Competencia conclúe que seis grandes construtoras alteraron contratos públicos dende os 90, varios deles en Galicia

Vista aérea dos terreos da plataforma loxística Salvaterra-As Neves, polígono no que segundo Competencia foron contratadas varias obras afectadas pola rede fraudulenta de construtoras © Zona Franca de Vigo

Media ducia de grandes construtoras españolas reuníronse "semanalmente" dende 1992 para "analizar" ofertas de contratos públicos das diversas Administracións. Nelas, "comunicaban entre si a decisión de compartir, entre todas ou en subgrupos, unha parte ou a totalidade dos traballos que compuñan as ofertas técnicas" para optaren a eses contratos. Ademais, nesas mesmas reunións "intercambiaban información comercialmente sensible, como a intención de concorrer ou non" a contratos, a intención de conformar unións temporais de empresas para optar a eles.

Competencia sanciona con 203 millóns a Acciona, Dragados, FCC, Ferrovial, OHL e Sacyr, que aínda poden recorrer á Audiencia Nacional

É o modus operandi que a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) describe no expediente que vén de concluír cunha multa de 203,6 millóns de euros e prohibición de contratar coa Administración ás compañías que actualmente compoñen o que denominan como G7, as que tras diversos procesos de absorcións, fusións e operacións semellantes desembocaron nas actuais Acciona Construcción, S.A., Dragados, S.A., FCC Construcción, Ferrovial Construcción, Obrascón Huarte Lain, S.A. [OHL] e Sacyr Construcción, S.A. Todas elas, di Competencia, dedicáronse a "alterar durante máis de 25 anos o proceso competitivo nas licitacións de construción de infraestruturas". Varios deses contratos atinxen a Galicia, por dependeren da Xunta ou afectaren a construcións do Estado en territorio galego.

Visita de autoridades en 2012 ás obras do novo edificio xudicial de Santiago, construído por FCC e atinxido polas prácticas fraudulentas do grupo de construtoras, segundo a CNMC CC-BY-SA Xunta

O interese do amplo expediente, de máis de 160 páxinas, non reside tanto no importe da multa -menor para os orzamentos que manexan estas empresas e aínda susceptible de recurso ante a Audiencia Nacional- como na descrición dos feitos que a CNMC considera acreditados. A comezar pola composición inicial do grupo de construtoras (Agromán, Auxini, Entrecanales, Ferrovial, Huarte, OCISA), a incorporación en 1993 de FCC e Dragados, as fusións (1997) de OCP con Ginés Navarro para dar lugar a ACS, que seguiu no grupo, ou a suma de xigantes como OHL ou Sacyr, entre outro movementos.

Segundo a CNMC, as construtoras concertábanse "de costas ás entidades licitantes" para compartiren traballos cos que concorrían a contratos de obras públicas, co conseguinte "aforro de custos e vantaxe competitiva" a respecto do resto do sector

Cos devanditos traballos compartidos "de costas ás entidades licitantes", as Administracións públicas, as construtoras viñeron conseguindo "unha redución da incerteza inherente aos procesos de contratación pública" e "un aforro de custos e vantaxe competitiva" a respecto do resto do sector. De documentos internos das propias compañías (nomeadamente, dun informe de Acciona datado en 2008) obteñen o sistema de funcionamento do grupo, con reunións semanais. "A empresa en cuxa sede se debía celebrar a xuntanza semanal enviaba o día anterior por correo electrónico ás demais unha orde do día" cunha folla de cálculo que detallaba "as obras que se ían debater" e "a posibilidade de compartir aspectos das súas ofertas técnicas".

Cómpre ter en conta, destaca a CNMC ao facer pública a sanción, que "no caso dos contratos de edificación e obra civil de infraestruturas de interese xeral" como "hospitais, estradas, aeroportos", nese período investigado (dende 1992 e ata a década pasada), esa "oferta técnica" cuxo funcionamento as empresas falseaban era "en moitas ocasións, a variable competitiva con maior importancia", xa que chegou a "acadar o 70% da puntuación do concurso"

Visita en 2014 de autoridades ás obras das conexións do porto seco de Monforte, contratadas a FCC en unión temporal con outra compañía CC-BY-SA Xunta

Segundo o expediente, o grupo operou ata 2017, cando foi abandonado por Dragados, Ferrovial e Sacyr entre comentarios sobre dúbidas a respecto da legalidade do xeito de funcionaren, segundo conversas intervidas ás propias compañías. "Manifestaron expresamente que estes acordos podían ser contrarios ás normas de defensa da competencia", resume a CNMC.

Obras en Galicia afectadas pola fraude

O expediente de Competencia inclúe, a modo de anexo, táboas con algunhas das contratacións nas que estas empresas compartiron traballos para "falsear" as licitacións. Concretamente, céntrase no período de 2008 a 2017 e nel figuran varias obras galegas, algunhas finalmente logradas por estas empresas. Por exemplo, a construción dun edificio xudicial en Santiago (3,2 millóns) e a adecuación de espazos en xulgados da Coruña (3,14 millóns), ambas promovidas pola Sociedade Pública de Investimentos (SPI) da Xunta en 2010. En 2011, a mesma sociedade pública promoveu por 5,9 millóns a construción da sede do 112 na Estrada, e o grupo de construtoras agora sancionado tamén se concertou para tentar levar a obra, indica o expediente, aínda que non o conseguiron.

O expediente menciona a modo de exemplo diversos contratos aos que dá por acreditado que as construtoras se presentaron compartindo traballos de maneira irregular. Entre outros, figuran varias obras na Plisan, un edificio xudicial en Santiago, obras na A-55 ou traballos na conexión de alta velocidade coa Meseta

A depuradora do Grove (7,3 millóns en 2009), as conexións viarias do porto seco de Monforte (5,1 millóns en 2013), traballos de urbanización na plataforma loxística de Salvaterra-As Neves (11,2 millóns en 2015) ou infraestruturas e sistemas xerais nese mesmo polígono (23,2 millóns en 2008) son outros dos exemplos de obras da Xunta en cuxos concursos existiu concertación fraudulenta de traballos por parte destas empresas, segundo Competencia. Tamén figuran varios tramos contratados polo Adif par a liña de alta velocidade ferroviaria coa Meseta, pero aínda non en territorio galego, e obras do Estado en infraestruturas galegas como traballos de seguridade na autovía A-55 por 6,8 millóns en 2015.

Ao tempo, Competencia tamén detecta cando menos unha obra galega na que as empresas comunicaron entre si a súa renuncia a presentarse a un determinado contrato. Concretamente, figura un aviso de Ferrovial do 14 de abril de 2005 (con Fraga como presidente da Xunta e Alberto Núñez Feijóo como conselleiro de Política Territorial) ao resto de empresas do grupo sobre a súa intención de non concorrer ao contrato de construción e explotación da autovía do Barbanza. A obra levouna inicialmente unha UTE liderada pola Constructora San José e, tras o cambio de goberno, a Xunta adxudicouna a Sacyr alegando razóns de seguridade. A obra fora obxecto dunha querela por parte do PP, que acusaba o Goberno de PSdeG e BNG de corrupción. Foi arquivada en 2009.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.