CRÓNICA | Catalunya fronte á única Galicia posible

Feijóo, aplaudido polo grupo popular e os seus conselleiros ao remate do seu discurso Dominio Público Parlamento de Galicia

Ás dez e vinte da mañá deste mércores o presidente da Xunta xa esgotara o groso do combustible dialéctico que repostara para todo o debate de política xeral, o primeiro da lexislatura da súa terceira maioría absoluta. A esa hora colocara xa dende a tribuna do Pazo do Hórreo as ideas forza a situar no convulso panorama do Estado. Xa brindara o seu apoio a "todas" as medidas que o Goberno de España poida aplicar contra o soberanismo catalán e, con arrecendo de involución autonómica, anunciara a súa intención de forzar unha votación na propia Cámara para que o resto de grupos "avalen" ou "condenen" a independencia de Catalunya e os medios empregados polo Govern para acadala. A proposta sairá adiante, en calquera caso, grazas á maioría absoluta conservadora, segundo principal argumento de Alberto Núñez Feijóo na sesión.

Tras realizar un breve balance de evolución de datos económicos e resumir medidas que o Goberno se dispón a aplicar, sobre todo en materia de rebaixas selectivas de impostos, chegou a quenda para os discursos de En Marea, do PSdeG e do BNG, que deron paso ao debate propiamente dito. Foi neste punto no que, alén Catalunya o presidente bosquexou en desapaixonados retruques a que veu presentar como única Galicia posible, a avalada por "case a metade" do electorado nas últimas eleccións fronte a uns grupos da esquerda cuxas propostas son, no mellor dos casos, apenas "respectables".

O xefe do Executivo defende que o país marcha substancialmente mellor que cando asumiu o poder, comparación que realizou botando man por noveno ano consecutivo do cada vez máis afastado Goberno bipartito de PSdeG e BNG. Neste contexto potenciou a súa estratexia do último ano de deslexitimar e menosprezar o voceiro de En Marea, Luís Villares, dubidar da representatividade de Xoaquín Fernández Leiceaga como voz autorizada do PSdeG e tratar a Pontón con suposto "respecto", pero presentándoa como unha novata trabucada, o que levou a que a líder nacionalista censurase o seu "paternalismo".

O presidente mesmo atribuíu a Villares e en parte a Pontón insultos e faltas ao respecto cara á súa persoa que non concretou -na contorna de ambos grupos mantense que non se produciron, pero o equipo do presidente, que se burlou dos grupos da esquerda nas redes sociais durante toda a sesión, preparara para seren lidos-. Acusou neste contexto a toda a oposición de "vivir de eslóganes e frases feitas" fóra das cales non existen medidas concretas e, polo tanto, escaso risco de que o Goberno mude de cor política, presentou en treitos do debate nos que por veces deu en se perder nos intentos por contradicir datos numéricos expostos pola esquerda que valorou como erróneos ou falsos.

Público asistente ao debate de política xeral / Parlamento de Galicia

Así, de entre todas as medidas formuladas dende a esquerda o xefe do Goberno apenas respondeu ás de debater sobre reformas do modelo de Estado e, máis concretamente, á de retomar a elaboración dun novo Estatuto de Autonomía, lanzada por Leiceaga. Nun momento no que está en xogo "a unidade constitucional", "non conten comigo" porque "non é o momento". A negativa sorprendeu escasamente no hemiciclo, do que Feijóo se despediu esgrimindo o "galeguismo orixinal" que, afirma, caracteriza o Goberno da Xunta do PP, o mesmo Executivo cuxo exemplo amosa como antídoto para os, ao seu xuízo, males do soberanismo en xeral e do catalán en particular.

Finalizou así un debate no que, no que atinxe ao Goberno, só o ataque ao independentismo elevou a curva das emocións e da intensidade, mesmo nunha bancada popular que no resto da sesión só reviviu para descualificar, sen excesivo ímpeto, a algúns dos membros da oposición. Pola banda esquerda, mentres, dise aspirar a unha alternativa necesariamente en construción no noveno ano con Feijóo no poder.

Mensaxes difundidas do PP en Twitter como burlas á oposición durante o debate

Luís Villares, voceiro de En Marea © Parlamento de Galicia
Xoaquín Fernández Leiceaga, voceiro do PSdeG © Parlamento de Galicia
Ana Pontón, voceira do BNG © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.