A alcaldesa de Boimorto di que tanto ela como o resto de persoas da residencia foron vacinadas sen asinar ningún consentimento

María Jesús Novo, alcaldesa de Boimorto, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta

María Jesús Novo, xa fóra do PP pero apoiada por este, fai responsable ao Sergas da súa vacinación

A alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, que deixou o PP pero segue no cargo apoiada polos populares tras revelarse que foi vacinada fronte á COVID ao comezo da campaña nas residencias de maiores, a finais de decembro, asegura que non tivo que asinar ningunha autorización para recibir a súa dose, ao igual que o resto de persoal e residentes do centro. Preguntada pola oposición municipal no Pleno do Concello que se celebrou este venres, Novo presentou a súa vacinación como un feito dado desde o Sergas que ela non tivo nin que aceptar nin rexeitar. 

María Jesús Novo, alcaldesa de Boimorto, coa conselleira Fabiola García, na residencia do municipio CC-BY-SA Xunta

Esta é a explicación de Novo dos feitos: “O 17 de abril o Sergas, en abril, pide á residencia un listado de persoal e usuarios e dende a dirección do centro elabórase, pero ese listado nese momento non é para nada relacionado coa vacinación. Nese listado aparece o meu nome como xefa de persoal e responsable último do centro. En base a ese listado no mes de decembro o Sergas remite un listado de vacinación no cal volve a figurar o meu nome como alcaldesa e xefa de persoal e eu non asino ningunha autorización para nada”.

“Eu non din ningún consentimento nin asinei en ningún sitio”, di Novo sobre a súa vacinación

É nese momento cando tanto o portavoz municipal do BNG, o tamén deputado Xosé Luís Rivas, como a do PSdeG, Sandra Sánchez, inquiren reiteradamente. “E os residentes asinan autorización?”, ao que responde que “tampouco”. “Ninguén dá autorización para vacinarse?”. “Por escrito ninguén, verbal si”, di, referíndose non a si mesma senón a outras persoas. “Eu non din ningún consentimento nin asinei en ningún sitio”, conclúe, facendo así responsable da súa vacinación ao Sergas e obviando a petición expresa do presidente Feijóo de que as persoas que considerasen que non debían ser aínda vacinadas o rexeitasen. 

O protocolo de vacinación do Sergas sinala que "o mesmo que ocorre co resto de vacinas, o consentimento informado será verbal", pero deberá ser por escrito no caso do consentimento por substitución das persoas que teñan mermada a capacidade de decidir, algo habitual nas residencias de maiores pero que segundo a alcaldesa non ocorreu no centro municipal ás súas ordes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.