Concellos de toda Galicia súmanse ao Orgullo LGTBIQ+

Presentación dos actos polo Día do Orgullo 2021 en Lugo coa presenza da alcaldesa, Lara Méndez CC-BY-SA Concello de Lugo

Os concellos galegos únense á defensa da diversidade sexual e de xénero a través de multitude de actividades no Día do Orgullo, mais alá das declaracións institucionais 

O Día do Orgullo LGTBIQ+ enche de manifestos os concellos galegos e achega multitude de maneiras de celebralo desde as institucións locais. Aparte das reivindicacións das asocacións e colectivos, que este ano recuperan as manifestacións por primeira vez desde que comezou a pandemia da COVID-19, os concellos e das deputacións únense á defensa da diversidade sexual e de xénero. 

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoiou a creación dun mapa sonoro da memoria do colectivo LGTBIQ+ por parte do Colectivo Agrocuir da Ulloa, que inclúe medio centenar de fragmentos sonoros de persoas que viviron, presenciaron, sufriron ou celebraron momentos, afectos e vivencias relacionados coa realidade das persoas LGTBIQA+ nas distintas comarcas.  

Inauguración da mostra do colectivo Les Coruña 'A rede visible' en Padrón © Les Coruña

Este mapa sonoro recompila "historias cotiás que acontecen en lugares coma un supermercado de Guntín (unha historia sobre unha caixeira lesbiana e unha muller maior á que axudou a cargar a súa compra), relatos sobre pubs de Burela, Chantada ou Palas de Rei que foron lugares onde se xuntaba xente moi diversa nos 80 e 90, ou vivencias familiares como a dunha nai contando o proceso de transición da súa filla trans ou a dunha parella de nais contando un caso de homofobia institucional sufrido durante o seu proceso de reproducción asistida".

O concello de Lugo, entre outras accións, programa na carpa situada no exterior do pavillón municipal a exposición Universos Diversos, da ilustradora Laura Tova, coordinada por aQde, que reúne dez pezas de cerámica coa liberdade de ser como tema central. A alcaldesa, Lara Méndez, salientou na presentación dos actos que o auxe de partidos de ultradereita "nos obriga a estar en alerta para non perder os dereitos adquiridos". 

Por outra banda, en Ames súmanse ás celebracións a través da campaña Ames en Igualdade e repartirán 600 plantas con flores das cores da bandeira co arco da vella tanto nos locais sociais do concello como no Milladoiro e en Bertamiráns. O acto institucional, ás 18:00 horas deste luns na Praza do Concello,  pecharase coa actuación da rapeira e regueifeira A Rabela.

A concelleira de Igualdade do concello da Coruña, Yoya Neira, contou coa colaboración dos colectivos Corufest, CASCO, ALAS Coruña, Les Working, Les Coruña, ARELAS e ORCO para deseñar as iniciativas para o Orgullo deste ano, pois salientou que "sen o activismo de todas estas asociacións esta sociedade non sería o que é hoxe". 

Casa Consistorial de Pontevedra coa bandeira LGTBIQ+ CC-BY-SA Concello de Pontevedra

Os festexos na Coruña abranguen case tres semanas e contan cunha edición adaptda da Atlantic Pride Lite, o 3 de xullo ás 21.00 horas no Teatro Colón, coas actuacións de Nenita Danger, Yogurinha Borova, Xenon Spain e Marta Sango. Haberá unha ruta en patíns, skate, bicicleta ou vmp o día 4 que partirá desde A Mariña ás 11.00 horas e chegará ata María Pita. E un concerto no Castelo de Santo Antón o día 15 co Coro Cantabile, o dúo Feminino Plural –formado por Silvia Penide e Carla López– e mais o dúo More Amore.

Nas rúas de Padrón pode visitarse a mostra A rede visible, que organiza o seu Centro de Información á Muller (CIM) con 16 paneis verticais de vinilo con imaxes de mulleres galegas reais, que ten como obxectivo dar visibilidade ás mulleres bisexuais, lesbianas ou trans. Esta exposición con fotografías de Susana Milnes é unha idea do colectivo Les Coruña e percorreu diferentes vilas e cidades galegas nos últimos meses. Ademais, este concello participa da iniciativa Liberdade de ser e sentir! promovida pola Deputación da Coruña con distintas actividades en liña coma contacontos, recursos educativos e didácticos, vídeos e conversas.

O concello de Ferrol tamén se une a esta iniciativa da Deputación da Coruña e promoveu que todos os establecementos da cidade colgasen a partir deste luns, e ata o 5 de xullo, carteis con lemas como Ferrol: orgullo de cidade, Ferrol entende, Ferrol respecta, Ferrol é LGBTQIA+ e Ferrol libre de ser e sentir.

A cidade de Pontevedra engalanouse para este Orgullo cun photocall no que pode lerse o lema Para gustos, cores. Para xardíns, flores na praza de España e cunha bandeira LGBTIQA+ formada por buxos multicor na Praza de Ourense. Este martes, ás 20:00 horas na Casa das Campás, celébrase a charla Dereito á diversidade, na que participarán o activista LGBTIQA+ Fito Ferreiro, membro da executiva da asociación ALAS A Coruña, que vén de demandar á TVG por acoso laboral por mor da súa orientación sexual; e a xurista, activista trans e formadora en igualdade e diversidade sexo-afectiva Ada Otero, coordinadora do Centro de Información sobre Diversidade e Sexualidade (CIDES) de Pontevedra.

Actuación de Aldaolado no parque de Bonaval pola iniciativa Compostela Diversa CC-BY-SA Compostela Diversa

Preto de cen establecementos se inscribiron na campaña Compostela Diversa impulsada polo concello de Santiago para sensibilizar sobre a realidade das persoas LGTBIQ+ a través do sector comercial e a hostelaría. A concelleira de Políticas de Igualdade, Mercedes Rosón, sinalou que pretenden "mostrar que Santiago é unha cidade aberta, e que o noso tecido empresarial implícase co colectivo LGTBI con respecto, empatía, amabilidade e pluralidade". Asociacións como Amizando, Avante, Asociación Nós Mesmas e Arelas participaron nesta iniciativa. Ademais, entre outras accións, o sábado o parque de Bonaval acolleu as actuacións de Paraíso Canto, A Rabela e Aldaolado.

E o concello de Redondela tamén aposta por instalar un photocall, que estará na praza do concello co lema Posa pola Diversidade, e colocará un Punto de información ArcoIris na Alameda Castelao. Aparte, organiza a charla-coloquio titulada Diverdidade e Historia LGTBI, impartida pola asociación PVLSE, o día 2 de xullo na sala de exposicións do multiúsos da Xunqueira. Ese mesmo día, ás 22:00 horas, terá lugar o concerto de Sacha na Horta, tamén na Alameda Castelao.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.