Alfonso Rueda herdou a presidencia da Xunta de Alberto Núñez Feijóo en 2022 sen apenas máis mudanzas que as obrigadas pola desmontaxe da cúpula do Goberno galego decidida polo ex-presidente para levar consigo a Madrid os seus asesores de confianza. Nesa herdanza mantivo tamén costumes como as arengas periódicas aos altos cargos do Goberno inauguradas por Feijóo en 2017 para celebrar fitos, buscar impulso político ou repasar logros.
O Goberno de Rueda non deixa marxe aritmética para dubidar. "Xa cumpriu o 100% das medidas anunciadas para os primeiros cen días", asegura
Este pasado venres Rueda organizou o primeiro destes encontros da nova lexislatura, na que xa non ostenta a presidencia por herdanza política, senón por veredito das urnas tras a maioría absoluta acadada polo PP o pasado febreiro. O marco foi a celebración dos primeiros cen días dende a súa toma de posesión -cúmprense este luns, 22 de xullo- e a mensaxe oficial, que todo o prometido para estes tres meses foi cumprido. Sen excepcións e baixo o lema Galicia cumpre, o mesmo co que a Xunta inseriu unha campaña en diversos medios de comunicación.
Ao contrario que outros balances semellantes -os realizados polo Goberno de España, por exemplo-, no que o equilibro entre promesas cumpridas e incumpridas sempre é favorable a quen o realiza, pero con marxe de mellora, o Executivo galego non deixou lugar aritmético para a dúbida. "O Goberno galego xa cumpriu o 100% das medidas anunciadas para os primeiros cen días", asegurou entre eloxios á "ambición" ou á "frescura" do seu propio gabinete.
Entre as promesas que a Xunta dá por cumpridas destacan algunhas das materias nas que os catro anteriores Gobernos do PP máis deixaron a deber, caso da vivenda ou das residencias da terceira idade
Ese balance é boa mostra do entusiasmo que acompaña a Rueda e o seu círculo político dende o éxito da campaña que en febreiro lle permitiu rachar o récord de Fraga e encadear cinco maiorías absolutas seguidas para o PP. Quer entusiasmo, quer triunfalismo, quer convicción de vir de inaugurar unha nova era de hexemonía dentro da hexemonía dos conservadores galegos que permite ao titular do Goberno galego mesmo (auto)emendar políticas presentadas como exemplares durante a última década e media
Así, por exemplo, nese cento por cento de promesas pretendidamente cumpridas é posible achar algunhas das materias nas que os gabinetes presididos por Feijóo e vicepresididos por Rueda máis deixaron a deber. É o caso da vivenda protexida, eido no que a Xunta pon o foco en que deu "impulso á construción de 375 vivendas públicas" nestes cen días -xa no balance final de 2023 destacara que as tiña "en licitación ou construción" en Vigo, Pontevedra, A Coruña e Santiago-. Fano despois de catro lexislaturas nas que a vivenda protexida en todas as súas modalidades descendeu ata mínimos históricos no noso país.
Outro dos logros que salientou Rueda nesa arenga está vencellado ás residencias da terceira idade e e atención á discapacidade, nas que dá por "impulsadas" un total de "mil novas prazas públicas". Nese cómputo inclúe dende as das novas residencias doadas pola Fundación Amancio Ortega -polo momento só dúas entraron en actividade, as de Vigo e Santiago, con cadansúas 120 prazas- ata prazas concertadas con entidades sociais para atención á discapacidade ata as transferencias de fondos europeos a concellos para que habiliten máis prazas en centros de seu. Diversos indicadores veñen situando a Galicia entre os territorios do Estado con menor cobertura destes servizos.
Pontón: "Segue sendo o campión da propaganda. Pretende trasladar a falacia de que resolve en cen días o que non fixo en 15 anos"
O bono para adoptar mascotas, a extensión das bolsas de primeiras matrículas universitarias con independencia da renda do estudantado ou novas rebaixas de impostos foron outros dos logros autoadxudicados por Rueda nun contexto no que o entusiasmo non é tal na bancada dunha oposición que, dalgún xeito, tamén busca recolocarse cinco meses despois de descarrilar todas as mensaxes a prol do cambio político. Así, por exemplo, para a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, o balance do venres se algo reflicte é que Rueda segue sendo "o campión da propaganda".
Coida a líder do primeiro grupo da oposición que o actual Goberno do PP pretende "tapar con anuncios e propaganda a súa incapacidade". "O mesmo Goberno que non fixo nada en vivenda pública ou residencias públicas en quince anos pretende trasladar a falacia de que o resolve en cen días". Para a portavoz nacional do Bloque, "dicir que vas impulsar o que xa tería que estar executado é unha proba máis de que non ten proxecto de país".
Besteiro ve "nula ambición de país" no comezo da lexislatura e insta a Rueda a "poñerse a traballar"
Pola banda do PSdeG o seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, vén apostando tamén nas últimas semanas -dalgún xeito, como Rueda, pero en circunstancias diferentes por razóns obvias- por marcar perfil de seu. Dende esa óptica coida que os primeiros cen días de Rueda quedaron marcados por unha "nula ambición de país".
O popular, di Besteiro, ben faría en "poñer o traxe de presidente e empezar a traballar". O malo, lamenta, é que "se autonomeou xefe en Galicia da oposición ao Goberno de España" mentres Galicia "crece menos" que a media estatal ou mantén as mesmas eivas que en anteriores lexislaturas en materias como sanidade ou servizos sociais.