Día 13 | Batalla inédita pola dereita, cortesía inusual pola esquerda

Comezo do debate electoral en Atresmedia cunha imaxe de fondo do Congreso dos Deputados © Atresmedia

O equipo de Pedro Sánchez formulou a campaña electoral do 28A como unha caste de guerra lóstrego que, tras un par de días de introdución ata o Domingo de Ramos, ficase parcialmente conxelada ata o martes, día 23, no que un único debate televisivo en Atresmedia apuntalase a súa condición presidencial fronte ao risco real dunha alianza do PP con Ciudadanos e o partido de extrema dereita Vox. Os coñecidos avatares cos debates obrigaron o PSOE a reformular o guión. 

Non obstante, Sánchez sae practicamente sen danos das dúas citas televisivas en RTVE e Atresmedia. Sen brillar, non semella que perdese moita expectativa electoral e os sufraxios que puidese deixar polo camiño semella que irán fundamentalmente a Unidas Podemos. Máis que por graves erros do socialista, polo ton e propostas dun Pablo Iglesias que, posiblemente, logrou a reconciliación cunha parte do electorado desencantado coa formación nos últimos anos e, ao tempo, foi máis ben cortés con Sánchez.

Sánchez sae practicamente sen danos das citas televisivas e os sufraxios que puidese perder no camiño semella que irán a Unidas Podemos grazas á reconciliación de Iglesias con parte do seu electorado; ambos asistiron satisfeitos á batalla pola dereita 

Ambos, Iglesias e Sánchez, asistiron, sen disimular a satisfacción, á batalla entre Pablo Casado e Albert Rivera no plató da canle do Grupo Planeta polo liderado do bloque da dereita na cita coas urnas. O mesmo bloque que este martes ollaba de esguello á praza de touros dunha localidade madrileña que enchía Vox -aqueles dos que non falamos- case á mesma hora con mensaxes vociferantes que permiten saber, sen excesiva imaxinación, como sería Blas Piñar se tivese Twitter e coñecese a Donald Trump. En YouTube tiñan conectadas unhas 15.000 persoas. Non obstante, a audiencia do debate foi moi alta, con máis dun 50% e con Galicia entre os territorios que máis o seguiu.

Rivera saíu o luns do plató de RTVE entre parabéns especialmente da prensa conservadora, que o elevou á categoría de vencedor do debate, e acabou derrapando nas curvas de Atresmedia, onde as acusacións de "nerviosismo" que reiteraba cara a Sánchez semellaban, máis ben, unha proxección de si propio. Para a historia queda a petición a Sánchez de que parase de mentir para poder facelo el. "Xa rematou vostede de mentir, agora tócame a min", dixo. Tamén o inefable momento da entrega dunha copia da tese do actual presidente do Goberno de España.

Albert Rivera saíu o luns do debate de RTVE entre parabéns e acabou derrapando nas curvas de Atresmedia mentres Casado recuperaba, en boa medida, o terreo perdido na súa parcela

Casado quixo recuperar o martes o terreo perdido e, en boa medida, logrouno en áreas como a económica exhibindo algunhas cifras certas e outras máis ben forzadas ata chegar a terreos lindeiros coa mentira. Fíxoo utilizando gráficos sen eixos para falar dun suposto devalo da contratación indefinida por culpa do PSOE ou dunha proposta de subir impostos ao diésel de menos da metade do que o líder popular afirmou. Apenas houbo sorpresa nas continuas mencións a Catalunya, igual de previsibles que as de Rivera mentres Sánchez negaba pactos coas formacións independentistas.

O aspirante do PP volveuse enredar nas cuestións de xénero, caendo no tópico de presentarse como defensor dos dereitos das mulleres polo feito biolóxico de ter nai. Neste eido Sánchez tamén circulou polas fronteiras da verdade e a mentira ata caer máis ben na segunda ao insinuar que unha carta remitida por un particular á Junta de Andalucía esixindo coñecer datos do persoal que loita contra a violencia machista formaba parte da vaga de "listas negras" impulsada por Vox. A petición é moi semellante á da formación de extrema dereita, pero non parte formalmente dela nin do Goberno de PP e C's nesa comunidade.

Entre a sensación de liorta xeral emerxeu Iglesias nun papel que ninguén lle atribuiría hai pouco tempo

Entre a sensación de liorta xeral emerxeu Iglesias nun papel que ninguén lle atribuiría hai pouco tempo; lanzando propostas pero tamén apelando á calma e mesmo á educación que, advertiu, lle faltaba ao alterado Albert Rivera. O líder de Unidas Podemos reiterou a súa vontade de pactar un goberno co PSOE -Sánchez rexeitou dun xeito relativamente máis claro unha eventual coalición con Ciudadanos- como mellor garantía para levar adiante medidas concretas, caso dunha nova suba do salario mínimo, do control dos prezos do alugueiro ou do desmantelamento das "cloacas do Estado".

Casado, Iglesias, Sánchez e Rivera, con Vicente Vallés e Ana Pastor, que moderaron o debate © Atresmedia

O desacougo mantense porque o potencial voto aos da praza de touros semella estar fóra de todos os radares. Hai medo á sorpresa

É así como as catro principais formacións abordan a recta final da campaña tras un segundo debate no que a única mención expresa a Galicia chegou pola banda de Casado. Para argumentar o seu rexeitamento á eutanasia, gabouse da lei galega de dereitos das persoas enfermas terminais, impulsada polo PSdeG en 2015 e aprobada por unanimidade para regular o ámbito dos coidados paliativos. 

Nun contexto normal cabería deducir que o bloque da esquerda saíu reforzado das contendas televisivas e que eventuais alianzas coas ausentes forzas soberanistas lle permitirían tecer unha maioría tras o 28A. Pero o desacougo mantense porque o potencial voto aos da praza de touros, aos do Palexco no día previo, semella estar fóra de todos os radares e hai medo á sorpresa. "Estamos moi preto", animou Pedro Sánchez á audiencia en referencia a unha vitoria ampla do PSOE. O caso é saber moi preto de que.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.