María Jesús Novo obtén máis votos que en 2019 e aumenta a diferenza con PSdeG e BNG malia asegurar Feijóo hai dous anos que quen se adiantase na vacinación debería “presentar a renuncia ao cargo”, o que os populares nunca lle esixiron
En xaneiro de 2021, ao pouco de comezar a vacinación contra a COVID polas persoas maiores ou de risco e o persoal esencial, a alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, do PP, colouse no proceso argumentando que era a máxima responsable da residencia municipal. Tivo que deixar o partido, pero o PP mantívoa como alcaldesa e para este 28M recuperouna como candidata. Agora os resultados electorais demostran que aqueles feitos non lle supuxeron unha penalización e vén de ampliar a súa maioría absoluta con aínda máis votos que hai catro anos.
En días previos a que eldiario.es desvelase hai dous anos a vacinación adiantada da alcaldesa de Boimorto o daquela presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendera ante outros casos similares noutros partidos noutros lugares de España que o “responsable e proporcional” sería, neses casos, “presentar a renuncia ao cargo”.
Novo non renunciou á alcaldía senón só á militancia no PP para evitar así que lle abrisen un expediente. Pero o grupo municipal popular respaldouna o resto do mandato e mesmo foi recibida por Feijóo na Xunta un ano despois da súa vacinación. E cando houbo que elixir as candidaturas para estas municipais o PP volveu contar con ela, decisión que o presidente Rueda atribuíu ao máximo responsable popular na provincia da Coruña, o tamén vicepresidente da Xunta Diego Calvo.
Se en 2019 Novo obtivo 757 votos, desta volta logrou 854
Finalmente, nas eleccións deste domingo Novo aumentou o seu respaldo. Boimorto perdeu poboación nos últimos catro anos e con ela a súa corporación municipal viuse reducida de 11 a 9 concelleiros. Pero se en 2019 o PP lograra 6 edís por 3 do PSdeG e 2 do BNG, agora os populares manteñen os mesmos 6 e son socialistas e nacionalistas os que perden cadanseu edil. Novo mesmo aumenta o apoio popular directo, xa que en 2019 obtivo 757 votos e desta volta a súa candidatura recibiu 854 votos.