, o número de persoas e entidades distinguidas en cada edición e tamén os ámbitos profesionais, políticos e culturais dos que procedían. Neses anos recibiron a Medalla Castelao persoas que, anos despois, amosaron publicamente actitudes ou decisións que pouco teñen que ver co "recoñecemento" do pobo galego, tales como os comentarios machistas de Castelao Bragaña ou as xestións de Méndez e Gayoso á fronte das extintas caixas de aforro galegas. 

En 2012 a Xunta de Feijóo xa lle dera a medalla á ex conselleira e antiga candidata do PP en Lugo Manuela López Besteiro

Tras o retorno do PP ao poder o gabinete de Alberto Núñez Feijóo outorgou este galardón con criterios moi dispares, transitando dende o mundo do fútbol, premiando a Arsenio Iglesias pero obviando que foi seleccionador galego, ata as artes, con Carlos Núñez e The Chieftains, ou a política, coa ex conselleira e ex candidata do PP en Lugo Manuela López Besteiro. Unha argumentación semellante á de López Besteiro é a empregada desta volta polo Executivo para distinguir a Carmen Fraga.

"Estivo tres lexislaturas no Parlamento Europeo e querémosllo agradecer", xustifica o presidente

Segundo anunciou Feijóo ao remate do Consello da Xunta celebrado este mércores "os dezaoito anos de servizo dende o Parlamento Europeo a Galicia e ao conxunto de España" que, di, desenvolveu a filla do presidente fundador do PP "ben merecen esta distinción". "É a galega que máis tempo estivo de eurodeputada, non hai galegos que presenten esta folla de servizos", di, nun contexto no que destaca que "gran parte do seu labor profesional" foi encamiñado "a favor dos intereses da pesca en Galicia", aínda que ela mesma salientase que na Eurocámara non se dedicou a defender "la pesca de su pueblo" e malia que, cando menos na última lexislatura, non formulase unha soa iniciativa centrada especificamente no territorio ou os intereses galegos. "Estivo tres lexislaturas no Parlamento Europeo e agora llo queremos agradecer de forma especial con esta distinción", abonda Feijóo.

Feijóo, con Carmen Fraga na campaña das europeas de 2009 CC-BY-SA PPdeG
En 2012 a Xunta premiou a ex conselleira López Besteiro © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.