Rueda revela que tras a reunión con Sánchez informou do seu contido a Feijóo e o presidente de Andalucía e di que "no Parlamento tamén darei explicacións e non tardarei moito"
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, compareceu na rolda de prensa posterior á reunión deste luns do Goberno galego para informar da remisión ao Consello de Contas para a súa fiscalización da Conta Xeral da Xunta do pasado ano. En pleno debate sobre o financiamento das comunidades autónomas, Corgos foi preguntado pola posibilidade de que haxa unha "contradición" entre pedir máis recursos ao Estado e que ao tempo a Xunta veña rebaixando impostos, especialmente ás rendas máis altas.

"Non existe tal contradición", respondeu Corgos, quen asegurou que "unha cousa é o reparto dos recursos entre as comunidades" de xeito equitativo e "outra cousa é que unha vez que exista ese reparto equitativo, poidas crear medidas ou rebaixas tributarias puntuais". "Que poidas exercer o teu autogoberno, que para iso estamos aquí", engadiu o conselleiro.
Na mesma rolda de prensa o presidente Rueda foi preguntado pola reunión que mantivo o pasado venres co presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez. Segundo admitiu, tras o encontro, na mesma tarde do venres Rueda falou co líder estatal do PP, Alberto Núñez Feijóo, e co tamén popular presidente de Andalucía, Juan Manuel Moreno Bonilla, "para trasladarlles as miñas impresións" da reunión con Sánchez. Foron "as dúas persoas" do ámbito político coas que falou da reunión ata o momento, e asegurou que "no Parlamento [de Galicia] tamén darei explicacións e non tardarei moito".
Sobre as súas esperanzas en que os asuntos tratados con Sánchez teñan percorrido, Rueda amosouse pesimista: "Non teño moitas", dixo. O presidente tamén asegurou que o Estado ten recursos para poder transferir fondos ás comunidades autónomas aínda que non logre aprobar os Presupostos Xerais do Estado e rexeitou a "chantaxe" de que teña que ser o PP que apoie as contas do PSOE.