O presidente di que vai “respectar” a “proposta do PP da Coruña” despois de que a formación non deixase en ningún momento de apoiar á rexedora
Hai agora dous anos, cando as vacinas contra a COVID aínda comezaban a chegar e eran priorizadas a persoas de risco, a alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, do PP, vacinábase co argumento de que ela era a máxima responsable da residencia de maiores de titularidade municipal desa vila. A polémica fixo que Novo deixase o partido, pero o PPdeG mantívoa como alcaldesa independente co apoio dos seus concelleiros e agora volverá ser candidata desa formación nas municipais do próximo 28 de maio, segundo avanzou este venres eldiario.es.
Preguntado por esas circunstancias, o presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, atribúe a decisión ao PP provincial da Coruña, dirixido polo seu vicepresidente Diego Calvo, e di que el a respectará.
Tras a saída de Novo do PP, o que facilitou que o partido pechase sen conclusións o expediente que abrira sobre ela, o daquela presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recibiuna un ano máis tarde como alcaldesa supostamente independente. Novo vén participando neste tempo en actos do PP, segue figurando na web do PP da Coruña e o Goberno galego vén tratándoa como a outros cargos populares que nos últimos anos deixaron o partido pero na práctica seguiron traballando baixo as consignas populares.
Ante esta situación este venres o presidente Rueda foi preguntado por como pode afectar á imaxe do partido que presente nas municipais candidatos como Novo, supostamente independente tras ser forzada a deixar a formación.
Novo seguiu participando en actos do PP e mantense como alcaldesa desa formación na web do PP da Coruña
Rueda admitiu que “no seu momento, naquel contexto, iso creou polémica, creo que ela recoñeceu o seu erro”. Pero engadiu que “agora o PP na provincia da Coruña fai esa proposta e creo que recoñecendo o erro que tivo, se esa é a proposta do PP da Coruña eu desde logo vouna respectar”. Unha declaración coa que o presidente do PPdeG fai ver que asume unha decisión allea que atribúe ao seu vicepresidente segundo na Xunta, Diego Calvo, o último dos baróns provinciais que aceptou que el fose o herdeiro de Feijóo á fronte da Xunta e do partido.