A rexedora deixou o PP, pero segue no posto apoiada polo resto de edís populares e agora é recibida polo presidente, que dixera que alcaldes que saltaran a orde de vacinación da COVID debían “presentar a renuncia”
Hai agora un ano, o 28 de xaneiro, eldiario.es revelaba que a alcaldesa popular de Boimorto, María Jesús Novo, vacinárase contra a COVID como se formase parte do persoal da residencia de maiores do seu concello. Fixérao un mes antes, o 28 de decembro, ao día seguinte de que comezase a vacinación en Galicia e por diante da gran maioría de persoas que foran priorizadas por idade ou risco. Este martes, un ano despois daqueles feitos, coa alcaldesa fóra do PP pero mantida no cargo polo resto de edís populares, o presidente Feijóo recibiuna no seu despacho para analizar, entre outras cuestións, a posible ampliación da residencia de titularidade municipal na que ocorrera aquilo.
Antes de que se coñecese a vacinación da alcaldesa popular, e cando xa transcenderan casos noutros puntos de España de alcaldes que se vacinaran nas primeiras xornadas do proceso, o propioFeijóo dixera que o “responsable e proporcional” sería, neses casos, “presentar a renuncia ao cargo”. Porén, a rexedora de Boimorto non só non o fixo senón que non solicitou a súa baixa no PP ata que o partido anunciou que lle abriría un expediente disciplinario. A súa baixa supuxo o remate sen conclusións dese expediente pero non a súa saída da alcaldía, xa que o resto de concelleiros e concelleiras populares seguiron apoiándoa como se fose do partido.
A Xunta quere axudar ao Concello a "reducir o déficit actual" da residencia de maiores municipal
No seu momento, a explicación que deu Novo foi que se vacinara porque acudía acotío á residencia e “para salvagardar os residentes, que son a miña máxima preocupación neste tempo, nunca aceptei por un interese propio”. A rexedora tamén fixera responsable ao Sergas da súa vacinación.
Este martes Novo foi recibida por Feijóo no marco das diversas reunións que o presidente mantén con alcaldes sen anuncialas previamente na súa axenda oficial pero si distribuíndo posteriormente nalgúns casos imaxes e mesmo notas de prensa co contido do encontro, como fixo neste caso. Desta volta, a reunión con Novo analizou, entre outras cuestións, a ampliación da residencia de maiores de Boimorto na que a rexedora foi vacinada para “procurar un equilibrio entre ingresos e gastos, coa intención de reducir o déficit actual”.