Chega o 82º aniversario da República co debate máis aberto ca nunca

Presentación do manifesto pola República Dominio Público Praza Pública

Este 14 de abril celébrase o 82º aniversario da proclamación da Segunda República e faino nun momento no que o debate sobre o final da monarquía está máis aberto ca nunca. Fai un ano tamén do escándalo provocado polas cacerías do rei Juan Carlos en Botsuana e os últimos meses a mala imaxe da Coroa non só non diminuiu senón que foi a máis, entre as acusacións de corrupción que afectan a Urdangarín ou á infanta Cristina. Chega pois o 14 de abril co debate sobre o regreso da república máis aberto ca nunca e son varias as formacións políticas e plataformas cidadás que nas últimas semanas publicaron manifestos e declaracións ao respecto.

Esquerda Unida defende "un modelo de estado circunscrito a tres principios: federalidade, republicanismo e solidariedade"

Esquerda Unida parte dunha análise da situación social "de extrema gravidade" que fai necesario "mudar o sistema e romper coas políticas actuais impostas por un goberno que só atende ao poder dos mercados esquecendo os dereitos das persoas e a xustiza social". Esquerda Unida defende "un modelo de estado circunscrito a tres principios: federalidade, republicanismo e solidariedade. Entendemos que o actual marco constitucional é incompatible co desenvolvemento deste modelo polo que consideramos necesaria a apertura dun novo proceso constituínte cara unha III República, na que a federalidade permita un proxecto común de convivencia colectiva e solidaria na que se recoñeza o dereito de autoderminación dos pobos". EU considera que a III República é un "obxectivo real e máis que nunca posible e necesario".

De igual xeito, o BNG lanzou este venres o manifesto Galiza pola República, que afirma que "a nosa nación está a vivir momentos difíceis. Para alén dunha profunda crise económica, que vén agravar as dificultades estruturais derivadas da situación de dependencia, asistimos a un proceso de re-centralización política que mingua, aínda máis, a capacidade da Galiza para decidir sobre si propia, sobre os seus sectores produtivos, sobre o seu futuro". Lembra tamén que "os reiterados escándalos de corrupción que afectan ao Borbón e á súa familia veñen pór aínda máis en evidencia o anacronismo que supón nos nosos días a institución monárquica". E pregúntase "como é posíbel considerar compatíbel cos principios democráticos unha Xefatura de Estado que non é elixida pola cidadanía, vitalicia, hereditaria, estabelecida pola graza de Deus e, no caso español, tamén pola de Franco?". E conclúe que "por dignidade -mais tamén por necesidade- fronte á dramática situación que vivimos, erguemos a bandeira da República. Unha república nosa, galega, social e democrática, que aposte no benestar, na xustiza e na igualdade; na educación, a sanidade, a vivenda e a cultura como dereitos; no laicismo, na defensa da terra e no respecto dos dereitos das persoas e dos dereitos nacionais de todos os pobos do mundo. Esa será a nosa República". Polo tanto reclama a "construción do noso propio Estado, a República da Galiza".

O BNG reclama a "construción do noso propio Estado, a República da Galiza"

Mentres, Espazo Ecosocialista reivindica os valores da II República para o novo proceso constituínte. Denuncia que "as elites do réxime non paran de sorprendernos con novos e cada día máis vergoñentos casos de corrupción e cobiza" e reclama que se necesita "un novo proceso constituínte que nos convoque a toda a cidadanía para que sexa realmente democrático e que nos convoque en pe de igualdade a todas as nacións do estado para que realmente sexa plurinacional e co-soberano". Afirma que "as posicións republicanistas é  á vez ‘juancarlistas’ ou ‘felipistas’ son meras poses para seguir mantendo o actual status quo de  privilexio das elites dominantes" e que "non é posible recuperar os valores do republicanismo cívico e democrático  cun modelo de estado uniformizador e monárquico". E conclúe que "as municipais do 2015 pechan o ciclo iniciado nas municipais do 2011 e que son polo tanto extraordinarias, onde o que se xoga non é so unhas cantas alcaldías, senón a apertura dun novo ciclo político sen o dominio das actuais elites".

 

Iniciativa Galega pola Memoria

"Queremos unha República laica, que acabe cos privilexios da igrexa católica, igualitaria, xusta e radicalmente democrática, que lexisle para a inmensa maioría da sociedade"

Hai unhas semanas, ademais, a Iniciativa Galega pola Memoria lanzou unha declaración que chamaba "á mobilización cívica" para loitar por unha consulta popular. Apostando pola "naturalidade" que debe supoñer reclamar un sistema "no que todos sexamos iguais e poidamos escoller a quen xestiona" a vida pública, os presentes animan a asinar un manifesto que pretende servir de pulo para que a sociedade sexa a vangarda na pelexa pola instauración da República no Estado español. "A solución ante esta grave situación non é a abdicación do rei no Príncipe de Asturias, senón deixar atrás unha monarquía caduca e avanzar na conquista da República", di o texto titulado Fronte a unha monarquía caduca, construamos un futuro republicano.

"Queremos unha República laica, que acabe cos privilexios da igrexa católica, igualitaria, xusta e radicalmente democrática, que lexisle para a inmensa maioría da sociedade, poña freo á corrupción e ao enriquecemento sen límites duns poucos; que acabe cos recortes sociais que empobrecen as clases populares; que respecte o dereito democrático a decidir o seu futuro da nación galega", di o manifesto.

Presentación do manifesto pola República Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.