Cinco formacións galeguistas de centrodereita crean un "foro de diálogo" para "confluír" nun partido

Na foto (de esquerda á dereita): Xaime da Pena (PGD), Guillermo Sánchez Fojo (TEGA), Carlos Vázquez Padín (CXXI), Alfredo Bea (PGD), Henrique Carvalho (APG) e Rosendo Covelo (PNG-PG) Dominio Público Praza Pública

Representantes de Alternativa Popular Galega (APG), Converxencia XXI (CXXI), Partido Galeguista Demócrata (PGD), o Partido Nacionalista Galego -  Partido Galeguista (PNG-PG) e Terra Galega (TEGA) acordaron este sábado crear un "foro de diálogo" para "confluír nun partido único de centro galeguista".

Henrique Carvalho Rodrigues, presidente da APG, Carlos Vázquez Padín, secretario xeral de CXXI, Alfredo Bea, secretario xeral do PGD, Rosendo Covelo, secretario de organización do PNG-PG e Guillermo Sánchez Fojo, secretario xeral de TEGA, asinaron unha declaración de catro puntos que resumiu o contido das conversas e análises realizadas, concluíndo que "o noso País esixe un novo pulo nestes tempos de crise, tanto económica como de identidade", que "Galicia debe ser a prioridade da política e dos políticos galegos" e que "é a política a que ten que estar ao servizo dos cidadáns e non ao revés".

En consecuencia, as cinco formacións decidiron encetar "un proceso de diálogo entre nós que permita traballar decidida e definitivamente na confluencia política e organizativa dos nosos partidos", un proceso que estaría "aberto a aqueles cidadáns e organizacións que teñan a Galicia como prioridade e o centro como espazo político de referencia".

O PNG, a prol de "explorar" sen descartar pactos con outras formacións

A única destas formacións que procede directamente do BNG, o Partido Nacionalista Galego sinalaba este luns que es diálogo iniciado non é máis que un paso máis na liña de "explorar posibilidade" de "acordos" para "confluír na creación dunha gran forza" que, di o seu secretario xeral, Xosé Mosquera, ten que se mover en tres coordenadas: "nacionalismo, galeguismo e progresismo". Malia á "transcendencia" pública que poidan chegar a ter, di, "estas accións exploratorias non pasan dun intercambio de pareceres" no que o PNG expresa a súa vontade de que "poidan confluír o maior número" de persoas.

Neste sentido, Mosquera non descarta que o PNG se poida rematar por incorporar a un eventual proxecto xurdido da unión das forzas do Encontro Irmandiño, Máis Galiza ou outras formacións. O partido, explica, aposta por "un marco de suma, sen incompatibilidades previas" e por iso tamén dialoga cos irmandiños ou +G. "É certo que neses grupos non todos teñen as mesmas posicións" e o PNG "cumpre o papel de bisagra, porque o seu espectro político abarca todo iso". "O PNG vai traballar pola construción desa forza política homoxénea, que sexa nacionalista, galeguista e progresista" o que non implica, "deixar a ninguén fóra do diálogo" inicial, conclúe.

Na foto (de esquerda á dereita): Xaime da Pena (PGD), Guillermo Sánchez Fojo (TEGA), Carlos Vázquez Padín (CXXI), Alfredo Bea (PGD), Henrique Carvalho (APG) e Rosendo Covelo (PNG-PG) Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.