A Consellería de Medio Ambiente “autoriza o inicio dos traballos” para volver incluír na Plisan, o maior polígono de Galicia, un millón de metros cadrados que o alto tribunal obrigara a deixar fóra por unhas características naturais xa arrasadas pola propia Xunta
A Consellería de Medio Ambiente publicitou este martes que “a Xunta autoriza o inicio dos traballos para ampliar a superficie comercializable da Plisan en 1 millón de metros cadrados”. A medida que se atribúe en exclusiva o Goberno galego non é responsabilidade única súa senón tamén da Autoridade Portuaria e da Zona Franca de Vigo, socias no proxecto da Plataforma Loxística Intermodal de Salvaterra-As Neves (Plisan), na que aínda agora se están comezando a instalar as primeiras empresas tras dúas décadas de trámites e máis de 230 millóns de euros de investimento. [231 millóns de euros e 20 anos de trámites: Feijóo pon cifras á desfeita do maior polígono de Galicia].
Dentro dese millón de metros cadrados hai 700.000 que unha sentenza do Tribunal Supremo de 2010 obrigou a deixar fóra porque eran solo rústico de especial protección forestal ao que a Xunta mudou ilegalmente a súa cualificación. Pero a sentenza chegou cando os terreos xa foran expropiados, cortadas as súas árbores e arrasados ata modificar por completo o seu relevo. O pasado ano a propia Xunta responsable daquela recualificación ilegal deu por “perdido o interese natural” dese espazo e agora “autoriza o inicio dos traballos” para volver incluílo formalmente na Plisan e “obter uns 600.000 metros cadrados de novas parcelas lucrativas”.
A Plisan comezou a impulsarse hai dúas décadas polas tres administracións implicadas con máis de catro millóns de metros cadrados. Pero en 2010 o Tribunal Supremo acabou sentenciando que a figura legal coa que a Xunta aprobou o proxecto non podía impoñerse sobre a ordenación urbanística do solo que tiñan os terreos, clasificados en parte como non urbanizables de especial protección forestal, xa que esa protección corresponde a “un acto regulado, substraído, polo tanto, á discrecionalidade da Administración”. Isto é, se eses terreos tiñan de feito determinadas características forestais, protexidas pola lexislación do solo estatal, a Xunta non podía mudar -nin ordenar aos concellos que mudasen- a ordenación urbanística que os protexía como terreos forestais.
Fronte á sentenza do Supremo de 2010, hai un ano a Xunta argumentou que devolver o terreo ao estado natural que ela mesma xa arrasara "ten un custo moi elevado"
Cando chegou esa sentenza do Supremo os terreos xa nin tiñan árbores nin sequera a orografía orixinal porque as tres administracións implicadas na Plisan xa iniciaran os traballos de explanación. Temporalmente deixaron de consideralos como parte da Plisan, que se reduciu de catro a tres millóns de metros cadrados. Pero o pasado ano o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), a entidade da Xunta dependente da Consellería de Medio Ambiente que se encarga da xestión dos polígonos empresariais, comezou a tramitar unha modificación do Plan de Áreas Empresariais de Galicia que se aprobou en 2014 para, entre outras cuestións, volver incluír na Plisan o millón de metros excluídos pola sentenza do Supremo.
O argumento que empregou foi que “na data de emisión da sentenza do Tribunal Supremo, os terreos [...] eran xa propiedade das entidades promotoras e tiñan a urbanización xa iniciada”, ao que engadiu que “especial relevancia ten o feito de que a explanación do terreo implicou un importante volume en desmonte de terras, deixando o terreo sen a potencialidade forestal que tiña no seu estado natural”. Por iso, concluíu que “perdido o interese forestal e natural e, considerando que a acción de recompoñer o terreo ao seu estado inicial ten un custo moi elevado, a reversión, tanto física como de titularidade do solo, non é unha opción viable”.
En 2010 o Supremo estableceu que a Xunta non podía mudar a clasificación urbanística duns terreos que tiñan de feito unhas determinadas características naturais, pero agora, perdidas esas características, a Xunta espera "obter uns 600.000 metros cadrados de novas parcelas lucrativas"
Esa política de feitos consumados para a inclusión dese espazo na planificación xeral das áreas empresariais de Galicia avanza agora un paso máis. O acordo tomado este martes polas tres administracións implicadas na Plisan pero que a Xunta se atribúe a si mesma suporá a integración formal deses terreos no polígono a través dun proxecto de interese autonómico cuxa redacción o Goberno galego di que contratará “de xeito inminente”.
“Con esta autorización poderase impulsar a ampliación da zona lucrativa da maior área empresarial do noroeste do país”, salienta Medio Ambiente, que xustifica a medida no interese que están amosando diversas empresas en asentarse no polígono e “garantir a posibilidade de atender a futura demanda”. A consellería encargada de velar polo Medio Ambiente calcula que “o ámbito no que se proxecta o crecemento do parque abrangue unha superficie de ao redor de 1 millón de metros cadrados dos que se poderían obter uns 600.000 metros cadrados de novas parcelas lucrativas”.