Dez anos do fondo público-privado para financiar as actividades da Cidade da Cultura: quedan 9 dos 23 millóns

Marcas de empresas participantes no 'fondo Gaiás', nunha imaxe de arquivo dunha actividade na Cidade da Cultura CC-BY-NC-SA Praza Pública

Tras gastar a Xunta nos primeiros anos entre dous e tres millóns por exercicio, o consumo do fondo estabilizouse nun millón ao ano, o que reduce o seu futuro a menos dunha década

O 29 de decembro de 2008 a Xunta, daquela gobernada por PSdeG e BNG, e unha quincena de empresas privadas constituían a Fundación Gaiás cun capital de 23 millóns de euros, a metade públicos e a metade privados, destinada a financiar as actividades da Cidade da Cultura. Era o xeito que atopaba o bipartito de atraer cartos privados, a xeito de patrocinios, cos que encher de contido un complexo cuxa construción material estaba a consumir ducias de millóns das arcas públicas. Unha década despois, a 31 de decembro do pasado ano, aquel fondo fica reducido a 9,2 millóns, segundo reflicte a auditoría das contas da Cidade da Cultura que vén de ser aprobada.

A construción da Cidade da Cultura leva consumidos uns 300 millóns de euros das arcas autonómicas desde que foi ideada por Manuel Fraga hai agora 20 anos, e a Xunta prevé que os traballos pendentes de executar requiran doutros 27 millóns ata 2021. Son cartos públicos que se están a investir a través da tamén pública Fundación Cidade da Cultura. Pero coas obras dos dous primeiros edificios dos seis que ía ter o complexo xa notablemente avanzadas, a Xunta ideou unha paralela Fundación Gaiás, participada por ela mesma e por unha quincena de empresas privadas que achegaron a medias un total de 23 millóns de euros para ir pagando as actividades culturais do complexo. 

Logotipos dos padroeiros da Fundación Gaiás © Xunta

Apenas un ano despois da apertura dos dous primeiros edificios do complexo o Goberno de Feijóo xa gastara 3 millóns do fondo

Finalmente non sería o bipartito de PSdeG e BNG senón o Goberno de Feijóo o que comezaría a aproveitar aquel fondo cando abriron as portas os dous primeiros edificios do complexo, en xaneiro de 2011, e a finais daquel ano xa se gastaran 3 millóns de euros. O ritmo de gasto daquel fondo para patrocinar actividades culturais e encher de contido o complexo continuou sendo elevado nos primeiros anos de funcionamento da Cidade da Cultura, con dificultades para coñecer as cifras exactas co argumento por parte da Xunta de que aquela, malia ter entre os seus socios a entidades tamén públicas como as caixas de aforros, era unha “fundación privada”. Con todo, en 2015 a Fundación Gaiás foi disolta e o que quedaba daquel fondo económico foi encomendado, para os mesmos fins, á pública Fundación Cidade da Cultura, que foi moderando o gasto do mesmo.

O 'fondo Gaiás' vén permitindo á Consellería de Cultura maquillar os seus orzamentos ante as críticas doutros actores do sector por apostar por ese complexo fronte a outras iniciativas

O consumo dese fondo Gaiás estabilizouse nos últimos exercicios nun millón de euros ao ano. As exposicións, concertos e outras actividades da Cidade da Cultura veñen obtendo tamén fondos a través de convenios puntuais con diversos departamentos da Xunta ou patrocinios con empresas privadas, pero o fondo Gaiás segue a ser unha parte importante do financiamento desas actividades e vén permitindo á Consellería de Cultura maquillar os seus orzamentos xerais ante as críticas doutros actores do sector por apostar por ese complexo fronte a outras iniciativas

Nos tres primeiros anos o fondo obtivo 562.000 euros en xuros, pero o ano pasado foron só 6.800 euros

Agora, unha década despois da súa creación e ao ritmo actual de consumo, no fondo Gaiás quedan cartos para menos dunha década sen que nin a Xunta nin a Fundación Cidade da Cultura fixesen públicos plans para recapitalizalo, opción que xa non podería contar con varias das firmas que achegaron cartos no seu momento, hoxe desaparecidas ou con problemas económicos. 

Por outra banda, durante os seus primeiros anos os xuros que daquela ofrecía o mercado bancario permitiron que por esa vía se mantivese algunha compensación dos gastos, 562.000 euros nos tres primeiros anos. Porén, se os xuros obtidos en 2017 polos 10,2 millóns que quedaban a finais daquel ano no fondo ascenderon a só 15.000 euros, os 9,2 millóns existentes a 31 de decembro pasado só renderan no último ano 6.800 euros en xuros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.