O colectivo de ultradereita Abogados Cristianos de España tomou este mércores a palabra no pleno municipal de Celanova durante a sesión na que o grupo do alcalde, Celanova Decide, e mais o PP rexeitaron o debate da moción rexistrada polo Comité de Memoria Histórica da Comarca para a retirada do monumento falanxista do Outeiro da Obra.
Abogados Cristianos tomou a palabra no pleno no que se rexeitou debater a moción para a retirada do monumento franquista do Outeiro da Obra
A moción foi impulsada polo colectivo memorialístico, que elaborou un completo informe no que argumenta as razóns polas que debería retirarse un monumento "fascista de exaltación do golpe de Estado, da guerra, a represión e o franquismo, levantado en 1939 pola Bandera de Falange de Marruecos despois dun verán sanguento na vila". Ademais, o manifesto en apoio da retirada desta cruz foi asinado por máis de 1.500 persoas.
Con todo, tan só o BNG asumiu o texto da moción, mentres que o PSOE decidiu apoiar o seu debate no propio pleno deste mércores, aínda que os seis concelleiros do PP e os catro de Celanova decide fixeron valer a súa maioría para impedir finalmente que se debatese. O Comité, ante este resultado, considerou "esgotada a vía municipal" na súa loita pola derruba do monumento.
O Comité de Memoria Histórica denuncia que PP e o grupo do alcalde deron a palabra a Abogados Cristianos e "branquearon o discurso de odio"
Alén disto, o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova denunciou que o alcalde Antonio Puga, co apoio dos grupos que sustentan o goberno (Celanova Decide e PSOE) decidiu dar a palabra no escano cidadán a un representante do ultradereitista colectivo Abogados Cristianos, "branqueando o discurso de odio, neofascista e negacionista nun feito insólito nunha institución democrática do país".
Esta institución de ideoloxía fascista lanzou unha campaña pedindo ao rexedor de Celanova que non derrubase a cruz. O Comité denuncia que "ningunha corporación municipal galega, ningunha deputación nin o Parlamento galego" abriron nunca a porta das súas institucións que representan a democracia a colectivos de extrema dereita.
"Celanova viviu no salón de plenos do Concello unha xornada negra para as aspiracións da memoria do país que apoia a eliminación do monumento fascista", insiste a entidade pola memoria histórica, que destaca que no momento da intervención nese escano cidadán, no que estaba prevista tamén a intervención dos seus representantes, estes abandonaron a sala, ademais do concelleiro do BNG.
O Bloque de Celanova, pola súa banda, lembra que asinou con Celanova Decide un acordo de seis puntos para a investidura do alcalde en xuño de 2019 no que se acordaba "a aplicación real da Lei de Memoria Histórica no concello coa eliminación da simboloxía franquista en lugares como emblemáticos como, por exemplo, o Monte da Cruz".