Os casos de Louzán, a ex-delegada da Xunta en Pontevedra ou a alcaldesa de Boimorto evidencian a tolerancia dos populares con persoas das que di distanciarse por causas xudiciais ou escándalos pero ás que seguen tratando como cargos propios
En 1999 José Castro, alcalde de Ponteareas desde 1968 e defensor de Francisco Franco, presentouse ás eleccións municipais cun partido propio tras deixar o PP pouco antes ao abrirse varias causas xudiciais contra el. Malia non revalidar a maioría absoluta, volveu ser alcalde grazas a que o PP se negou a facilitar outro goberno alternativo. Un ano despois Castro tiña que deixar a alcaldía pola inhabilitación á que foi condenado, pero o Goberno central de José María Aznar, do que formaba parte o seu amigo Mariano Rajoy, indultouno parcialmente e librouno de entrar na cadea. A súa filla, Nava Castro, que deixara tamén o partido e o escano que ocupaba no Parlamento de Galicia en apoio do seu pai, é directora xeral dos gobernos de Feijóo desde 2009.
A traxectoria dos Castro é un exemplo máis dos diversos casos de cargos do PP que se ven involucrados en causas xudiciais ou polémicas políticas de calado dos que os populares renegan pero aos que seguen ofrecendo tratamentos especiais, aínda que non sempre se chegue ao nivel do indulto que recibiu o ex-rexedor de Ponteareas.
A recente condena por prevaricación do ex-presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e da ex-alcaldesa de Moraña e delegada da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, e a vacinación fronte á COVID da alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, volven poñer de actualidade a tolerancia dos populares con persoas das que din distanciarse pero ás que seguen tratando como cargos de relevancia.
Louzán deu mitins en apoio de Feijóo cando xa non tiña ningún cargo no PP, que permitiu á ex-delegada da Xunta dar unha rolda de prensa na súa sede malia que supostamente deixara a formación meses antes
Os estatutos do PP din que cando se coñeza a imputación dun afiliado abrirase expediente informativo sobre o seu caso, que se converterá en expediente disciplinario con suspensión de militancia aparellada cando se produza o sinalamento do xuízo oral, e que rematará en expulsión se é condenado.
No caso de Louzán, tras perder a Deputación de Pontevedra en 2015 e xa imputado en varias causas xudiciais, deixou a presidencia provincial do PP a comezos de 2016. Iso non impediu que ese mesmo ano dese mitins con Feijóo na campaña das autonómicas do 25 de setembro como se mantivese aínda algún cargo no PP.
O PP apoia á alcaldesa de Boimorto malia que xa non forma parte do partido
No caso de Piñeiro, nomeada delegada da Xunta o pasado 21 de setembro, cando xa estaba incluso procesada e só pendente da fixación da data do seu xuízo, o PP asegurou en resposta a Praza.gal ao comezar a vista oral en novembro que pedira “voluntariamente a baixa a mediados de outubro”. Tras ser condenada o PP permitiu que Piñeiro ofrecese unha rolda de prensa na sede de Pontevedra dun partido ao que xa non pertencía.
Distinto é o caso da alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, que deixou o PP despois de que este lle abrise un expediente informativo tras saberse que recibiu a vacina contra a COVID como suposta máxima responsable da residencia de maiores do concello. Esa persoa non está no PP e deberán ser outros partidos nos que estea os que den explicacións, chegou a dicir o presidente Feijóo cando foi preguntado pola súa situación. A situación foi que no pleno no que a oposición pediu a súa reprobación a rexedora que xa non é do PP foi respaldada polo PP, cuxos concelleiros rexeitaron explicar os motivos do seu voto.
O ex-rexedor de Melón Alberto Pardellas, condenado e inhabilitado, seguiu a ser recibido por cargos da Xunta cando a alcaldía a ostentaba a súa muller
Tampouco seguiu na alcaldía nin no PP Alberto Pardellas, rexedor de Melón inhabilitado en 2010 por construír un pavillón en solo protexido xunto ao mosteiro da localidade. A alcaldía pasou á súa muller, Cristina Francisco, pero malia á súa inhabilitación el seguiu a ser recibido sete anos despois por cargos da Xunta acompañando á rexedora. Cando a oposición lle pediu explicacións ao Goberno galego o vicepresidente Alfonso Rueda chegou a insinuar que o feito de poñer o foco nunha persoa inhabilitada que xa non estaba no PP pero seguía sendo atendida por cargos do PP, e non na súa muller que era formalmente a alcaldesa, era machismo.