Ciudadanos entra no Congreso malia admitir non ter propostas específicas para Galicia

Mitin de Ciudadanos na Coruña © Ciudadanos

Ciudadanos obtén representación por Galicia no Congreso dos Deputados. Concretamente, será o cabeza de lista pola provincia da Coruña, Antonio Rodríguez, quen represente os galegos pola formación laranxa, que obtivo algo máis do 9% dos votos no país e máis de 147.000 votos. "Haberá unha voz galega en Madrid", asegura o partido que lidera Albert Rivera. 

Será precisamente Rodríguez quen ocupe escano no Congreso logo de protagonizar unha das polémicas da campaña. Tras evitar acudir a un debate en V Televisión, o cabeza de lista da formación pola Coruña foi entrevistado nesa mesma canle e, ao ser cuestionado polas súas propostas para Galicia, dixo que non tería tal ata despois dos comicios. Tras un importante espallamento do vídeo polas redes sociais o partido laranxa continuou celebrando encontros e paseos electorais por diversos puntos do país, pero o seu servizo de comunicación intentou blindalo das preguntas da prensa.

Antonio Rodríguez será o representante de Galicia por Ciudadanos tras advertir que non tiña propostas específicas para o país

Acabou acudindo a un debate na mesma canle, pero evitou comparecencias ante a prensa, especialmente nos últimos días de campaña. De feito, ao mitin central de Ciudadanos en Galicia, celebrado na Coruña, acudiron todos os cabezas de lista ao Congreso da formación laranxa, pero ninguén deles interviu no acto. Foron Marta Rivera de la Cruz, lucense e número 3 por Madrid, e Inés Arrimadas, voceira do partido en Catalunya, as que tomaron a palabra na que foi outra das polémicas da campaña en Galicia. O partido tirou de tópicos e obviou propostas específicas para o país, agás algunhas ben curiosas. 

"He seleccionado unas cuantas propuestas que afectan directamente a Galicia", dixera Marta Rivera. A saber: unha baixada do IVE cultural que, no caso galego, "afectaría para bien" a "a la actividad de las orquestas": "Todas las villas gallegas tienen sus fiestas patronales, su sesión vermú y su verbena... ¡Lo que va a ser eso!". No pack apuntou tamén un "registro ambiciosísimo de lugares en los que se pueden rodar" series, comezando polos cantiis de Vixía da Herbeira -entre os municipios coruñeses de Cedeira e Cariño-, que "podrían salir perfectamente en 'Juego de Tronos". E que dicir das Fragas do Eume, "una maravilla para hacer un anuncio".

Ciudadanos advertira dos problemas para votar no caso de chover: choveu pero a participación aumentou en dez puntos

Pero para Ciudadanos non todo son paisaxes e bo comer. "En Galicia es muy difícil todo", lamentábase Rivera de la Cruz, que nunha imaxe máis propia de mediados da década pasada glosa un territorio de difíciles comunicacións no que, por exemplo, será "muy difícil" ir votar o domingo "si llueve". E choveu neste 20D, pero a participación no país aumentou en máis de dez puntos. 

Logo dese mitin na Coruña, os resultados non foron de todo malos no territorio. Co 9,9% dos votos na provincia, Antonio Rodríguez será finalmente deputado no Congreso, obtendo na cidade da Coruña máis do 11% de apoio e máis de 16.000 votos. E obtendo, por exemplo, 17.500 votos en Vigo. 

Coa candidata por Madrid substituíndo ao candidato local tamén nas chanzas de internet, a xogada iniciada no íntimo mitin -tras o cal Arrimadas e o resto de cargos escaparon literalmente da prensa- rematouna o propio Albert Rivera, ratificando nunha entrevista con La Voz de Galicia que carece de plans específicos para Galicia, xa que só propón "medidas generales". Ao optar por repreguntar, o xornalista foi reprendido: "Perdone, pero es que no quiero hacer un debate. A min me han dicho que esto era una entrevista...", replicara. Agora, Ciudadanos terá que preparar as propostas para a autonomía. Ou non. 

Mitin de Ciudadanos na Coruña © Ciudadanos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.