De Nunca Máis a Angrois, as denuncias en Galicia de Manos Limpias que quedaron en nada

Manos Limpias denunciou a Nunca Máis por apropiación indebida e tentou sen éxito persoarse na investigación de Angrois CC-BY-SA Praza Pública

A organización que está tras a denuncia á muller de Pedro Sánchez participou en varias ocasións en casos xudiciais galegos significativos 

"Pseudosindicato ultradereitista" é a denominación que coinciden en aplicar diversos medios estatais a Manos Limpias, a organización detrás da denuncia pola que un xuíz vén de abrir dilixencias previas por presunta corrupción contra a muller de Pedro Sánchez. Acúsana de suposto tráfico de influencias en favor de empresas coas que traballou, o que levou o presidente do Goberno de España a pedir uns días para meditar se o luns renuncia ou non ao cargo ante o que considera un "acoso" no que outorga ao líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, o papel de "colaborador necesario". 

O novo protagonismo de Manos Limpias, organización liderada por Miguel Bernad, que foi secretario xeral de Fuerza Nueva e do Frente Nacional, chega despois de que en marzo o Tribunal Supremo anulase unha condena da Audiencia Nacional por extorsión a bancos aos que pedían cartos a cambio de evitar accións xudiciais. Denuncias xudiciais que Manos Limpias vén interpoñendo en todo tipo de casos, tamén en Galicia.

Miguel Bernad, líder de Manos Limpias, que foi secretario xeral de Fuerza Nueva © Manos Limpias

En 2003 Manos Limpias presentou unha denuncia contra Nunca Máis acusando a plataforma de estafa e apropiación indebida, unha demanda que foi tramitada en só tres días polo daquela fiscal xeral do Estado, Jesús Cardenal. Manos Limpias argumentaba que Nunca Máis destinaba "a actividades políticas" os 90.000 euros que recadara e quería imputar os responsables da plataforma, o propietario do seu dominio web e as persoas autorizadas a manexar a conta corrente destinada a recoller fondos. Tres anos despois a querela foi arquivada, ao non atopar o xulgado de Corcubión indicios de delito económico.

Manos Limpias adoita sumarse a casos mediáticos xa en marcha, como fixo na causa que rematou coa condena e inhabilitación do ex-presidente da Deputación de Ourense José Luis Baltar por enchufar máis de cen persoas na institución provincial.

O mesmo intentou na instrución xudicial polo accidente de Angrois, pero os seus esforzos, antes de desaparecer do caso, acabaron centrándose nunha particular loita contra Baltasar Garzón. 

Querela de Manos Limpias tras o accidente de Angrois CC-BY-SA Praza Pública

A acusación de apropiación indebida de Manos Limpias a Nunca Máis acabou arquivada, e a organización acabou retirándose da instrución xudicial de Angrois cando o xuíz lle pediu 3.000 euros de fianza para seguir

Ao día seguinte do accidente, con 80 mortos, Manos Limpias presentou unha denuncia que un mes máis tarde elevou a querela reclamando persoarse como acusación popular contra o maquinista do tren Alvia sinistrado así como contra responsables de Adif e Renfe. No caso de Angrois tamén estaba persoado, como avogado dunha vítima, Baltasar Garzón, a quen Manos Limpias conseguira suspender do seu posto na Audiencia Nacional uns anos antes por investigar os crimes do franquismo -Garzón sería absolto por ese caso antes de ser condenado e apartado da carreira xudicial por ordenar escoitas ilegais a varios detidos do caso Gürtel-.

Con eses antecedentes de loita entre eles, Garzón e Manos Limpias acabarían enleados en recursos e impugnacións sobre o dereito ou non do sindicato a participar na instrución do accidente de Angrois. Garzón chegou a argumentar nun escrito que Manos Limpias podía "buscar a instrumentalización do procedemento penal para fins alleos á Xustiza, xerando un desgaste dos operadores xudiciais", ao que Manos Limpias respondeu que era unha acusación "espuria e grave". 

Un dos varios recursos e impugnacións que se intercambiaron Baltasar Garzón e Manos Limpias ao comezo da causa sobre o accidente de Angrois CC-BY-SA Praza Pública

O xuíz instrutor condicionou a persoación de Manos Limpias na causa a que depositase unha fianza de 3.000 euros, ante o que a organización argumentou que só se financiaba con cotas de afiliados e lotaría de Nadal, reclamando que non se lle esixise fianza ou que esta fose mínima. A xustiza acabaría ratificando a petición de fianza, Manos Limpias desapareceu da causa e Garzón deixou de ter protagonismo como avogado de vítima.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.