Antonio Mouriño foi un dos membros de Centristas de Galicia que, a efectos prácticos dende finais dos anos 80 e oficialmente dende 1992, pasaron a formar parte das filas do Partido Popular de Galicia nos tempos en que Manuel Fraga se afanou en aglutinar a todo o centro-dereita baixo as súas siglas. Durante case dúas décadas, ata 2012, o dirixente procedente do partido dos Baltar foi alcalde de Celanova, posto que deixou en 2012 para concorrer ás eleccións galegas polo PP ourensán, tras as que foi deputado en dúas ocasións.
Ese mesmo PP ourensán é o que vén de expulsalo. Faino, xustifica a organización encabezada por José Manuel Baltar, por "apoiar" o actual rexedor da vila celanovesa, Antonio Puga, do partido independente Celanova Decide. Mouriño fora situado na contorna desta formación pola súa suposta mala relación co seu sucesor á fronte do PP de Celanova, José Luis Ferro, o cal Puga sempre negou.
Pero os populares aseguran que Mouriño ten "participación activa nos labores de goberno do actual rexedor", ata o punto de "condicionar a vida política da vila sobre a súa influencia sobre o grupo de goberno". "Solicita o voto para Puga publicamente" e acompáñao nas visitas polas parroquias do concello, acusan.
Mouriño, procedente de Centristas de Galicia, antigo partido dos Baltar, foi alcalde da Vila por dúas décadas e deputado no Parlamento. Os populares acúsano de "condicionar a vida política" da vila co seu apoio ao rexedor de Celanova Decide e bótano porque "non toleran deslealdades"
O presidente da xestora que dirixe interinamente o PP celanovés, Pablo Pérez, afirma que con esta decisión pretenden "deixar claro" que "non toleran actitudes de deslealdade" e "poñer en coñecemento da cidadanía" e "de afiliados e simpatizantes do PP" que Mouriño colabora con Celanova Decide. E "no actual PP de Celanova non caben actitudes nin persoas como Antonio Mouriño" porque "somos un partido con novas actitudes e moito futuro". Mouriño, histórico baltarista, tamén fora dos dirixentes que apoiaran a José Luis Baltar, pai do actual líder provincial, e a súa expulsión chega na fin dun mandato na que o PP ourensán logrou cando menos tres alcaldías en operacións coa participación de tránsfugas ou ex-membros doutros partidos.
Afirman os de Baltar que Celanova Decide é en realidade "Mouriño Decide" porque "son o mesmo". Pero "deixará de decidir a partir das vindeiras eleccións locais cun goberno do PP", manteñen. En 2019, os populares perderon 16 puntos en porcentaxe de votos a respecto dos anteriores comicios e a súa maioría absoluta de 8 edís quedou en 6. Malia conservaren a condición de primeira forza, os 4 edís de Celanova Decide , xunto cos 2 votos do PSdeG e o edil do BNG foron dabondo para investir a Puga e poñer fin a máis de dúas décadas de dominio dos populares.