O conselleiro de Facenda explica o funcionamento da Xunta a alumnado dun colexio no marco da semana da administración aberta e lamenta que non sabe os nomes das consellerías porque mudan "constantemente" e que os galegos queren "pór a casa onde nos peta"
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, vese a si mesmo como Jude Bellingham, o futbolista do Real Madrid, e gustaríalle ter crocodilos para botar a eles aos defraudadores de impostos. Tamén lamenta que os seus fillos non saiban en que traballa, que os galegos queiran "pór a casa onde nos peta" ou que as consellerías cambien "constantemente o nome". Esas e outras confesións lanzounas este xoves ante nenos e nenas de 11 anos nun acto no marco da semana do goberno aberto que están a celebrar estes días diversas administracións públicas para achegar á cidadanía o seu funcionamento.

Corgos é conselleiro de Facenda desde outubro de 2021, tras a morte do seu antecesor, Valeriano Martínez, do que viña sendo o seu director xeral de Orzamentos desde 2009. Licenciado en Económicas e Empresariais, entrou na Xunta no ano 2000 e este xoves tocoulle, como competente no funcionamento ordinario da mesma, explicar a rapaces e rapazas de Boqueixón como funciona esta administración. Fíxoo na sala na que todos os luns se reúne o Goberno galego, o Consello da Xunta, respondendo ás preguntas concretas e directas que traían preparadas os alumnos, pero tamén introducindo valoracións da súa propia colleita adaptadas á idade dos seus espectadores.
Corgos admite que no Goberno galego non sempre están de acordo e lamenta o custo do ensino pola dispersión galega, porque "queremos pór a casa onde nos peta"
A primeira pregunta que recibiu foi que fai o presidente da Xunta, ao que respondeu que é quen "toma as últimas decisións, as máis importantes". Pero tamén que "ten unha axenda bastante apertada, sobre todo este presidente que lle gusta moito estar a carón dos cidadáns".
Sobre o traballo do Goberno galego Corgos dixo que "primeiro pensamos a onde queremos ir, e iso faise escoitando á xente". E despois toman decisión para seguir ese camiño. Pero non sempre están de acordo entre eles, admitiu. "A veces son aprobadas directamente e a veces dan lugar a deliberacións sobre a conveniencia ou non de aprobar algunha cousa", confesou á rapazada.
Corgos foise animando a medida que foron avanzando as preguntas. Á cuestión sobre cantas consellerías hai respondeu rapidamente que 12, pero dubidou á hora de citalas. "Menos mal que temos esta diapositiva porque andan a cambiar constantemente o nome das consellerías", queixouse sobre unhas mudanzas que son responsabilidade de cada presidente da Xunta, a última de Rueda ao nomear o seu último goberno hai un ano.
E como se elixen o presidente e os conselleiros? Corgos explicou que ao presidente elíxeo o Parlamento de Galicia, que á súa vez é elixido pola cidadanía nas eleccións. Despois é o presidente quen elixe os conselleiros, "supoño que os que ve máis acaídos". Foi nese punto cando o titular de Facenda admitiu que a súa consellería non é moi coñecida. "Hai un ano preguntei aos meus fillos e non sabían o que fai o seu pai no traballo", confesou. Pero tamén admitiu algo máis adiante que lle gusta o seu traballo. "Eu divírtome moito aquí, é interesante divertirte no traballo, mellorar a vida da xente, iso mola", asegurou.
E que fai o conselleiro de Facenda? "Repartimos o que hai entre o resto de consellerías", dixo. "Somos os encargados de recadar os impostos, o que non lle gusta moito á xente, e somos os que facemos que todo funcione, dalgún xeito", explicou.
Nese punto Corgos preguntou á rapazada polo seu equipo favorito, obtendo como resposta maioritaria o Real Madrid. Así que decidiu explicarlles que o que lle di habitualmente ao resto de conselleiros e conselleiras é que en Facenda "somos Bellingham e vós sodes Mbappé , nós centramos os balóns para que vós metades os goles".

Unha seguinte pregunta da rapazada foi como logra a Xunta que as escolas teñan os recursos que precisan. A resposta de Corgos comezou queixándose de que en Galicia hai moitas escolas, e por iso o ensino custa máis, porque a poboación está moi espallada. "Queremos pór a casa onde nos peta", dixo.
Unha das últimas preguntas foi se o presidente e os conselleiros pagan impostos. "Todo o mundo! Ata o Rei!", exclamou Corgos, mentres algúns dos adultos presentes movían a cabeza, talvez pensando no monarca emérito.
"Mellorar a vida da xente, iso mola", di o conselleiro, que asegura que se divirte no traballo
O alumnado non só preguntou sobre o funcionamento da administración senón tamén sobre o propio complexo de San Caetano. Nos seus estanques non hai tartarugas, descubriron, pero si carpas. Aínda que o conselleiro de Facenda preferiría outros animais. "As carpas non me parecen interesantes, gustaríame ter crocodilos, así se alguén non paga impostos botábao a eles", asegurou.
Cando os rapaces e rapazas remataron a súa media hora de preguntas, e antes de tirar unha foto de familia, achegáronse a Corgos a pedirlle autógrafos. "Como Bellingham", concluíu o conselleiro.