Os oito anos e medio de inhabilitación a que foi sentenciado Alberto Pardellas fixéronse en 2021 e agora aspira novamente á alcaldía que tras a súa condena herdou a súa muller e desde 2019 está en mans do PSdeG
Alberto Pardellas foi alcalde de Melón polo PP ata que hai unha década foi condenado por prevaricación por levantar un pavillón deportivo xunto ao protexido mosteiro cisterciense da vila. Rematados en 2021 os oito anos e medio de inhabilitación a que foi sentenciado, agora o PP recupérao novamente como candidato.
Tras a condena de Pardellas a alcaldía de Melón, onde o PP gobernaba con maioría absoluta, pasou a mans da súa muller, Cristina Francisco, que a perdeu hai catro anos.
Durante o tempo no que a súa muller foi a alcaldesa oficial, Pardellas seguiu a ser recibido por cargos da Xunta acompañando á rexedora. Cando a oposición pediu explicacións ao Goberno galego, o daquela vicepresidente e agora presidente Alfonso Rueda chegou a insinuar que o feito de poñer o foco nunha persoa inhabilitada que xa non estaba no PP pero seguía sendo atendida por cargos do PP, e non na súa muller que era formalmente a alcaldesa, era machismo.
Nas municipais de 2019 o PP perdeu a alcaldía, que pasou a mans do PSdeG. Se antes os populares tiñan 5 dos 9 concelleiros da Corporación, por 4 dos socialistas, hai catro anos a situación inverteuse e o PSdeG pasou a ter 5 edís, por 4 do PP.
Agora, para tentar recuperar a alcaldía, os populares ourensáns, con Manuel Baltar á cabeza, tiran de novo de Pardellas como candidato.