Do Picasso catalán á autora padronesa de 'Poemas galegos'

Feijóo, na casa de Rosalía de Castro © Xunta

No último día do ano 2012 o mundo literario galego xogoulle unha mala pasada ao presidente da Xunta. Nesa xornada a Xunta difundira a tradicional mensaxe de fin de ano do xefe do Executivo e nela Alberto Núñez Feijóo aseguraba falar dende "a casa natal de Rosalía de Castro", en Padrón, unha aseveración que bate de cheo coa historia, toda vez que a poeta naceu en Santiago de Compostela, nomeadamente nunha casa dos arrabaldos da cidade, no que actualmente é a Praza de Vigo. Este xoves a literatura volveulle xogar unha mala pasada a Feijóo, que bateu de novo na pedra rosaliana.

Desta volta o lapso non estaba gravado, senón que foi ao vivo, no plató da canle V Televisión, onde o presidente era entrevistado por varios xornalistas. Contra o remate da intervención televisiva un dos entrevistadores cuestionouno a respecto da súa obra preferida das letras galegas, aproveitando a proximidade das conmemoracións do 17 de maio. "Evidentemente, as obras de Rosalía de Castro son o noso Quixote", respondeu o presidente. "Pero, cal?", volveu ser cuestionado. "Poemas galegos, pode ser?", retrucou, é de supoñer que en referencia aos celebérrimos Cantares gallegos, erro que causou un incómodo silencio na mesa do programa e que derivou, xa este venres, en que o BNG lle enviase como agasallo un exemplar de Cantares gallegos "co desexo de que non acabe na Cidade da Cultura".

"Non sei se o señor Picasso era catalán, pero creo que si", sinalou Feijóo en 2010

Rosalía de Castro e as súas obras non son os únicos elementos do mundo das letras e das artes que lle xogaron unha mala pasada a Feijóo. En xullo de 2010, en plena controversia pola prohibición das touradas en Catalunya, o líder da dereita galega quixo botar man dalgún catalán ilustre para tentar acreditar que a tauromaquia pertence á tradición dese territorio. "Cando se revisa a pinacoteca de Picasso advírtense bastantes asuntos de tauromaquia; non sei se o señor Picasso era catalán, pero creo que si", reflexionou.

Máis recentemente, en maio de 2013, as dificultades chegaron no ámbito da música e non por un dato biográfico erróneo, senón por mor da pronuncia dunha verba inglesa. Naquela ocasión a Feijóo correspondeulle anunciar as persoas gañadoras da Medalla Castelao e, entre elas, figuraba o galardón conxunto ao músico galego Carlos Núñez é á banda irlandesa, The Chieftains. Nese momento o titular da Xunta amosou serias dificultades para pronunciar o nome do grupo liderado por Paddy Moloney, provocando a hilaridade entre a prensa que cubría o acto.

Feijóo, na casa de Rosalía de Castro © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.