Alberto Pardellas foi inhabilitado oito anos por levantar un pavillón xunto a un mosteiro protexido e deixou a alcaldía á súa muller, que a perdeu en 2019. Agora foi recuperado polo PP como candidato pero tivo aínda menos votos.
Alberto Pardellas foi alcalde de Melón polo PP ata que hai unha década foi condenado por prevaricación por levantar un pavillón deportivo xunto ao protexido mosteiro cisterciense da vila. Inhabilitado pola xustiza durante oito anos e medio, deixou a alcaldía en mans da súa muller, que a perdeu en 2019, e nestas eleccións, as primeiras tras cumprir a súa condena, volveu ser recuperado como candidato do PP. Pero os seus resultados foron aínda peores que os últimos da súa muller e o PSdeG repetirá na alcaldía con maioría absoluta.
Durante o tempo no que a súa muller foi a alcaldesa oficial de Melón, Pardellas, inhabilitado para cargo público, seguiu a ser recibido por cargos da Xunta acompañando á rexedora como suposto asesor. Cando a oposición pediu explicacións ao Goberno galego, o daquela vicepresidente e agora presidente Alfonso Rueda chegou a insinuar que o feito de poñer o foco nunha persoa inhabilitada que xa non estaba no PP pero seguía sendo atendida por cargos do PP, e non na súa muller que era formalmente a alcaldesa, era machismo.
Hai catro anos a muller de Pardellas obtivo 372 votos e perdeu a alcaldía ante o PSdeG, pero agora el obtivo aínda menos, 232, e deixou outro edil
Nas municipais de 2019 o PP perdeu a alcaldía, que pasou a mans do PSdeG. Se antes os populares tiñan 5 dos 9 concelleiros da Corporación, por 4 dos socialistas, hai catro anos a situación inverteuse e o PSdeG pasou a ter 5 edís, por 4 do PP. E agora o PSdeG mantén a maioría absoluta cos mesmos 5 edís pero o PP de Pardellas perde outro máis e queda só con 3, obtendo o restante unha formación independente de antigos socialistas. Se hai catro anos a candidatura da súa muller obtivo 372 votos, cen menos que os socialistas, desta volta Pardellas quedou con só 232 sufraxios.