José Luis Mira Lema ocupou diversos cargos con Fraga e Aznar e era secretario xeral de Educación ata que en maio Rueda o rebaixou a director xeral, posto no que tiña como segundo a un fillo
Apenas catro meses despois de que tras a chegada de Alfonso Rueda á presidencia da Xunta se reformulase a cúpula da Consellería de Educación, á súa vez reorganizada previamente só ano e medio antes por Feijóo, este xoves o Goberno galego vén de facer oficial a dimisión dun dos máis veteranos altos cargos da Xunta, José Luis Mira Lema.
Con postos de responsabilidade xa nos gobernos de Manuel Fraga na Xunta e de José María Aznar no Estado, Mira Lema fora degradado de secretario xeral a director xeral hai catro meses. Agora deixa o posto tras comunicalo persoalmente a Rueda, por riba seu xefe directo o conselleiro de Educación, Román Rodríguez.
Mira Lema, nacido en Cabana de Bergantiños en 1954 e inspector educativo de carreira, foi director xeral de Ordenación Educativa e FP con Fraga entre 1996 e 2000, e pasou daquela a ser director xeral de Educación e FP no Goberno de Aznar. Feijóo recuperouno para a Xunta no seu primeiro executivo, no que foi novamente director xeral de Educación e FP ata 2012. Despois tivo postos de conselleiro en diversas embaixadas españolas e foi novamente recuperado por Feijóo hai agora dous anos, cando reunificou as consellerías de Educación e Cultura tras o fracaso na primeira da ex-conselleira Carmen Pomar.
Á fronte da nova consellería reunificada quedou o ata daquela conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e quen era secretario xeral técnico desa área, Manuel Vila, seguiu no mesmo posto no departamento reunificado, o que supuxo o cesamento doutro veterano, o que viña sendo secretario xeral de Educación, Jesús Oitavén. Foi Mira Lema quen acabou sendo secretario xeral de Educación e FP, posto que conviviu coa secretaría xeral técnica de toda a Consellería de Cultura e Educación.
Pero hai catro meses, coa chegada de Rueda á presidencia, suprimiuse a Secretaría Xeral de Educación e FP e dividiuse en dúas direccións xerais de rango inferior, quedando Mira como director xeral de FP, o que na práctica supuxo unha degradación a respecto do seu anterior cargo na que perdeu, entre outras, as competencias en materia de inspección educativa. Ao tempo, a paralela e nova Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa foi para Judith Fernández, ata daquela xefa territorial en Ourense.
Agora Mira, a quen un fillo acompañou como subdirector xeral nos últimos tempos, marcha por petición propia, segundo aseguro este xoves o propio Rueda, que revelou que o xa ex-alto cargo o chamara en persoa para comunicarlle a súa decisión. A Rueda preguntáronlle na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta se a dimisión é froito dalgún tipo de malestar entre Mira e o conselleiro, Román Rodríguez, ao que o presidente respondeu que non percibiu que haxa unha razón concreta nin un desaxuste ao respecto da dirección xeral en cuestión que sería, dixo, o que lle preocuparía.
“Simplemente estas cousas pasan”, di Rueda
Malia que a dimisión se produce apenas catro meses despois de tomar posesión do posto, Rueda falou da intensidade do traballo nese posto e agradeceu a Mira os servizos prestados. Agora a dirección xeral de FP será para María Eugenia Pérez Fernández, ata agora subdirectora xeral de Innovación, Orientación e Formación de Recursos Humanos tamén no departamento de Educación. “Simplemente estas cousas pasan”, dixo Rueda.