O Tribunal de Cuentas ten aberta unha causa por pagar 340.000 euros "sen constancia das prestacións realizadas" contra Cristina Francisco, alcaldesa que sucedeu no cargo ao seu marido, Alberto Pardellas, cando foi inhabilitado en 2010
Alberto Pardellas foi elixido alcalde de Melón polo PP en 2002 e tivo que deixar formalmente a alcaldía unha década despois, tras ser xulgado en 2010 e condenado por prevaricación por levantar un pavillón deportivo a carón do protexido mosteiro cisterciense da vila. Inhabilitado para cargo público durante oito anos, seguiu sendo asesor da persoa á que entregou a alcaldía, a súa esposa, Cristina Francisco Vílchez. Agora é ela a que está a ser investigada polo Tribunal de Cuentas estatal por pagamentos de facturas "sen constancia das prestacións realizadas" que suman uns 340.000 euros.
Cando Pardellas quedou inhabilitado pola súa condena por prevaricación a alcaldía pasou formalmente á súa muller, Cristina Francisco, e el apartouse do PP. Pero para a cidadanía de Melón, con menos de 1.200 habitantes, o alcalde de feito seguiu sendo Pardellas, que pasou a ser asesor dela e mesmo seguiu a ser recibido por cargos da Xunta acompañando á rexedora. Cando a oposición pediu explicacións ao Goberno galego, o daquela vicepresidente e agora presidente Alfonso Rueda chegou a insinuar que o feito de poñer o foco nunha persoa inhabilitada que xa non estaba no PP pero seguía sendo atendida por cargos do PP, e non na súa muller que era formalmente a alcaldesa, era machismo.
Os Pardellas-Francisco gobernaron de 2002 a 2019: cando el foi inhabilitado seguiu sendo 'asesor' da súa muller, e cando superou a súa condena ela fíxose a un lado e el volveu ser o candidato do PP, pero sen lograr recuperar a alcaldía
Co marido inhabilitado, Cristina Francisco foi a candidata do PP e gañou as eleccións municipais de 2015, pero xa non logrou facer o mesmo nas de 2019, cando toda a oposición se uniu nunha única candidatura contraria do PSdeG. Se antes os populares tiñan 5 dos 9 concelleiros da Corporación, por 4 dos socialistas, naquel ano a situación inverteuse e o PSdeG pasou a ter 5 edís, por 4 do PP. Catro anos máis tarde, nas municipais de 2023, Pardellas xa cumprira a súa condena de inhabilitación, así que a súa muller fíxose a un lado e el volveu ser o candidato do PP. E os seus resultados foron aínda peores que os últimos da súa muller, baixando de 4 a 3 edís e pasando dos 372 votos da última candidatura da súa muller a só 232.
Pero cinco anos despois de que Cristina Francisco deixase a alcaldía e despois volvese a dar o relevo ao seu marido á fronte do PP local, agora é a ex-rexedora a que se enfronta a problemas legais. Está pendente de sentenza tras ser xulgada este setembro por un delito de desobediencia por non cumprir un mandato xudicial de 2014 para derrubar outra edificación ilegal. E ademais, sen que transcendera ata agora, ten aberta unha investigación por parte do Tribunal de Cuentas estatal por ordenar o pagamento de facturas por importe de 300.000 euros, máis 40.000 de xuros, "sen acta de conformidade nin constancia efectiva das prestacións realizadas".
Segundo documentación do Tribunal de Cuentas consultada por Praza.gal e fontes coñecedoras do caso, a investigación iniciouse tras o cambio de goberno en Melón, cando o novo equipo municipal remitiu ao Consello de Contas un informe da secretaría-intervención asinado en maio de 2020 que reflectía diversas irregularidades sobre a facturación de anos previos. O Consello de Contas remitiu a denuncia ao Tribunal de Cuentas estatal, único competente para xulgar supostas responsabilidades contables, que tras as dilixencias preliminares abriu un procedemento por "presunto alcance nos fondos públicos do Concello de Melón", isto é, por gastos non xustificados.
No marco dese procedemento o instrutor identificou "de forma previa e provisional, como presuntos responsables directos e solidarios dos pagos realizados" polo Concello malia a "falta de evidencia da realización dos traballos correspondentes" a "dona María Cristina Francisco Vílchez" e a quen foi secretario-interventor municipal en 2018 e 2019, aínda que este último só sería co-responsable de parte dos pagamentos presuntamente ilegais porque noutros puxo reparos.
A ex-rexedora presentou fianza hai un ano e o Tribunal de Cuentas confirma que o procedemento contra ela "segue aberto"
En outubro do pasado ano, tras cuantificar o Tribunal de Cuentas a presunta ilegalidade, os dous investigados "ofreceron bens para afianzar o importe provisional do alcance máis os xuros correspondentes". Pero ao tempo intentaron paralizar o procedemento alegando erros formais, recursos que non prosperaron, como sinala un auto de febreiro deste ano que salienta que o instrutor do caso "basea a súa afirmación de responsabilidade contable da señora Francisco na falta de evidencia da realización dos traballos correspondentes ás facturas, e non na súa prescrición", como tentara reorientar o caso a defensa da ex-rexedora.
Consultado o Tribunal de Cuentas a pasada semana sobre o estado do procedemento de investigación, a súa resposta é que "segue aberto, non concluíu".